DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de difusión celebrada este xoves no campus

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio pon en valor o seu potencial

Co obxectivo de fomentar a súa actividade de investigación e transferencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/01/2020

Co obxectivo de visibilizar, pór en valor e incrementar o seu potencial no eido da investigación e a transferencia, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo celebrou este xoves no campus de Ourense a súa primeira xornada de difusión. A cita realizouse nun momento no que o equipo, formado por arredor de 40 persoas, está a vivir unha etapa de crecemento tanto en membros como en proxectos.

“O GEAAT é un grupo moi multidisciplinar que neste momento ten un enorme potencial para a colaboración tanto en proxectos como en actividades de investigación e transferencia”, comentou na inauguración da xornada Beatriz Comendador, unha das investigadoras principais do grupo. Incidindo nestas características, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, recalcou nas súas palabras como “este é un grupo que ten moita actividade, é un exemplo do bo facer dentro dos grupos de investigación da nosa Universidade”. Pola súa banda, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, sinalou a satisfacción que supón para o seu centro o feito de que “a maior parte dos integrantes deste grupo é xente que dun xeito ou doutro está vinculada á nosa facultade”.

Unha “imaxe de conxunto”

Segundo explicou Beatriz Comendador, a xornada de difusión tivo como obxectivo ofrecer “unha imaxe de conxunto” do GEAAT, expondo nela boa parte dos seus membros o traballo que están a realizar nas súas respectivas liñas de investigación. Previamente á xornada, o grupo celebrou no edificio do Campus da Auga, onde conta con diversos espazos, unha xuntanza de seguimento na que se abordaron as liñas de traballo abertas. Nun momento no que “hai bastantes incorporacións novas”, Beatriz Comendador indicou como as actividade celebradas este xoves trataron de converterse “nun punto de encontro para homoxeneizar e perfilar ben as nosas liñas de investigación, dando a coñecer dentro e fóra do propio grupo as cousas que facemos e como as facemos”.

No Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, lembraron os seus responsables, conflúen diversas perspectivas vinculadas ao estudo do territorio e os recursos naturais no noroeste peninsular, incluíndo a súa contorna espazo-temporal e as dinámicas doutros territorios vinculados. Así, as súas liñas de investigación son a Arqueoloxía e Antropoloxía Cultural; a Xeografía e Ordenación do Territorio e as Ciencias da Antigüidade, sumándose como liña transversal a todas elas o Patrimonio Cultural, a súa valoración, xestión, difusión e educación. Tendo como investigadores principais a Beatriz Comendador, Ladislao Castro, Fermín Pérez, Susana Reboreda e Elena De Uña, o GEAAT, explicouse nas actividades celebradas este xoves, agrupa persoal das áreas de Prehistoria, Arqueoloxía, Historia Antiga e Xeografía Física e integra desde profesorado funcionario a colaboradores externos, ascendendo en total a arredor de 40 persoas.

Ademais da participación en mestrados e programas de doutoramento, deste grupo, nado en 2011, os seus responsables destacaron aspectos como a súa produción científica e a súa participación no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. En 2019, detallaron, o GEAAT recibiu unha axuda na convocatoria do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitiva da Xunta de Galicia, na modalidade de Grupos con Potencial de Crecemento, que lle permite dar pulo ao seu desenvolvemento.