DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O material está valorado en arredor de 75.000 euros

O Grupo Ephyslab recibe catro equipos científicos de medición da calidade do aire doados por Endesa

Empregarase en proxectos de investigación e docencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 07/02/2019

O grupo de investigación da Universidade de Vigo Ephyslab recibiu este xoves catro equipos científicos de medición da calidade do aire por parte de Endesa. A doazón, aprobada previamente en Consello de Goberno e no Consello Social da Universidade de Vigo, está valorada segundo o grupo beneficiario en arredor de 75.000 euros. Os aparellos, procedentes da Unidade de Produción Térmica As Pontes, terán unha segunda vida en proxectos de investigación e docencia no campus de Ourense.

A sinatura da acta de recepción contou coa asistencia tanto de representantes da Universidade de Vigo coma de Endesa. Enrique Barreiro, director do Campus da Auga, salientou como “este tipo de accións de fomento do patrocinio e o mecenado interesa de maneira especial ao actual equipo reitoral”. Barreiro amosou o desexo de que “esta sexa a primeira de moitas accións de colaboración futuras de Endesa con este campus, con este grupo e co Campus da Auga” e animou ás empresas en xeral “a ser mecenas da universidade”, algo que, indicou, “ás veces é tan sinxelo como doar equipamento que non serve para o uso diario nunha empresa pero que ten a súa prolongación perfecta no ámbito da investigación ou a docencia, como é este caso”.

Pola súa banda, Miguel Temboury, director xeral de Endesa Noroeste, salientou como “celebramos a continuidade destes equipos” e o feito de que a doazón se faga en Ourense xa que “Endesa ten un forte vínculo con esta provincia, na que xestionamos cinco centrais hidráulicas, Cornatel, Quereño, San Sebastián, San Agustín e Prada, que suman 207 megavatios”. A doazón feita, engadiu o director xeral de Endesa Noroeste, “é unha expresión pública de agradecemento á contorna social das nosas instalacións e a Galicia en xeral, da que formamos parte despois de décadas e décadas de arraigo na comunidade”.  

Usos concretos

Os equipos doados son catro analizadores: un de óxido de nitróxeno (Monitor Labs9841B s/n M-546); outro de dióxido de xofre (Monitor Europe 9850B s/n 1581583); outro de ozono (Dasibi 1008RS s/n 6811) e outro de partículas (PM10 TEOM 1400 s/n 2283). O material procede da Unidade de Produción Térmica As Pontes, instalación que, sinalan desde a empresa, cumpre “os máis esixentes” estándares ambientais, con diversas certificacións internacionais, polo que a súa dotación tecnolóxica, da que proceden os equipos doados, “é moi elevada”.

Moncho Gesteira, investigador principal do Grupo Ephyslab, destacou como esta doazón “é un sopro de aire fresco na nosa investigación e na nosa docencia”. Así subliñou “como este tipo de equipos entronca con algo co que a nosa sociedade está cada vez máis preocupada, que é a calidade do aire, cabalo de batalla de calquera cidade. E medir a calidade do aire non é barato”. Segundo explicou, os equipos recibidos, “son equipos máis que útiles” para os usos previstos. Ademais, engadiu Moncho Gesteira, o obxectivo é que “sirvan tamén para que o alumnado aprenda non só conceptos teóricos senón que aprenda o máis importante, o que é a base da ciencia, que é medir”.

Juan Antonio Añel, investigador de Ephyslab e responsable dos proxectos que deron lugar á colaboración e á cesión de tecnoloxía de Endesa, apuntou trala celebración do acto como os equipos utilizaranse “para labores de investigación relacionados con proxectos de investigación que temos en marcha, como un estudo da contaminación por ozono, chamado Proxecto Doppler, financiado pola Xunta de Galicia”. Así, explicou, “xunto con outros instrumentos dos que dispoñemos na Universidade agardamos complementar con medidas adicionais de calidade do aire as existentes na cidade, provistas pola Xunta de Galicia e o Concello”.