Nel participa o Laboratorio de Aerobioloxía da UVigo
O Grupo Operativo PlasmoWine crea unha ferramenta que optimiza a aplicación de tratamentos contra o mildio nas vides
O sistema beneficia tanto ao sector vitivinícola como ao medio ambiente
O Grupo Operativo PlasmoWine, participado pola Universidade de Vigo, presentou este xoves un sistema de apoio á toma de decisións que optimiza a aplicación de tratamentos contra o mildio da vide. A ferramenta foi desenvolvida polos seus membros desde o ano 2022.
Na iniciativa participan o Laboratorio de Aerobioloxía (Grupo de Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos) da Universidade de Vigo, a Fundación Feuga, a empresa tecnolóxica Monet Viticultura, a Adega Viña Costeira e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, da Deputación de Pontevedra. O evento final de peche do proxecto tivo lugar no Pazo de Toubes (Ourense) e consistiu nunha xornada de presentación de resultados por parte dos seus membros e visita demostrativa.
PlasmoWine está financiado polas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, con fondos propios da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O seu orzamento total é de 179.999,99 euros.
Optimización do control químico
O mildio, explican desde o proxecto, constitúe unha enfermidade da vide que en zonas húmidas como Galicia “compromete seriamente a calidade e produción dos viños”. Neste contexto, detallan, PlasmoWine púxose como obxectivo desenvolver un sistema de apoio á toma de decisións que determinase o momento óptimo de tratamento contra o mildio da vide, avaliando o risco de enfermidade en base a diferentes parámetros. Concretamente, o sistema deseñado integra datos do número de esporas fúnxicas, de parámetros meteorolóxicos e agronómicos (manexo) e de observacións do estado do cultivo para predicir o risco real de infección.
Con esta información, subliñan desde PlasmoWine, “é posible determinar o momento axeitado de aplicación dos tratamentos no viñedo e reducir o número total deles”. A optimización do control químico, engaden, implica tamén a redución dos custos de explotación, do risco de resistencia polo patóxeno e da pegada de carbono, así como unha maior protección do medio ambiente e da saúde humana, xunto cun aumento da calidade do viño. A ferramenta deseñada para a xestión de tratamentos fitosanitarios, afirman, “beneficia tanto ao sector vitivinícola como ao medio ambiente”.
O papel da UVigo
Por parte da Universidade de Vigo participa na iniciativa persoal investigador do Laboratorio de Aerobioloxía da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, co seu investigador principal, Francisco Javier Rodríguez Rajo, á cabeza, e formando parte del María Fernández, Lucía Carrera, Aarón Novoa, Kenia Sánchez, Duarte Días e Guillermo Guada. O seu traballo centrouse en achegar ao proxecto “unha ferramenta valiosa para o mesmo como é os datos fitopatolóxicos das diferentes patoloxías que o cultivo da vide pode sufrir”.
Así ao longo dos tres anos de PlasmoWine, o equipo de Aerobioloxía da UVigo semanalmente realizou unha vista aos viñedos de estudo para realizar a monitorización dos diferentes estadíos fenolóxicos da vide, ademais de recoller as mostras para realizar a identificación e reconto de esporas fúnxicas. Durante o proxecto “as mostras foron trasladadas ao Laboratorio de Aerobioloxía para ser procesadas, e a continuación fíxose a identificación e reconto de esporas fúnxicas, concretamente esporas de Plasmopara viticola, que é o fungo responsable da enfermidade do mildio, patóxeno que pode producir grandes perdas de colleita nos viñedos do Noroeste peninsular”. A información recadada foi trasladada semanalmente ás empresas que participan no proxecto, xunto cun informe da evolución das mesmas, para deste xeito poder implementar as medidas necesarias, tanto tratamentos fitosanitarios como medidas culturais, para diminuír as perdas de colleita.