DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido polo profesor Xosé Manuel Buxán

Un grupo de investigación analiza as pegadas da cultura homosexual na sociedade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Lourdes Otero DUVI 09/10/2007

A cada vez maior presenza da cultura homosexual é, hoxe en día, unha feito na nosa sociedade. Para analizar esta realidade, así como as súas pegadas nos máis diversos ámbitos do espazo cultural, desenvolve o seu traballo o grupo de Minorías e Cultura Gay Lesbiana Bisexual e Transexual (GLBT) de Galicia.
O obxectivo é afondar e descubrir, no eido das humanidades e, especialmente no mundo da arte, as marcas homoeróticas que impregnan a cultura e a sociedade.
O grupo, no que toman parte os profesores da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán e Carlos Tejo, traballa en programas de apoio a estes colectivos minoritarios, no estudo do mercado GLBT como posibilitador de novas perspectivas económicas e sociais, ou na presenza da cultura homosexual na acción social das empresas e entidades públicas e privadas.
As liñas actuais céntranse en cuestións de etnicidade, periferias artísticas, performance, así como no estudo de autores como Blanco Amor ou a colaboración con diversos medios de comunicación mediante artigos de opinión.
Ademais, “Minorías e Cultura GLBT” traballa en colaboración con outros equipos da Universidade que investigan, dende os seus particulares eidos, temas relacionados coa sexualidade. Este é o caso, como sinala Buxán, “do grupo composto polas profesoras Beatriz Suárez Briones e María Xesús Fariña Busto, que se centran en xénero e feminismo”.

Orixe

Este grupo de investigación ten a súa orixe no ano 1995, cando o profesor Xosé Manuel Buxán organiza un curso de verán sobre estudos gays e lesbianos. “Foi a primeira vez que se reunían profesores universitarios de distintas disciplinas que investigaban sobre a homosexualidade nos máis diversos aspectos da cultura, dende a antropoloxía ata a estatística”, apunta Buxán.
Froito deste encontro foi a publicación do libro “Conciencia dun singular desexo” no que se compilaban todas as conferencias do curso.
Esta xuntanza foi o pistoletazo de saída do que se deu en chamar “Os estudos gays e lésbicos en España”. A partir de aí, sinala o investigador, “moitos profesores que participaron no curso realizaron outros arredor deste tema nas súas universidades”.
A reunión tivo continuidade nun curso posterior da Universidade Internacional Menéndez Pelayo no que participaron máis profesores e se abordaron novos temas como o tratamento gay na literatura. O positivo destes encontros, sinala Buxán, “é que, con eles, creouse toda unha rede de colaboración entre docentes universitarios que investigan nesta materia”.