DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O dispositivo instalarase nunha das liñas de Vitrasa

O Grupo de Tecnoloxías da Información deseña un sistema que permite caracterizar a calidade ambiental de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/04/2008
Caracterizar a calidade ambiental da cidade de Vigo a tempo real será posible en breve grazas a un sistema de captación de datos desenvolto polo grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade e que se instalará nunha das liñas de Vitrasa nun prazo aproximado de dous meses.
O profesor de Enxeñería Telemática, Francisco Javier González Castaño, director do proxecto, e o director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, asinaron este mércores un acordo de colaboración que dará soporte a este proxecto de recollida de datos ambientais na cidade.
Esta iniciativa, pioneira en Galicia, consiste nun sistema de captación de datos ambientais que son almacenados nun disco duro no que se rexistra a hora e a localización na que se obtén dita información.
Os datos adquiridos por este sensor descargaranse mediante unha rede Wifi a unha base de datos e poderán consultarse a través da páxina web de Vitrasa. Despois, por medio dunha serie de ferramentas, poderá empregarse esta información para caracterizar a saúde ambiental da cidade olívica.
Este traballo englóbase dentro dun proxecto base denominado “Rosa-Mitus”, Rede Oportunista para a Sensorización Ambiental baseada en multisensores integrados no transporte urbano por superficie, financiado polo Ministerio de Fomento e codirixido por González Castaño e Fernando López Peña, profesor titular de Enxeñería Naval e Oceánica da Universidade da Coruña.
Dado o patrón de medidas que se poden obter do transporte público dunha cidade, e aplicando modelos de dispersión de gases, perséguese xerar mapas de contaminación de alta calidade.