DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

O grupo SING, galardoado na Noite da Enxeñaría Informática de Galicia polo impacto social dos seus proxectos

A gala de entrega celebrarase este venres en Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 29/06/2022

A Noite da Enxeñaría Informática de Galicia é a gala máis importante da informática na comunidade autónoma. Nela entréganse uns galardóns cos que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñece as iniciativas ou persoas destacadas neste ámbito. Entre as e os galardoados este ano está o grupo de investigación SING da Universidade de Vigo, que acadou o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

A gala de entrega celebrarase este venres en Santiago de Compostela e pretende ser punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC, ademais de cargos empresariais, institucionais e políticos. Os premios desta 14 Noite da Enxeñaría Informática de Galicia contan con doce categorías, presentándose como novidade entre elas o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), posto en marcha pola organización por considerar que a tecnoloxía é unha ferramenta fundamental para alcanzar os 17 ODS marcados pola Asemblea da ONU na súa Axenda 2030.

Este Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible recaeu no grupo SING e na rede Dinapsis de Viaqua. O grupo SING, Sistemas Informáticos de Nova Xeración, está coordinado polo catedrático Florentino Fernández-Riverola e formado por nove investigadoras e investigadores principais da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, aos que se suman persoal investigador de predoutoramento e posdoutoramento. Está integrado no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo e forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). “Recibimos con moita ilusión este premio porque vén a recoñecer a traxectoria do noso grupo de investigación, onde xa levamos desde o ano 2006 desenvolvendo aplicación do ámbito sanitario”, destaca Fernández-Riverola. O galardón, engade, “recoñece un pouco esa parte menos visible do impacto social que teñen os nosos proxectos de investigación e anímanos a seguir traballando na mesma liña”. O catedrático destaca como entre os ODS, “a nosa actividade desde fai 16 anos entronca directamente co obxectivo 3, de Saúde e Benestar”.

Proxectos no eido da saúde e o benestar

SING traballa en varias liñas de investigación, enmarcadas en bioinformática (co desenvolvemento de múltiples ferramentas, a maioría software libre, de análise de datos biolóxicos en xenómica, proteómica, farmacoxenómica, etc); a análise intelixente de textos biomédicos; bioinformática traslacional; enxeñaría biomédica, e informática médica, empregando en moitas destas liñas intelixencia artificial (aprendizaxe automático e aprendizaxe profundo) e facendo desenvolvementos de enxeñaría de software avanzados (aplicacións cliente/servidor, frameworks e librerías propias). “A nosa misión é a aplicación de técnicas de intelixencia artificial e minería de texto, xunto coas tecnoloxías da información e as comunicacións, para resolver problemas nos dominios da biomedicina e a seguridade informática, e establecer colaboracións sólidas e de longo prazo con empresas nacionais e internacionais, centros de investigación de renome, así como con hospitais e empresas TIC da contorna”, explica Riverola.

O grupo de investigación creou nos últimos 16 anos numerosas aplicacións en bioinformática. Entre elas, está a ferramenta PanDrugs, desenvolvida polos membros de SING Miguel Reboiro e Daniel González en colaboración co Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e que proporciona unha plataforma bioinformática para priorizar os tratamentos farmacolóxicos contra o cancro de acordo cos datos xenómicos individuais. Tamén teñen desenvolvido o proxecto InNoCBR, no que interveñen como investigadores principais Daniel González e María Sande, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), un programa pioneiro de vixilancia para a detección de infeccións no ámbito hospitalario a través dun software que aplica a intelixencia artificial para buscar e clasificar casos de infección nosocomial.

Outro dos proxectos destacados de SING é PolyDeep, un sistema de intelixencia artificial capaz de detectar e clasificar pólipos colorrectais en tempo real, onde os investigadores principais foron Daniel González e Miguel Reboiro, en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, concretamente co grupo GIODO (Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense), coordinado por Joaquín Cubiella. Actualmente, o grupo continua co proxecto PolyDeepAdvance, no que se levará a cabo unha validación clínica ampla e un plan de acceso ao mercado.

Moitas destas ferramentas desenvolvidas polo grupo do campus de Ourense están en servidores propios do grupo dentro do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da UVigo, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. Ademais, SING foi Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia entre 2019 e 2021, e actualmente ten solicitada a renovación desta distinción.