Trátase da publicación 'Unha receita con (Pre)Historia'
Unha guía didáctica aborda a alimentación como patrimonio cultural, histórico e territorial
Elabora polo grupo de innovación docente da UVigo GIDEP
Que relación hai entre unha receita tradicional e a prehistoria? Para dar resposta a esta pregunta o Grupo de Innovación Docente en EduAcción Patrimonial (GIDEP) da UVigo presenta a publicación Unha receita con (Pre)Historia, “unha guía didáctica que convida a mirar a alimentación como patrimonio cultural, histórico e territorial”. Nas súas páxinas e a través de alimentos que se comen na actualidade, explóranse procesos de domesticación, tecnoloxías cotiás, prácticas sociais e paisaxes culturais que comezaron hai milleiros de anos.
O material está editado cunha axuda da convocatoria 2025 para divulgación das actividades dos grupos de innovación docente da Universidade de Vigo. Os contidos foron elaborados por Andrea Mouriño, Lucía Rodríguez e Beatriz Comendador; a edición e maquetación é de Andrea Mouriño e a ilustración e imaxes de Adela Vázquez e autorías varias. A elaboración da guía parte da experiencia docente acumulada nas materias da Área de Prehistoria no Grao en Xeografía e Historia e a de Educación Patrimonial e Innovación Social no Mestrado en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio, ambos da UVigo. “Retomamos e ampliamos iniciativas como Arqueólogos á mesa, Unha receita para a diversidade ou Da terra ao prato, para ofrecer agora unha proposta máis completa sobre os procesos históricos de domesticación, as tecnoloxías cotiás e as transformacións culturais asociadas á produción e ao consumo de alimentos”, comentan as responsables da iniciativa.
Conectar pasado e presente
Dende o GIDEP propoñen este material “para explorar a historia da alimentación cunha mirada patrimonial, educativa e profundamente vinculada ao eido das humanidades”, presentando “actividades accesibles e interdisciplinares que conectan pasado e presente dende a cociña, porque detrás de cada prato hai coñecementos, memoria e historia compartida”. Segundo explican as autoras da guía, “hoxe sabemos que unha parte fundamental da nosa dieta procede de especies que comezaron a ser domesticadas na prehistoria”. Estes procesos, complexos, lentos e profundamente sociais, apuntan, “non só fixeron posible a supervivencia das comunidades humanas, senón que configuraron paisaxes, prácticas culturais, economías locais e formas de vida que perduran ata hoxe”. A alimentación, entendida así, convértese tal e como indican desde o grupo da UVigo, “nunha excelente fiestra para comprender a evolución humana e as relacións entre persoas, territorios e especies ao longo do tempo”.
A guía toma como punto de partida a análise dunha receita tradicional, concibida como un “obxecto arqueolóxico” capaz de revelar a historia técnica, social e simbólica que contén. “A través dun prato é posible rastrexar a orixe e domesticación dos seus ingredientes, os modos de subsistencia que permitiron obtelos, as tecnoloxías necesarias para o seu procesado, o papel das actividades de mantemento e o valor cultural ou identitario da comensalidade”, afirman as autoras. As actividades da publicación estrutúranse de forma progresiva, permitindo analizar a orixe e o procesado dos alimentos, comprender as transformacións técnicas e sociais asociadas á súa historia e relacionar a alimentación co territorio e cos sistemas produtivos actuais. “En conxunto, este percorrido permite comprender a alimentación como un fenómeno histórico, tecnolóxico e cultural que conecta pasado e presente e forma parte esencial do noso patrimonio”, sinalan. A guía, engaden por último, “é unha invitación a descubrir que detrás de cada receita hai milleiros de anos de coñecementos, técnicas e formas de vida que continúan alimentando a nosa memoria colectiva”.
A publicación complétase con exemplos procedentes da investigación arqueolóxica, lecturas e recursos de apoio que enriquecen a comprensión dos temas tratados e facilitan a exploración autónoma. Coa vontade de garantir a accesibilidade e a participación de todo o alumnado e público interesado, a guía está elaborada seguindo os principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe e pódese descargar de balde na web do GIDEP.
