DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co título 'Historias medievales para sensibilidade románticas' 

Un grupo de investigadoras reedita, actualiza e dá a coñecer relatos da época romántica ambientados no medievo

A obra, coordinada por Montse Ribao, recolle obras de entre os anos 1838 e 1914 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 18/01/2019

Un grupo de investigadoras da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coordinado por Montse Ribao, acaba de reeditar unha ducia de relatos descoñecidos polo gran público, baixo o título Historias medievales para sensibilidades románticas. O libro recolle en 198 páxinas relatos escritos na etapa romántica, entre 1838 e 1914, e ambientados na época de Juan II de Castela, rei na primeira metade do século XV, tempo que os escritores do XIX identificaban co seu, tanto pola riqueza cultural e literaria como polos conflitos políticos e bélicos deses anos. No volume, no que traballaron xunto a Ribao, María Ceide, Fátima Codeseda, María Teresa del Préstamo, Carmen Rodríguez, Leticia Placín, recompílanse contos románticos e romances históricos que as investigadoras consideraron que axudan ás e aos lectores a achegarse á narrativa breve da época e a coñecer unha obra, que na meirande parte dos casos, non se volveu a imprimir dende a súa publicación no século XIX . 

Unha temática medieval baixo unha ollada romántica

Os relatos publicados neste volume amosan moitas das obsesións literarias do século XIX: a expresión dos conflitos persoais e colectivos, as loitas polo poder, as guerras civís, os riscos políticos da ambición, traizóns, intrigas e xustas protagonizados polo rei Juan, o seu condestable Álvaro de Luna, o belicoso infante Enrique de Aragón, a infanta Catalina, os nobres Suero de Quiñones, o señor de Balse, os condes de Benavente, o contador Pérez de Vivero ou o xuíz Juan de Velázquez, así como por outros personaxes ficticios. Maila estes temas, son os escritores tamén os que “se recrean en pintar unha época que, para a imaxinación romántica, é a da cortesía, a dos grandes ideais, a das xustas, a dos poetas que troban ao tempo que na guerra ou no palenque son capaces de morrer pola honra”, explica Montserrat Ribao, coordinadora do volume.

En relación a esta temática, xorde o título da obra Historias medievales para sensibilidades románticas, xa que a visión que os escritores tiveron da Idade Medieval é a responsable de moitos tópicos sobre o medievo que seguen vixentes na actualidade. As autoras consideran que o volume pode resultar interesante tanto para especialistas na materia, “xa que son resultado dunha investigación rigorosa cunha perspectiva innovadora, así como para lectoras e lectores aos que lles gusten os contos de ambientación histórica, da Idade Media e boa literatura”, afirma Ribao.

Un longo proceso de recollida e adaptación de textos

Todos os contos incluídos no libro foron publicados en prensa, pero a meirande parte deles non volveu ser obxecto de atención e algúns non aparecen citados en repertorios bibliográficos sobre o conto decimonónico, polo que este volume publícase coa intención de actualizalos e dalos a coñecer. Como criterios para realizar a selección, tívose en conta a época na que están ambientadas as obras, o tempo de Juan II de Castela, para o que se recompilou a poesía do Cancionero de Baena, xa que os autores o identificaban co seu, tanto pola riqueza cultural e literaria, como polos conflitos políticos e bélicos deses anos.

A publicación destes relatos e non outros,  emana dun longo proceso de recollida de textos no que primeiro se atoparon os documentos, todos eles proceden da prensa española de entre 1838 e 1914, “en concreto do Semanario Pintoresco Español, El Panorama, El Guadalhorce, El Correo de Ultramar, Museo de las Familias, La Guirnalda, Álbum Científico, Artísitico y Literario del Ateneo de Cádiz y Los Contemporáneos”, explica a coordinadora. Neste proceso de busca interveu Tita Aboal, documentalista da Biblioteca Central da Universidade de Vigo, que xestiona as solicitudes de préstamo interbibliotecario, para poder localizar o último relato dos que conforman o volume, La venganza de Doña Leonor de Pimentil

Despois da localización, os relatos fíxáronse textualmente, adaptáronse ás normas gramaticais e de puntuación actuais sen desvirtuar o seu significado e, a maiores, estudáronse os textos no seu contexto estético e xenérico, “o que lles dá auténtico valor a estes relatos”, engade a docente.

Proxecto Nocelba

 A edición do presente volume, froito do traballo das investigadoras María Ceide, Fátima Codeseda, María Teresa del Préstamo, Carmen Rodríguez, Leticia Placín e coordinado por Montserrat Ribao,  insírese no proxecto Nocelba, nobles, oficiales y cortesanos en el entorno literario del Cancionero de Baena, escritura y reescrituras, encabezado polo docente e investigador Antonio Chas Aguión, da facultade de Filoloxía e Tradución. 

Neste proxecto editan e estudian, de xeito paralelo, “a poesía de Cancionero dende Enrique II a Juan II e a forma en que esa época é vista e reelaborada literariamente pola literatura dos séculos XVIII ao XXI”, explica Ribao. Desta perspectiva diacrónica xurdiron xa varios monográficos especializados, como os que se publicaron nas revistas Lectura y Signo y Crítica Hispánica en 2017, ou o volume Escritura y reescrituras en el entorno literario del Cancionero de Baena.