DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de varios grupos da Universidade de Vigo

O Grupo Operativo XIPrisco desenvolve modelos de predición capaces de reducir á metade os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca

A iniciativa é froito dunha “colaboración real” entre persoal investigador, técnico e agricultores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 14/07/2026

Despois de tres anos de traballo, o Grupo Operativo XIPrisco (Estratexia Sostible para a Xestión Integrada de Enfermidades en Cultivos de Pataca), participado pola Universidade de Vigo, acaba de rematar o seu traballo, centrado en “impulsar a innovación tecnolóxica no cultivo da pataca mediante o desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións para un manexo sostible das súas principais enfermidades, especialmente o mildio e a alternariose”. Os modelos de predición elaborados ao seu abeiro foron capaces de reducir entre un 40 e un 50% os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca sen que iso supuxera una perda de rendibilidade da produción. 

O proxecto, iniciado en 2023, foi financiado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), no marco das axudas para a creación e funcionamento de Grupos Operativos da Asociación Europea para a Innovación (AEI) en materia de produtividade e sostibilidade agrícola, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia. XIPrisco tivo un financiamento de 156.614 euros.

A Universidade de Vigo participou a través do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) e do Grupo de Enxeñaría Informática, ambos do campus de Ourense. Os demais socios da iniciativa foron o Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia; o Centro Agrogandeiro do Inorde (Deputación Provincial de Ourense); a Comunidade de Regantes Lagoa de Antela; o agricultor da Comarca de Bergantiños Leonardo Rodríguez Fraga e agricultores da comarca de A Limia, concretamente de Bustelo (Xunqueira de Ambía), Sandiás e Solveira, que participaron voluntariamente nos ensaios e na validación das ferramentas desenvolvidas.

Do coñecemento á aplicación

Segundo explican desde XIPrisco, o grupo operativo permitiu “establecer unha colaboración real entre investigadores, técnicos e agricultores para afrontar un dos principais retos actuais do cultivo da pataca: producir de maneira máis sostible mantendo ao mesmo tempo a rendibilidade e a calidade das súas producións e apostando pola agricultura como medio de vida”.  Entre os seus principais logros citan “a xeración de coñecemento sobre o comportamento do mildio e da alternariose nas dúas principais zonas produtoras de Galicia (A Limia e Bergantiños) e o estudo da adaptación do cultivo ás condicións climáticas actuais influenciadas polas consecuencias do cambio climático, establecendo un ensaio no que se testaron diferentes datas de sementeira (temperás e tardías)". Ademais, froito da colaboración entre persoal técnico e investigador e da experiencia do traballo en campo, ao abeiro da iniciativa elaboráronse unhas fichas técnicas sobre o manexo de enfermidades da pataca adaptadas ás zonas de produción de Galicia que se compartirán aos agricultores para que poidan coñecer e informarse sobre as enfermidades máis frecuentes en Galicia. 

O grupo da UVigo GISA, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, foi o responsable do deseño experimental e seguimento científico dos ensaios de campo, da caracterización epidemiolóxica do mildio e da alternariose, da análise dos datos agronómicos e meteorolóxicos e do desenvolvemento e validación dos modelos de predición do risco de enfermidade. Ademais, participou na transferencia dos resultados ao sector mediante a elaboración de material técnico e actividades de divulgación (participación e organización de xornadas). Pola súa banda, os membros do Grupo de Enxeñaría Informática, con sede na Escola Superior de Enxeñaría Informática, coa información obtida en campo polos membros de GISA, deron os primeiros pasos para a creación dunha aplicación informática na que se están implementando estes modelos de predición para achegar información útil e actualizada aos agricultores e que así podan contar con axuda á hora de tomar decisións. Esta app conta cunha interface dixital sinxela e de fácil acceso dende soportes dixitais (como teléfonos móbiles e tabletas) que actualmente está en probas.

“Coa colaboración do grupo de Enxeñaría Informática, desenvolveuse esta aplicación para informatizar todo o proceso, para que os agricultores poidan levar consigo os modelos de predición ao campo e recibir información en tempo real sobre o risco das principais enfermidades da pataca (mildio e alternariose) e para que lle axude á hora de tomar decisións. Así poden aforrar tratamentos fitosanitarios, que en moitos casos se aplican por seguridade ante o descoñecemento do risco das enfermidades”, explica Launa Meno, investigadora que lidera a participación da UVigo. Con estes modelos de predición, sinala, foron capaces de reducir entre un 40 e un 50% os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca sen que isto supuxera una perda de rendemento. Un dos fitos máis destacables de XIPrisco, engade, foi a validación destes modelos de predición en condicións reais de campo e axustándose ás condicións climáticas das dúas principais zonas produtoras de pataca de Galicia (A Limia e Bergantiños). 

“Hai que destacar que os maiores valores conseguidos con este grupo operativo foi a participación de todas as partes implicadas na cadea de produción, desde técnicos e investigadoras ata institucións e agricultores, ás que lle agradecemos a súa implicación, sobre todo aos agricultores que se animaron a participar de xeito voluntario para testar os modelos de predición nas súas parcelas coa supervisión das investigadoras e investigadores do grupo GISA”, comenta Laura Meno. As parcelas dos agricultores, detalla, foron verdadeiros “laboratorios vivos” e a súa implicación “permitiu validar as investigacións científicas e convertelas en ferramentas útiles e manexables polos agricultores en explotacións reais e con aplicación baixo condicións reais”. Isto demostra, engade, “que a colaboración estreita entre as distintas partes implicadas na cadea de produción, neste caso do cultivo da pataca (dende centros de investigación e indicacións xeográficas protexidas ata técnicos e agricultores), é un dos camiños a coller para avanzar cara unha agricultura máis competitiva, sostible e resiliente”.

Avanzando nas políticas de sostibilidade

Sobre a importancia de levar a cabo este tipo de proxectos, desde o grupo operativo lembran que as políticas de sostibilidade, como o Pacto Verde Europeo e a estratexia Da Granxa á Mesa, promoven a redución do uso de produtos fitosanitarios, que en 2030 deberá ser dun 50%, e unha produción máis respectuosa co medio ambiente, obrigando ao sector a adaptarse rapidamente. Sen embargo, advirten, “os agricultores enfróntanse a importantes desafíos derivados das consecuencias do cambio climático, como as choivas abundantes de primavera, que provocan inundacións na zona de A Limia e obrigan a retrasar a sementeira” e “as olas de calor dos meses de xuño e xullo, que estresan os cultivos e obrigan ao maior emprego de auga para non perder produción”. A todo isto súmase a aparición de novas enfermidades favorecidas polas consecuencias do cambio climático; a aparición de resistencias dos fungos máis agresivos aos fitosanitarios polo incremento no emprego destes para o control de pragas e enfermidades e un mercado cada vez máis esixente, no que os consumidores buscan alimentos procedentes de agriculturas respectuosas co medio. “Neste contexto, os agricultores atópanse coa falta de ferramentas que lles permitan facer fronte aos desafíos sinalados sen incumprir coas normas lexislativas aprobadas”, apuntan desde a iniciativa.