DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu este venres un encontro entre ambos colectivos

Grupos de investigación do campus buscan sinerxías co tecido empresarial en asociativo no eido da saúde e a terceira idade

Trátase de procurar posibles liñas de colaboración para futuros proxectos ou traballos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
Mª del Río DUVI 26/11/2021

Oito grupos de investigación do campus e 15 empresas e asociacións participaron esta mañá de venres nun encontro na Casa das Campas organizado polo Campus CREA e a Vicerreitoría, co patrocinio do Consello Social da Universidade, co obxectivo de amosar ao tecido económico e social as potencialidades da I+D+i universitaria pontevedresa. Tras unha edición en 2019 centrada, precisamente, nas áreas de especialización do Campus Crea, desta volta o encontro xirou arredor da saúde a terceira idade.

O acto foi inaugurado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa e Carlos Souto, director do Campus Crea e Green Campus. A finalidade do encontro era dar a coñecer ás empresas e asociacións o traballo que realizan os grupos de investigación do campus, exporlles as súas liñas de I+D e os novos retos, todo coa vista posta en procurar sinerxías entre ambos colectivos que dean pé a futuros proxectos ou traballos. As xornadas centráronse na saúde e a terceira idade, facendo especial fincapé no envellecemento activo, a rehabilitación, o exercicio físico, a saúde física e mental, as actividades lúdicas e tecnolóxicas e os hábitos saudables. Dende a Oficina de I+D da Universidade, a súa directora, Ángeles López, repasou as liñas de proxectos de invesitación que existen na UVigo relacionados con este eido. Por exemplo, existen traballos sobre a aplicación de ferramentas TIC na prevención e detección do deterioro cognitivo, sobre a educación para a saúde, sobre a economía da saúde e o impacto socio-económico do envellecemento ou sobre a vellez e a publicidade e destacou a posta en marcha o próximo curso do programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento.

Con todo, e grazas á heteroxeneidade de grupos de investigación cos que conta o Campus de Pontevedra, a xornada permitiu avanzar tamén noutras esferas de interese, como o deporte e a recuperación en todas as idades, a comunicación e gobernanza, a humanización de espazos, a convivencia e a resolución positiva de conflitos, a prevención no consumo de substancias e adiccións, o deseño de produto e a investigación de novos materiais.

Participantes

Aceptaron o convite para participar neste encontro, por parte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o Equipo de Investigación en Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo; HealthyFit; o Grupo Psicoloxía Xurídica e da Saúde: Convivencia e Benestar e Repercusións Educativas, Saudables e o grupo Psicomotrices da Actividade Física. Da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación participou o grupo de Comunicación Persuasiva e o Observatorio de Gobernanza G3; da Escola de Enxeñaría Forestal, o grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Facultade de Fisioterapia o grupo de Medicina e Saúde Pública. Por parte do tecido económico e, principalmente social, tomaron partes nestas xuntanzas a Fundación Deporte Galego, Saraiva, Activiza, Adicam- Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama, Asociación Asseii, Cruz Vermella, Xuntos Asociación Síndrome de Down, Alento Pontevedra, Fundación para Discapacidade e Emprego Juan XXIII, De Vella a Bella, Centro de Negocios Pontevedra, Rehabilitación Neurológica Neurat, ASEM Galicia (Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares), Foro Empresa Pontevedra e AEMPE.