DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documento ofrece recomendacións e medidas para previr desigualdades en tempos de covid-19

Unha guía para fomentar no eido universitario a conciliación no teletraballo

É unha iniciativa da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 22/06/2020

A Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU), que reúne a 52 universidades españolas, entre elas a UVigo, acaba de publicar a guía de boas prácticas Teletraballo e conciliación corresponsable en tempos de covid-19. Con ela, a entidade aprema ás universidades españolas a apostar por esta corresponsabilidade ofrecendo recomendacións e medidas para previr desigualdades e asimetrías de xénero que, en opinión das entidades promotoras, estanse a agravar na actualidade. 

O problema da conciliación co teletraballo, recalca Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, “está moi presente na actualidade e as Unidades de Igualdade quixemos contribuír a este reto social que, derivado da pandemia, púxose en evidencia e que, se non se toman medidas, vai afondar na desigualdade entre mulleres e homes de novo”. Así, recalca, “é importante regular o teletraballo e o traballo a distancia sempre con perspectiva de xénero, é dicir, partindo da desigualdade de xénero nos coidados; acabar coa idea de que a crianza, o traballo reprodutivo e os coidados é un problema exclusivo das mulleres e incorporar o compromiso das empresas e institucións (como as universidades) e o estado na creación dun sistema social de coidados”.

Recomendacións para diferentes sectores

A guía, detallan en nota de prensa desde a Rede de Unidades de Igualdade, “ofrece recursos para aspirar á excelencia e propón adaptar a normativa para priorizar as necesidades de conciliación tendo en conta a diversidade familiar e a socioeconómica”. Como recomendacións xerais, o documento destaca crear unha contorna profesional baseada na confianza mutua, non no control; garantir a desconexión dixital e ofrecer apoio psicolóxico. O texto pon ademais unha especial énfase nas responsabilidades institucionais, entendidas como parte da corresponsabilidade, e propón recomendacións que poderían ou deberían adoptarse tanto por parte das universidades como polas distintas administracións públicas (estatal, autonómica e local). A iniciativa inclúe a conveniencia de axeitar a normativa con medidas como permisos excepcionais nun contexto excepcional, determinar franxas horarias laborais específicas para quen teñan familiares a cargo e tamén recomenda pautas para organizar reunións, con acordo previo do horario e a posibilidade de participación virtual.

Algunhas das iniciativas apuntadas no documento para o persoal docente e investigador fan referencia á avaliación da tarefa investigadora, neste caso establecendo criterios de ponderación para quen tivese ou teña responsabilidades de coidados. A guía presta atención igualmente ao alumnado e fixa a eventualidade de recoñecelo a tempo parcial en certas circunstancias laborais ou familiares sobrevidas no actual contexto excepcional da covid-19. Aprazar o pago das taxas, flexibilizar prazos en entregas de traballos de fin de estudos e facilitar o préstamo de dispositivos electrónicos son outras iniciativas destacadas no documento.

Tamén contén a guía recomendacións para que as universidades fomenten nas empresas que lles prestan servizos "a necesidade de coidar do seu persoal con maior exposición a risco e maiores esixencias de desempeño por razóns de hixiene e seguridade". Finalmente, no texto solicítase a implicación corresponsable das administracións estatal, autonómica e local, con medidas de conciliación como o establecemento de criterios de ponderación que neutralicen os efectos negativos que supón na carreira académica asumir responsabilidades de coidados ou ampliar as bolsas para estudos universitarios, e evitar así o abandono dos que se viron empobrecidos por esta crise.

Responsabilidades compartidas

“As Unidades de Igualdade das universidades españolas hai uns meses detectamos ao inicio do confinamento os problemas que estaban emerxendo a raíz do traballo a distancia e a fenda de coidados que caía sobre todo nas costas das mulleres traballadoras das universidades”, comenta Águeda Gómez. Por iniciativa da Unidade de Igualdade da Universidad de Valencia, lembra, “propuxéronos traballar conxuntamente nesta guía para presentar á CRUE e que esta a recomendara a todas as universidades”, uníndose ao núcleo de traballo central a Unidade de Igualdade da Universidad de Málaga, quen coordina o grupo de traballo de Conciliación e Corresponsabilidade en Igualdade da CRUE. “Despois de varias reunións onde todas as Unidades de Igualdade achegamos ideas, experiencias, etc, elaborouse este documento, xunto cunha serie de boas prácticas das distintas universidades”, comenta a directora da unidade da UVigo. As recomendacións parten da consideración de que “a corresponsabilidade da conciliación implica que as responsabilidades téñense que compartir entre as parellas e no seo das familias, pero tamén que son responsables da conciliación as universidades e as administracións públicas e que as redes de apoio extensas poden así mesmo contribuír a esta conciliación”.