DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O supervivinte do accidente de avión dos Andes de 1972 impartiu un relatorio en liña

Gustavo Zerbino: “Non se pode avanzar na vida mirando o espello retrovisor”

Salientou a importancia de aprender a relativizar a dor e converter a adversidade en oportunidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 14/04/2021

Gustavo Zerbino é un dos 16 superviventes do accidente aéreo dos Andes de 1972, unha traxedia que conmocionou ao mundo enteiro e que obrigou a este grupo de persoas, a inmensa maioría estudantes que xogaban no equipo de rugby Old Christians, a sobrevivir durante 72 días e 72 noites a 4500 metros de altitude con temperaturas de ata 40 grados baixo cero, escaseza total de alimentos, carencia de medios, enfermidades e aludes, refuxiándose nos restos dun avión que se estrelara días antes. El foi o último que abandonou a montaña e, desde entón, converteuse nun supervivente en todos os sentidos da palabra, experto en liderado, motivación e superación da adversidade. 

Aquela experiencia cambiou a vida de todos os superviventes, marcou un antes e un despois, e hoxe, case medio século despois, Zerbino compartiu ideas e experiencias con estudantes e docentes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e con todas aquelas persoas que seguiron en liña o seu relatorio, Xestión da adversidade, unha intervención que se encargaron de presentar o decano do centro, Jorge Falagán, e Pablo Álvarez, da Fundación Mentor, as dúas entidades que coorganizan o ciclo Coloquios en tempos de pandemia –xunto coa Fundación Banco Sabadell e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo-.

A importancia do presente, de vivir a vida cada instante

Iniciou a súa charla dedicándolle unhas sentidas palabras a todos os galegos do Uruguai e a un dos seus amigos, o profesor da Universidade de Vigo Alfonso Mandado, con quen, entre outras experiencias, compartiu unha viaxe polos desertos de Dubái. Tras pasar apenas uns minutos do inicio do relatorio, as persoas que seguían a charla xa puideron decatarse de que Zerbino pon paixón en todo aquilo que fai, e defende con firmeza a necesidade de vivir o presente, o único momento sobre o que podemos decidir “o único que nos dá alegría e nos fai gozar”, e non pasar a maior parte do tempo preocupados polo pasado, porque xa non podemos facer nada por cambialo, nin tampouco polo futuro, sobre todo porque a imposibilidade de controlalo prodúcenos intranquilidade, medo e angustia. “Non se pode avanzar na vida mirando o espello retrovisor”, subliñoulles sen dubidar, ao que engadiu  que “é importante confiar en que podemos saír da zona de confort e conseguir o que necesitamos”.

Na actualidade ten case 70 anos e é o máximo responsable da compañía Cibeles SA, representante de Merck Sharp & Dohme, laboratorio líder en investigación de especialidades farmacéuticas, actividade que combina co seu labor como conferenciante en universidades e empresas de todo o mundo, nas que rescata valores e principios que emerxeron naquelas montañas e nas que amosa o paralelismo co día a día das organizacións mercantís e da vida en xeral.

Durante eses 72 días vagaron polas montañas andinas, entre a neve e cun frío glacial, tratando de sobrevivir. Elixiron vivir e para logralo foilles de gran utilidade o deporte ao que dedicaban as súas vidas, o rugby, disciplina que desde pequenos lles ensinara o valor do compromiso, a responsabilidade, a perseveranza e a non dar nada por perdido. 

“Unha verdadeira historia de amor, amizade e solidariedade”

Nesa historia de supervivencia, que el cualificou como unha “unha verdadeira historia de amor, amizade e solidariedade”, resultaron básicos diferentes aspectos. Por unha banda, baixarse do cabalo da arrogancia e a soberbia e subirse ao da humildade, o que supón aceptar a realidade tal cal é –“cando eu son humilde acepto que só non podo e pido axuda”-, e, da outra, perder o medo a equivocarnos e a pedir perdón –“todos nos equivocamos, cando pido perdón damos volta á páxina e seguimos xogando o partido”. Xunto a todo isto, unha terceira vertente: o manexo eficiente da enerxía. “A enerxía emocional é 5000 veces máis potente que a mental”, recalcou Zerbino, quen insistiu na idea de que as persoas de hoxe están totalmente disociadas, teñen a mente nun sitio, o corpo noutro, o espírito noutro... “vivimos nun mundo virtual no que podemos estar en todos os sitios ao mesmo tempo e non estamos en ningún”.

Nesta liña o relator insistiu en que un signo, unha acción, vale máis que mil palabras e o verdadeiro liderado na vida consiste en pór o que falta. “Se fai falla alegría son eu o que pon alegría, se fai falla compromiso son eu o que pon compromiso, se fai falta confianza son eu quen a pon...”. En vez de deixarse levar polo rancor, a rabia e a ira, as persoas deben conectarse co amor incondicional, a solidariedade e o perdón. “Todas as persoas teñen a súa propia cordilleira e a dor miña, túa, sempre é máis grande. Temos que aprender que a dor na vida é inevitable, pero podo relativizar e cando aprendo a relativizar aprendo a entender e a ter un correcto manexo do presente”, recalcou o poñente.