DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa explicou en varios actos o programa da súa candidatura a reitor

H2040 arranca a campaña electoral no campus de Ourense apostando por reforzar as súas titulacións e infraestruturas

A profesora Elena Rivo aspira a ser a nova vicerreitora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 21/04/2022

Como xa aconteceu esta semana nos campus de Pontevedra e Vigo, este xoves a campaña electoral das eleccións á reitoría da Universidade de Vigo chegou ao campus de Ourense. Manuel Reigosa, único candidato, presentou en varios encontros celebrados nas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e Dereito, os eixos do programa de H2040 co que aspira a un segundo mandato á fronte da institución académica. No caso do campus de Ourense, a consolidación do seu mapa de titulacións e a ampliación das súas infraestruturas foron algúns dos temas abordados.  

Nos encontros, Manuel Reigosa estivo acompañado por boa parte do equipo co que se presenta a revalidar o seu mandato, entre eles Elena Rivo, profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que aspira a ser a nova vicerreitora do campus de Ourense. Neste senso, na súa intervención, o candidato a reitor quixo “dar as grazas ás persoas que xa non van na candidatura pero que fixeron para min desde logo un traballo extraordinario”, amosando o seu agradecemento aos ata de agora vicerreitores dos campus de Ourense e Pontevedra Esther de Blas e Jorge Soto.

Reigosa salientou que se presentan á súa reelección “cunha candidatura reforzada” e pediu “con entusiasmo, enerxía e gañas” o voto á comunidade universitaria. Sobre os catro anos de mandato que finalizan, indicou que “cumprimos, na meirande parte, aquelas cousas que tiñamos propostas”. Así, dixo, “considerando a situación que sufrimos pola pandemia, creo que podemos estar satisfeitos co nivel de cumprimento conseguido”, logro do que fixo partícipe ao conxunto da comunidade universitaria.

Campus de Ourense

No referido de xeito específico ao campus de Ourense, entre os temas abordados nas xuntanzas estiveron o mapa de titulacións e as infraestruturas. “Cando chegamos había catro títulos na UVigo en perigo de extinción e eses catro graos neste momento están fortalecidos”, explicou Manuel Reigosa. Na actualidade, engadiu, hai “un atranco cun título que para min é importantísimo para o campus de Ourense como é o de Turismo”. Por este motivo, indicou, traballando co decanato do centro e coa Deputación de Ourense veise de habilitar “unha acción específica para conseguir que teñamos os estudantes que precisamos e poder así recuperar o pulo desta titulación”. Esta acción, que se prolongará durante tres anos, consistirá na concesión de bolsas a 45 persoas que se matriculen en primeiro curso.

Na súa intervención, Manuel Reigosa tamén destacou como se ten conseguido, “estando pechado o mapa de titulacións”, un título novo para Ourense como é o de Relacións Internacionais. Neste senso subliñou que “cando apostamos por Relacións Internacionais pensamos que é un título que vai a poder establecer dobres graos con varios títulos do campus, obviamente con Dereito e Turismo pero tamén probablemente con ADE e Historia”. Iso, dixo o candidato, “fai moita forza nun campus porque captas alumando extraordinario e unhas titulacións tiran doutras”. De cara ao futuro, engadiu Reigosa, “agora que se abre a posibilidade de implantar novos graos que non hai en Galicia desde logo nós vamos a loitar porque os tres campus da Universidade de Vigo teñan unha oferta máis ampla”. Do mesmo xeito, o candidato a reitor lembrou que “a prioridade número un” da UVigo na negociación do plan de infraestruturas “é un novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que agora está esparexida en diferentes edificios do campus”.  

