DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa expuxo en varios actos o programa electoral da súa candidatura

H2040 remata a súa campaña en Ourense apostando por unha remodelación global dos espazos do campus

Ante a construción de novas infraestruturas para Aeronáutica, Relacións Internacionais e Informática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 29/04/2022

A campaña electoral das eleccións á reitoría da Universidade de Vigo enfila a súa recta final. O único candidato a reitor, Manuel Reigosa, pechou este venres os actos correspondentes ao campus de Ourense con varias xuntanzas na Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias nas que expuxo os eixos do programa de H2040 co que aspira a un segundo mandato á fronte da institución académica. Nos temas específicos referidos a este campus, destacou a aposta por unha reorganización en conxunto dos espazos ante a chegada de novas titulacións e novas infraestruturas.

Nos actos celebrados, Manuel Reigosa estivo acompañado por boa parte do equipo co que se presenta a revalidar o seu mandato, entre eles Elena Rivo, profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que aspira a ser a nova vicerreitora do campus de Ourense. O candidato comezou a súa intervención destacando que “hai xente que pensa que habendo candidatura única as cousas xa están feitas pero non é así” e lembrando a necesidade de acadar máis votos positivos que negativos para ser elixido como reitor. Para conseguir esta reelección, apuntou, preséntase cun equipo e un programa “de continuidade”. Así, “satisfeito do cumprimento de promesas que fixemos” no mandato que agora remata e con “ilusión” por asumir un segundo, Reigosa pediu o voto á comunidade universitaria nas votacións que se celebrarán o día 4 de maio.

O futuro do campus

Respecto ás cuestións referidas ao campus de Ourense, o candidato de H2040 destacou que coa chegada das novas titulacións e infraestruturas previstas, preséntaselle a este campus a oportunidade de acometer “unha remodelación global” de espazos que permita agrupar algunhas cousas agora repartidas entre varios edificios, como a docencia de Aeroespacial, liberar espazo en centros agora “moi apertados” e optimizar o uso de zonas comúns. No caso da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Manuel Reigosa comentou que para “o futuro prantexamos unha implantación xeitosa dos novos títulos de Intelixencia Artificial, tanto o grao como o mestrado, onde imos ter que facer un esforzo en captación de profesorado”. Esta captación, dixo, “é precisa en todos os ámbitos e titulacións, polo relevo xeracional, pero nesta escola teremos unha sobrecarga moi importante por estes novos estudos”. Cando este grao e mestrado estean totalmente implantados, detallou, “imos precisar máis espazos” e dúas son as opcións baralladas neste senso. “Unha depende do Plan de Ordenación Urbana, pois hai unha parcela que poderíamos empregar que está ao lado xusto do campus sur. E outra é diante da residencia universitaria. Aí estamos en negociacións co Concello de Ourense, que xa nos amosou o seu interese en cedernos unha parcela alí. As dúas opcións están abertas e iremos vendo como se desenvolven”, comentou o candidato.  

No caso da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, indicou Manuel Reigosa, o novo edificio proxectado para este centro “xa está preparado para lanzar”, estando na actualidade feito o estudo de necesidades e negociando co Colexio de Arquitectos aspectos do concurso de ideas para o seu deseño. A proposta é, engadiu, que este edificio “teña unha pequena ampliación para que Relacións Internacionais teña un espazo propio”. Esta nova infraestrutura, recalcou o candidato a reitor, “é unha prioridade absoluta para a Universidade”. A súa posta en marcha liberaría espazos en diferentes edificios do campus, como o Politécnico e o de Ferro, e permitiría, dixo, unha remodelación global de espazos. Por último, no que respecta á Facultade de Ciencias, Reigosa afondou na “defensa das súas titulacións”, nomeadamente Enxeñaría Agraria, polas súas dificultades en canto a alumnado.

O programa electoral

Nos actos celebrados este venres en Ourense, ao igual que nos anteriores, Manuel Reigosa presentou os eixos do programa electoral de H2040. Este programa, lembrou, “está inspirado” no Plan Estratéxico da UVigo, recollendo así a aposta por unha universidade galega, comprometida coa igualdade, a lingua e a cultura galegas e a internacionalización. Neste programa, explicou o candidato, o primeiro reto é o relevo xeracional, tanto no PDI (persoal docente e investigador) como no PAS (persoal de administración e servizos). Neste senso, apuntou algunha das propostas de H2040 como a consecución dun máximo de 240 horas de dedicación docente, un plan de estímulo á xubilación e un plan de promoción do profesorado asociado. No caso do PAS, Reigosa recoñeceu que do mandato que agora remata “quedoume unha espiña cravada, que foi a RPT (relación de postos de traballo), que contabamos con modificala”. Pola contra, recalcou o “éxito” da funcionarización que, dixo, “vai a cubrir o 95% das prazas do PAS laboral”. O candidato a reitor indicou a necesidade de incrementar o persoal de administración e servizos en arredor dun 4% e facer “cousas novas”, pois, dixo, “queremos facer unha reformulación da xestión e probablemente precisaremos  persoal con capacidades diferentes”. Nesta reformulación da xestión, Reigosa referiuse tamén á necesidade de mellorar procesos administrativos, implementando novos sistemas informáticos e automatizando procedementos administrativos.

Entre as medidas contempladas no programa electoral de H2040 para o alumnado, Reigosa apuntou a proposta dunha oferta para que o estudantado faga máis vida nos campus. “Somos bos en docencia, os nosos egresados son competentes, pero fáltanos algo de vida universitaria”, dixo poñendo o foco en temas como o asociacionismo e as actividades culturais e deportivas. No ámbito da docencia, a candidatura encabezada polo ata de agora reitor aposta por mellorar a oferta de graos, mestrados e formación continua aproveitando as posibilidades que ofrecen os novos graos abertos, itinerarios integrados, formación dual e dobres títulos; así como pola captación de alumnado estranxeiro. O incremento progresivo da partida destinada a produción científica e de transferencia; o reforzo dos centros e estruturas de investigación e transferencia; o impulso á renovación das infraestruturas científico-técnicas e a internacionalización a través da captación, son accións que o candidato mencionou no capítulo de investigación. No ámbito da transferencia, H2040 aposta por incrementar os contactos con empresas, fomentar a súa participación en proxectos e internacionalizar os proxectos, ademais de apoiar a ciencia aberta. Por último, o compromiso coa sostibilidade e a igualdade foron outras das propostas explicadas por Manuel Reigosa. Neste último caso destacou entre as medidas contempladas por H2040 a docencia cero durante o ano seguinte á reincorporación tras a baixa de maternidade e a docencia ao 50% durante o ano seguinte; e o estudo da implantación de ludotecas para períodos escolares non lectivos.

Nas súas preguntas, os membros da comunidade universitaria trasladaron ao candidato a reitor as súas suxestións, peticións e críticas respecto a temas como o diferente ratio de profesorado/alumnado nas facultades e escolas da UVigo, as dificultades para o acceso á docencia, as necesidades de espazos e técnicos e a urxencia en mellorar e actualizar as infraestruturas deportivas do campus de Ourense.

Peche de campaña

Tras esta visita a Ourense, o luns terá lugar a derradeira xornada da campaña electoral na que o candidato a reitor de H2040 desenvolverá tres actos: na Facultade de Filoloxía e Tradución (9.30 no salón de actos); na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía (11.00 na aula de grao) e na Escola de Enxeñería Industrial (12.30, salón de actos da sede campus). A xornada rematará ás 17.30 cun encontro co estudantado.