DUVI

Diario da Universidade de Vigo

FastFlow 5G estuda como reducir a latencia extremo-a-extremo dun fluxo de datos en tempo real 

O grupo GTI da Universidade, seleccionado pola Unión Europea para desenvolver un proxecto sobre 5G

A investigación desenvolverase ao abeiro de ORCA, centrado na mellora de comunicacións sen fíos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • TIC
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 23/11/2018

Financiado pola Unión Europea no marco do programa H2020 co obxectivo de que UE lidere a tecnoloxía de comunicación 5G, permitindo que funcionen aplicacións como as que necesitan transmitir vídeo de ultra alta definición ou que precisan conectar millóns de dispositivos que conforman a “internet das cousas”, nacía en xaneiro do ano 2017 o proxecto ORCA, Orchestration and Reconfiguration Control Architecture. Na procura de que os grupos de investigación poidan probar os desenvolvementos que utilizan as novas tecnoloxías e creen experimentos complexos que logren que a tecnoloxía avance ata acadar os obxectivos marcados para as redes 5G, ORCA lanza unha convocatoria na que financia experimentos innovadores en diferentes categorías.

O proxecto FastFlow5G do Grupo de Tecnoloxías da Información do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo vén de ser seleccionado na primeira Open Call for Experiments de ORCA, na categoría Excelencia Científica, o que lle permitirá ao grupo GTI poñer en valor unha parte dos resultados máis recentes do seu traballo no ámbito das comunicacións 5G, concretamente os referidos a tecnoloxías de virtualización dos núcleos de rede, control de tráfico e virtualización de operadores. “Participar neste proxecto permítenos poñer en marcha os nosos desenvolvementos sobre as tecnoloxías de comunicación 5G, na contorna de proba que desenvolve o proxecto ORCA, ademais de permitirnos colaborar con outras institucións europeas punteiras, que están a traballar sobre as mesmas temáticas de comunicacións 5G”, explica Felipe Gil-Castiñeira, docente e investigador do grupo GTI, que destaca a importancia dos Open Calls competitivos cos que ORCA financia experimentos innovadores.

O proxecto europeo conta con distintos bancos de probas ou testbeds nos que se poden testar os desenvolvementos que utilizan tecnoloxías como a Radio Definida por Software e as Redes Definidas por Software (SDR e SDN) ou a compartición dinámica do espectro. “ORCA busca que os investigadores académicos e industriais leven estes escenarios de probas ata os límites e que creen experimentos complexos que logren que a tecnoloxía avance ata acadar os obxectivos marcados para as redes 5G”, aclara o investigador de atlanTTic. 

Un proxecto, varias aplicacións

FastFlow5G é un proxecto que estuda como se pode reducir a latencia extremo-a-extremo dun fluxo de datos en tempo real. “Grazas a isto será posible realizar tarefas de control remoto a través de redes celulares, por exemplo de drones e robots industriais, ou poderanse crear aplicacións de realidade virtual ou aumentada que funcionen sobre terminais móbiles moi sinxelos”, detalla Gil-Castiñeira, que participa neste proxecto xunto aos tamén investigadores de GTI David Candal, Pablo Fondo, Francisco Javier González Castaño, Carlos Pérez, Juan García e Rubén Pérez Vaz.

Para acadar o seu obxectivo, FastFlow5G desprega nos testbeds, preparados por ORCA un sistema completo e funcional de comunicación 4G/5G e se se detecta que a latencia que proporciona o sistema é demasiado alta para a aplicación que está utilizando a rede, móvense os elementos necesarios do núcleo de rede ao extremo desta, sen que as e os usuarios se decaten, nin teñan que realizar ningunha acción específica.