Respecto ás propostas para o campus de Ourense, Elena Rivo sinalou o compromiso de H2040 por “fortalecer e apoiar os títulos existentes” e os que xa está previsto que se implanten proximamente, como son o Grao de Relacións Internacionais e o grao e mestrado de Intelixencia Artificial. Tamén destacou que se traballará para conseguir as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento do campus, como o novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Igualmente, subliñou que “intentaremos fortalecer máis as relacións coas institucións e empresas, aínda que son bastante fortes intentaremos incentivalas”. Así, apuntou a idea de “dar a coñecer aínda máis o campus a nivel empresarial, que non só veñan as empresas a nós senón tomar un papel proactivo e ir tamén nós a elas”. Por último, a profesora apostou por “fomentar as sinerxías non só a nivel docente e investigador que xa existen entre as facultades e escolas do campus senón tamén a nivel de oferta académica”, lembrando os bos resultados que teñen acadado os programas conxuntos postos en marcha entre diferentes centros do campus de Ourense.  

Eixos do programa electoral

Ao igual que nos anteriores actos de campaña, Manuel Reigosa presentou en Ourense os eixos do seu programa electoral. Neste senso, comezou apuntando como estes eixos están en consonancia cos marcados no Plan Estratéxico da UVigo, recollendo así a aposta por unha universidade galega, comprometida coa igualdade, a lingua e a cultura galegas e a internacionalización. Neste programa, explicou, “o reto número un non podía ser outro que o recambio, o relevo xeracional, porque temos unha universidade envellecida e precisamos unha renovación bastante completa do noso cadro de persoal, tanto no PDI como no PAS”. Neste senso, apuntou algunha das propostas de H2040 como a consecución dun máximo de 240 horas de dedicación docente, un plan de estímulo á xubilación, un adianto na saída de prazas ou o impulso a programas propios de formación pre e posdoutoral, plan de promoción do persoal investigador ou plans de formación para o profesorado. No caso do PAS, Manuel Reigosa lamentou que non fose posible mudar a Relación de Postos de Traballo (RPT) no primeiro mandato.

Entre as medidas contempladas no programa electoral de H2040 para o alumnado, Reigosa apuntou a proposta dunha oferta para que o estudantado faga máis vida nos campus, o fomento do asociacionismo e a posta en servizo de máis espazos para actividades, afirmando que “a experiencia universitaria ten que ser moito máis completa”. No ámbito da docencia, a candidatura encabezada polo ata de agora reitor aposta por mellorar a oferta de graos, mestrados e formación continua aproveitando as posibilidades que ofrecen os novos graos abertos, itinerarios integrados, formación dual e dobres títulos; así como pola captación de alumnado estranxeiro.

O incremento progresivo da partida destinada a produción científica e de transferencia; o reforzo dos centros e estruturas de investigación e transferencia; o impulso á renovación das infraestruturas científico-técnicas e a internacionalización a través da captación, son accións que o candidato mencionou no capítulo de investigación. No ámbito da transferencia, H2040 aposta por incrementar os contactos con empresas, fomentar a súa participación en proxectos e internacionalizar os proxectos, ademais de apoiar a ciencia aberta. Reigosa tamén se referiu á reformulación da xestión, mellorando o funcionamento da atención ao estudantado e PDI, simplificando procesos administrativos, implementando novos sistemas informáticos e automatizando procedementos administrativos.

A aposta pola sostibilidade foi outros dos puntos explicados polo candidato, que afirmou que “a Universidade ten que ser sostible e diminuír a súa pegada de carbono”. Reigosa explicou algunha das accións levadas a cabo neste senso nos últimos anos, como no caso do campus de Ourense as instalacións de xeotermia e solar. Igualmente, a consecución da igualdade plena foi outro dos eixos sobre os que puxo o acento este xoves, un obxectivo para o que H2040 propón dúas medidas estrela, como son a docencia cero durante o ano seguinte á reincorporación tras a baixa de maternidade e a docencia ao 50% durante o ano seguinte; e o estudo da implantación de ludotecas para períodos escolares non lectivos.

No acto tamén se fixo un balance dos logros acadados estes catro anos de mandato, destacando aspectos como a captación de fondos e persoal investigador, a colaboración co eido empresarial e institucional e a retención de talento. Por último, tamén houbo tempo para as preguntas das e dos asistentes, que abordaron temas como a preocupación pola consolidación da carreira investigadora, a equiparación de retribucións salariais dentro dos grupos de investigación ou as accións de captación de alumnado.