DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esteban Beltrán, director da sección española de Amnistía Internacional:

"A guerra contra o terrorismo debe ser substituída pola guerra contra a pobreza"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 20/11/2007

“A impudicia da tortura avanza”, e avanza coa escusa e o respaldo que lle ofrece a loita global contra o terrorismo. Estas son as premisas que, segundo Esteban Beltrán, director da sección española de Amnistía Internacional, “nos levan a poder afirmar que estamos vivindo tempo difíciles”.
Beltrán afondou deste xeito nas difíciles relacións entre a loita contra o terrorismo a seguridade e os dereitos humanos nun relatorio organizado pola Área de Igualdade.
A pesar de que tempos difíciles sempre os houbo para a humanidade hai circunstancias determinantes que demostran que este o é especialmente. Segundo Esteban Beltrán, unha boa mostra disto é a tortura que, despois de ser ilegalizada nos anos 80, avanza e “corremos o risco de que deixe incluso de exercerse dun xeito clandestino”. Estes tempos difíciles dos que fala o director da sección española de Amnistía Internacional teñen, segundo subliñou, varios elementos claves. Por unha banda, explicou que “por primeira vez un país democrático como Estados Unidos legalizou a tortura definíndoa como prácticas coercitivas aos detidos, polo que un xuíz pode aceptar as probas obtidas durante a súa aplicación”.
Outro dos sinais deste tempo especialmente complicados que está a vivir o planeta reside no feito de que “as democracias están erosionando a democracia”. Como mostra, Beltrán referiuse ao feito de que moitos países europeos “presumen de ter un poder un poder xudicial independente pero, ao tempo, levan a nos permitindo o vos dos avións da CIA con prisioneiros no seu espazo aéreo”. A superioridade moral que tentan demostrar fóra das súas fronteiras esvaécese cando “miran para outro lado se o estado infractor dos dereitos humanos é socio; este é o caso do que fai boa parte da Unión Europea con Rusia”, apuntou.
Beltrán subliñou tamén que o recorte de liberdades na loita contra o terrorismo non supón unha diminución dos seus ataques e, por outra banda, tamén se referiu ao uso da linguaxe para maquillar casos como o dos programas de detencións secretas ou as torturas, que son definidas como “técnicas de interrogatorio”.

Cinco medos para paralizar ás persoas

Destas situacións derívanse “cinco medos fundamentais que paralizan á xente”. Principalmente falou do medo á chegada masiva de inmigrantes, o medo real aos atentados terroristas, o medo á liberdade de expresión e ao que disinte, medo ao aumento da criminalidade e, finalmente, medo ao outro, ao diferente. Estes medos derivan, en moitos casos, en actitudes violentas, racistas e discriminantes, pero segundo explicou “non se está a criminalizar a violencia, senón que se criminaliza aos pobres, aos desfavorecidos. Segundo a proposta de Amnistía Internacional, a guerra contra o terrorismo debe ser substituída pola guerra contra a pobreza, que se marcou dentro dos obxectivos do milenio. Pero esta loita non pode partir de entender a pobreza como un problema económico, senón como un problema de dereitos humanos: “vivenda, educación ou sanidade son tan dereitos como o non ser sometido a tortura”, apuntou, e non poden ser entendidos como dereitos sociais, senón como fundamentais. “Hai que loitar por dereitos, non por axudas”.

Apostas de futuro

Para poder acadar estes obxectivos, Beltrán apostou por cambios substanciais en materia de dereitos humanos a nivel das Nacións Unidas, por establecer unha estratexia para que países como Estados Unidos e Reino Unido “abandonen o lado escuro das súas democracias”, por pechar Guantánamo para que actúe como desencadeante do fin doutras inxustizas e pola abolición da pena de morte no mundo, onde só quedan 28 países que a aplican. Neste camiño destacou a importancia da presión internacional e social e avogou por un avance na consolidación da xustiza internacional e por poñer freo aos conflitos armados en África. “Temos que desenganarnos, non son conflitos étnicos, xorden derivados do tráfico de armas e do control dos recursos naturais. Na actualidade temos unha oportunidade única de regular o comercio de armas como está regulado o comercio do viño por primeira vez na historia. Aínda así, o tema do recursos naturais segue sendo moi grave, e os diamante seguen chegando ás xoierías manchados de sangue”.
Para finalizar animou aos estudantes asistentes a desterrar o medo como guía da política e a fortalecer sociedades das persoas, con poder social, dinámicas e organizadas “xa que no mundo queda moito por facer pero, sobre todo moito por desfacer”.