DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No encontro desenvolvido este mércores na sede da Vicerreitoría do campus

Grupos de investigación exploran vías de colaboración con empresas dos ámbitos da creatividade e a comunicación

Inserido nunha serie de xuntanzas co tecido empresarial centradas en diferentes temáticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/03/2022

A creatividade e a comunicación foron os eixos do Encontro empresa-universidade que a Vicerreitoría do campus, o Campus Crea e o Consello Social da Universidade promoveron este mércores na Casa das Campás. Representantes de cinco grupos de investigación e de oito empresas e asociacións tomaron parte nunha xuntanza dirixida a coñecerse mutuamente e explorar posibles vías de colaboración, que dá continuidade á súa vez ao encontro centrado nos ámbitos da saúde e a terceira idade que tivo lugar no mes de novembro. 

“A Universidade é unha parte máis do tecido social galego, no cal ten que avanzar sempre da man da sociedade e o encontro de hoxe é un paso máis nesta idea”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na apertura deste encontro. Como explicou, esta iniciativa estaba dirixida “a dar a coñecer ás empresas do sector os traballos dos grupos de investigación do noso campus e facilitar sinerxías que poidan conducir tamén a colaboracións e proxectos conxuntos, como xa ten sucedido noutras ocasións”. Tras unha primeira iniciativa en 2019, centrada nas diferentes áreas de especialización do Campus Crea, a deste xoves era a segunda dunha serie de “xornadas de achegamento entre a Universidade e a empresa” articuladas en torno a diferentes temáticas, explicou o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. O seu obxectivo, sinalou, era o de contribuír a que a institución académica poida “achegarse á sociedade e interactuar con ela de xeito profundo”, tendo en conta “que as empresas son unha parte esencial da sociedade”. Nesa mesma liña, o vicerreitor, que posteriormente clausurou este encontro acompañado polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, puxo o foco en que “creatividade e comunicación son dous dos piares nos que se asenta a nosa institución” e o proxecto de especialización Campus Crea, subliñando neste punto que “atopámonos nun momento de cambios profundos nos que a nosa responsabilidade é imaxinar a sociedade de queremos de cara o futuro”; unha sociedade, engadiu, “xusta, igualitaria, saudable, ecolóxica e democrática”. 

Das múltiples vías de colaboración ás liñas de traballo de cada grupo

A xuntanza abriuse cunha presentación do técnico da Oficina de I+D da Universidade Alberto Rellán sobre o labor que esta leva a cabo no ámbito da transferencia, un concepto que, recoñeceu, “estamos acostumados a asociar sempre coas ciencias, pero que tamén pode darse nos ámbitos da comunicación e a creatividade e noutras áreas”. Con esa idea, presentou diferentes liñas de actuación dirixidas a “cumprir a terceira misión da Universidade, que é a relación coa sociedade”. Neste punto, Rellán sinalou as múltiples vías nas que se pode articular esa colaboración entre a institución académica e o tecido empresarial, desde proxectos colaborativos ou contratos de I+D+i a labores de formación especializada nas empresas, asesoramentos ou estudos técnicos, pasando polo impulso de cátedras, acordos marco, labores de mecenado ou unidades mixtas de investigación.

Nesa mesma idea, esta presentación completouse abordando a convocatoria de proxectos de proba de concepto impulsada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e dirixida a promover a transferencia do coñecemento xerado previamente en proxectos de investigación con financiamento estatal. Para iso, a representante do grupo Comunicación Persuasiva (CP-2) Montse Vázquez relatou a experiencia de DebaTRUE, que este grupo puña en marcha recentemente, nun encontro no que as representantes dos cinco grupos participantes presentaron as súas liñas de traballo, para logo dar pé a “conversas máis individualizadas”, como explica a técnica Natalia Outerelo. 

Xunto co CP2, tamén participaron neste encontro os grupos Investigación en Comunicación para o Servizo Público (Sepcom) e o recentemente constituído Videoxogos, narrativa, persuasión e creatividade (VNPC), representados polas súas coordinadoras, as investigadoras da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mabel Míguez e Beatriz Legerén, respectivamente. Por parte de Belas Artes participou nesta xuntanza o grupo DX7. Tracker. Laboratorio Visual, representado por Patricia Dopico e Silvia García, mentres que a investigadora Begoña Paz foi a encargada de amosar o labor en materia de expresión artística e deseño multimedia do grupo Remoss (Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo), da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

Por parte do tecido empresarial, o encontro contou coa participación das editoriais Galaxia e Catro Ventos, das axencias Pontevedra Digital, Visual Publinet e Catálogos para empresas; do colectivo multidisciplinar Creativas Galegas e das asociacións O Galpón Lab e Freshysweet, esta última integrada por estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación, que levan a cabo tarefas de axencia de publicidade como parte da súa formación.