DUVI

Diario da Universidade de Vigo

M. Carmen Parafita e Osmer Balam traballan con investigadores de universidades dos Países Baixos

O grupo LVTC afonda no coñecemento do multilingüismo en Benín e Belice

Nos países de estudo o uso de varias linguas na mesma conversa é a práctica comunicativa preferida 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/01/2023

Cruzando fronteiras lingüísticas: na procura da capacidade lingüística humana en África Occidental e América Central (Crossing language borders: A quest for the human language capacity in West Africa and Central America) é un proxecto financiado polo Dutch Research Council (NWO) con 776.162 euros, que ten o obxectivo de mellorar a comprensión dos aspectos estruturais, sociais, culturais e cognitivos da comunicación multilingüe en dúas localizacións pouco estudadas: Benín, en África Occidental, e Belice, en América  Central. “Trátase de entender a fascinante habilidade humana de usar diferentes linguas nunha mesma conversa. Os multilingües poden incluso integrar elementos das  súas linguas nun único enunciado. Esta práctica, coñecida como alternancia de código, tende a ser estigmatizada no contexto europeo, pero é común e favorecida noutras partes do mundo onde o multilingüismo é a norma”, explica a docente e investigadora do grupo LVTC (Languaje Variation and Textual Categorisation) da UVigo M. Carmen Parafita Couto, que xunto co investigador afiliado a LVTC, e orixinario de Belice, Osmer Balam, conforma a representación da Universidade de Vigo no proxecto Cruzando fronteiras lingüísticas: na procura da capacidade lingüística humana en África Occidental e América Central. “A nosa investigación céntrase en dous países, Benín e Belice, onde o uso de varias linguas na mesma conversa é a práctica comunicativa preferida. Utilizaremos unha combinación de metodoloxías para recoller diferentes tipos de datos: fala espontánea e elicitada, así como técnicas experimentais, como a pupilometría. Ao analizar os cambios na dilatación da pupila (un índice de esforzo atencional) poderemos determinar se a alternancia de linguas implica custos de procesamento lingüístico nestas comunidades onde esta práctica lingüística é o normal”, detalla Parafita Couto en relación co traballo de investigación que están a realizar.

Xunto á UVigo, participan no proxecto as universidades de Leiden (Felix Ameka) e Ámsterdam (Enoch Aboh), nos Países Baixos, así como unha investigadora afiliada da Universidade de  McGill (Annie Beatty-Martínez). Co orzamento de máis de 776.000 euros do que dispón o proxecto, contrataranse dous investigadores predoutorais e outro posdoutoral, ademais de costear os gastos de recollida de datos en Benín e en Belice.

Unha influencia para manter linguas minoritarias noutros contextos

A docente e investigadora da UVigo lembra que a capacidade de utilizar diferentes linguas na mesma conversa e integrar elementos destas nun único enunciado, a alternancia de código, é unha capacidade humana fascinante que aínda non se comprende totalmente, algo que considera, se debe en boa medida “a que os datos existentes proceden de metodoloxías e poboacións diferentes, non comparables. Ademais, a maioría dos estudos céntranse en comunidades occidentais nas que a alternancia de código está socialmente desfavorecida”. Unha situación contraposta á que se produce en  moitas comunidades multilingües, por exemplo en África Occidental ou América Central, onde o discurso multilingüe, que inclúe alternancia de código é a norma.

Ademais de entender mellor, tanto a variación, como a uniformidade das prácticas multilingües en diferentes comunidades, Parafita Couto considera que participando no proxecto Cruzando fronteiras lingüísticas: na procura da capacidade lingüística humana en África Occidental e América Central “podemos ter un impacto nas políticas lingüísticas e prácticas educativas en Belice e Benín. Un efecto secundario do noso proxecto podería ser unha influencia no mantemento das linguas minoritarias noutros contextos, como pode ser o noso contexto co galego, castelán e outras linguas que se falan na rexión como o chinés, o árabe, o portugués ou o crioulo de Cabo Verde, entre outras”, enumera Parafita Couto.  

A investigadora de LVTC xa colaborou previamente en varios proxectos sobre as prácticas multilingües de Belice, xunto a  Osmer Balam. Pola súa banda, os investigadores das universidades de Leiden e Ámsterdam, Felix Ameka, orixinario de Ghana, e Enoch Aboh, nacido en Benín, teñen experiencia no contexto multilingüe de África Occidental. “Non obstante, a comparación sistemática das prácticas multilingües destas comunidades, xeograficamente tan separadas, nunca se fixo ata o momento”, destaca a investigadora do grupo LVTC.