DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con formación relacionada co ámbito informático, electrónico ou eléctrico

O Grupo de Reciclaxe Informática busca alumnado para traballar na recuperación de equipos

Os dispositivos recuperados entréganse a entidades sen ánimo de lucro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI 22/02/2019

A tecnoloxía avanza rápido e a renovación de material informático é importante, pero isto non quere dicir que haxa que desfacerse dos ordenadores, impresoras ou pantallas vellas, xa que poden ter unha segunda oportunidade antes de ser totalmente descartados. Conscientes desta realidade a Universidade de Vigo puxo en marcha no ano 2006 o Grupo de Reciclaxe Informática, Gruvi, equipo integrado na Oficina de Medio Ambiente  e que se ocupa de arranxar os equipos que quedaron en desuso para doalos a entidades sen animo de lucro. Desde a súa posta en marcha levan entregado centos de equipos e o obxectivo é seguir ampliando esta cifra, un labor para o que necesitan a axuda de voluntarios e voluntarias dispostas a botar unha man na recuperación dos equipos. 

Desde a OMA acaban de abrir unha nova convocatoria de voluntariado ambiental no Gruvi. Buscan alumnas e alumnos que teñan formación relacionada co ámbito informático, electrónico ou eléctrico e que estean dispostos a colaborar de dúas a catro horas á semana na recuperación dos equipos, labor na que contarán coa axuda do persoal da OMA e dun bolseiro propio do Gruvi. “A función principal é a recuperación de material informático, pero este grupo cumpre tamén un obxectivo de carácter formativo xa que o alumnado en prácticas, tanto voluntarios coma bolseiros, aprenden moito sobre todo o que ten que ver coa recuperación de equipos”, subliña Sergio Ramos, técnico superior da OMA. 

A última entrega: dez equipos para o CEIP O Sello de Cabral

Ao Gruvi poden chegar todo tipo de materiais informáticos, dende torres e pantallas, ata cables, impresoras e cartuchos de tinta. Dentro de todos estes equipos, as entidades poden pedir o que precisen. Trátase de material que para determinadas funcións quedou obsoleto pero que pode ter unha segunda vida, xa que resultan útiles para cubrir as necesidades dos solicitantes. 

Cando se recuperan suficientes equipos, ábrese unha convocatoria para que as organizacións poidan solicitar material reciclado, non hai unha periocidade fixa, isto varía en función da cantidade de equipos que se recollan e se poidan recuperar. “Na última convocatoria entregáronse 26 equipos e, recentemente, entregáronse outros dez que sobraron desa convocatoria ao CEIP O Sello de Cabral en Vigo”, salienta Alejandro Prado, estudante do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e actual bolseiro do Gruvi. 

Novos equipos con pezas recicladas

Ademais dos propios equipos da Universidade, contan tamén con outros que proveñen das distintas campañas de recollida dos RAEE - Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos - promovidas pola OMA en colaboración co Green Campus de Pontevedra. Neste senso, Prado destaca que “acaba de rematar unha campaña de recollida de equipos no campus de Pontevedra e estamos á espera de recibilos”.

As computadoras recollidas teñen problemas variados: algúns non acenden, outros funcionan pero van moi lentos... “O primeiro que se fai é tratar de detectar onde se produce o erro. A partir de aí, compróbase se é posible reparar o equipo cos medios dos que dispoñemos ou desmóntase aproveitando as pezas e compoñentes que funcionan para posteriores reparacións”, destaca Prado. Neste senso, o máis habitual dentro do servizo é a montaxe de novos equipos a partir de pezas recicladas de varios dos que chegan porque, tal é como comentan tanto Ramos como Prado, “reparar pezas soltas non soe ter éxito, salvo nos casos dalgunhas placas bases ou dalgúns monitores, que teñen algún pequeno compoñente mal e só é cuestión de cambialo”.

Fomento do software libre

Unha vez reparados, dende o Gruvi, foméntase o emprego do software libre mediante a instalación de sistemas operativos Linux e programas de uso cotiá tamén libres, como pode ser o caso do Libre Office, “a versión gratuíta e de código aberto que se correspondería co Office de Windows”, salienta Prado, que tamén fai fincapé en que tamén se ofrece axuda ás entidades beneficiarias en caso de que se atopen con algún problema, sexa de hardware ou de software, por iso, “sempre nos ofrecemos a dar apoio a quen recibe os equipos e, se é preciso, cambiar pezas ou reparar compoñentes que non funcionen totalmente ben”, salienta Ramos.