DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os seus investigadores “sería unha actuación na que todos gañarían”

O Grupo Gen avoga por mobilizar os 25.000 millóns de superávit dos municipios para afrontar a crise da COVID-19

Indican que os concellos galegos contan con 888 millóns de euros en concepto de fondos líquidos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 26/03/2020

O grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo avoga por mobilizar os 25.000 millóns de superávit dos municipios para afrontar a crise da COVID-19. “Ante unha crise profunda e inesperada”,  subliñan os seus responsables, “a necesidade de liquidez é vital: fai falta diñeiro para manter a demanda, para garantir que as empresas conten coa tesouraría necesaria para afrontar os pagos que deben facer, mesmo nunha situación de ERTE”. A liquidez, recalcan, é necesaria para que “o sistema non colapse no primeiro semestre do ano e para que no segundo se poida retomar a senda do crecemento económico”. Tamén é “indispensable”, engaden, que o Instituto de Crédito Oficial “lidere o proceso de fluxo do crédito”.

Os investigadores Santiago Lago, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Grupo Gen, e Alberto Vaquero, profesor da Universidade de Vigo e co-director da Red Localis na que participa este grupo, recollen así a proposta do economista da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla Diego Martínez “de mirar cara ao elevado importe dos saldos a favor que manteñen municipios e deputacións nos bancos, consecuencia dos sucesivos superávits que rexistraron estes anos”. Segundo indican desde o Grupo Gen, que ten a súa sede na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, calcúlase “que ese superávit supera os 25.000 millóns de euros, que non están a xerar rendibilidade dada a situación dos tipos de interese e de feito, en moitos casos, os custos de mantemento e custodia implican unha rendibilidade negativa para as corporacións locais”.

“Mobilizar estes recursos sería unha actuación na que todos gañarían. A cambio dunha remuneración baixa pero positiva, os municipios obterían un rendemento e o Tesouro unha fonte de financiamento máis barata que a opción de emitir débeda de tesouraría hoxe”, subliñan os investigadores da Universidade de Vigo nunha nota feita pública polo grupo de investigación este xoves.

Aprazamento do pago dos principais impostos locais

Este diñeiro, engaden os investigadores, podería utilizarse tamén para aprazar ata final de ano, sen recarga, o pago dos principais impostos locais. Desde o Grupo Gen lembran como desde o Observatorio Municipal de Galicia, instrumento da Red Localis, tense sinalado en repetidas ocasións como “a gran maioría dos concellos galegos gozan dunha excelente saúde financeira e poderían permitirse pagar as súas propias nóminas e facturas con cargo aos seus saldos en conta”. Así, detallan, “a liquidación de orzamentos dos concellos para Galicia en 2018, publicada pola Secretaría Xeral de Financiamento Autonómico e Local, amosa que os concellos galegos contan con 888 millóns de euros en concepto de fondos líquidos dentro do remanente de tesouraría”.

Nesta liña de análise, os expertos do Grupo Gen sinalan que se trataría de “diferir o momento de pago naqueles impostos locais que o permiten”, aplicándose aos impostos de natureza periódica, como son o IBI, o IAE e o IVTM, e deixando fóra desta proposta os que son de natureza accidental, como a Plusvalía Municipal e o ICIO, “que non permiten tecnicamente a súa aplicación”. “As cifras avalan esta proposta”, recalcan os investigadores da Universidade de Vigo, que indican como “o monto global do tres primeiros ascendeu a 822 millóns de euros, dos que 609 millóns corresponden ao IBI”.

Segundo explican desde o Grupo Gen, a súa proposta “desde o punto de vista da lexislación tributaria tampouco xeraría un problema. Bastaría con modificar o calendario do contribuínte, establecendo novos períodos para o pago da débeda tributaria”. Por último, os investigadores apuntan como “o remanente e os depósitos bancarios non se distribúen homoxeneamente”, sinalando como “nalgúns municipios eses depósitos sinxelamente non existen”. Por iso, detallan, “a medida debería aplicarse caso a caso e co consenso dos respectivos plenos municipais”. Porén, subliñan, “unha toma de posición favorable por parte da Federación Galega de Municipios e Provincias e, no seu caso, da Federación Española de Municipios e Provincias, axudaría a discutir en serio e con celeridade sobre este adiamento xeneralizado”.