DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola rede de Cátedras Telefónica, celébrase simultaneamente en 24 universidades españolas

O HackforGood reta o alumnado a buscar solucións tecnolóxicas a desafíos sociais

Desenvolven proxectos sobre o aproveitamento das sobras de restaurantes ou o coidado de maiores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • TIC
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 21/10/2022

48 para idear, deseñar e desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras a retos sociais. Este foi o desafío que o HackforGood lanzou ás e aos estudantes das universidades españolas que contan cunha Cátedra Telefónica, entre elas  Universidade de Vigo. As e os que aceptaron esta proposta reúnese dende onte xoves e ata mañá sábado no Teatro Vidal Bolaño do campus na sexta edición deste hackatón en Vigo, que tamén se celebra de xeito simultáneo noutras 23 universidades de toda España.

O evento comezou na tarde deste xoves cun relatorio de Anxo Mourella sobre incertezas e cambio industrial, pero os equipos non comezaron a traballar ata esta mañá, despois dun acto de benvida no que participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a directora en Galicia e Asturias de Telefónica, Paula Beirán e o director da Cátedra Telefónica na UVigo, José Cidrás.

Das sobras dos restaurantes ao coidados das persoas maiores

Divididos por equipos ou de xeito individual, durante 48 horas estes estudantes traballan para facer agromar ideas que dean resposta a algún dos 100 retos sociais propostos por ONG, fundacións, institucións e universidades, con fin último de traballar por un mundo mellor. Estas entidades tiñan total liberdade para propoñer algún desafío, sempre e cando buscase a innovación tecnolóxica, social ou económica. En concreto, a rede de Cátedras Telefónica propuxo tres liñas temáticas: smart cities, smart worlds e smart society; M2M e internet das cousas e impacto nas persoas e nos cidadáns. En concreto, os equipos vigueses decidiron desenvolver proxectos sobre o coidado de persoas maiores, os modelos de xestión e aproveitamento das sobras de comida dos restaurantes, o uso de redes sociais como Instagram e TikTok como ferramentas educativas, a administración de historiais clínicos ou solucións de xestión ambiental. 

O obxectivo das universidades implicadas, da Fundación Telefónica, da Fundación Hazloposible e de LoopUp, que son as entidades impulsoras do hackatón, é poñer a tecnoloxía ao servizo das necesidades sociais para desenvolver novas ideas, servizos ou aplicacións que axuden a resolver problemas, satisfacer necesidades e crear novas comunidades a través de colaboracións entre institucións públicas, privadas e do terceiro sector.

50.000€ en premios na fase nacional e 4000€ na local

O hackatón continuará este sábado ao longo da mañá e xa pola tarde, entre as 15.30 h e as 16.30 horas os equipos deberán presentar os seus proxectos, para posteriormente, ás 17.00 horas, celebrar a entrega de premios.

A dotación total dos galardóns ascende a 50.000€, incluíndo tanto os premios locais de cada sede como os tres premios que se outorgarán aos gañadores a nivel nacional. No que se refire á fase local da UVigo, o alumnado participante optará a tres distincións: 1000€, 600€ e 400€. A estes sumaranse tamén varios premios temáticos. O primeiro deles, de 500€, será para a mellor proposta no eido da innovación enerxética e sostibilidade; o segundo, coa mesta contía, será para a mellor iniciativa relacionada coa innovación social e, finalmente, entregaranse dous galardóns de 500€ ás mellores achegas relacionadas cos 17 ODS da Axenda 2030.

Para seleccionar as e os gañadores, o xurado terá en conta a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todos os perfís necesarios para o desenvolvemento das solucións aos retos, dende o deseño á informática pasando pola socioloxía ou o emprendemento social. Os proxectos valoraranse en función do impacto e importancia do problema solucionado, a creatividade, a innovación a facilidade e baixo custe do seu despregue, a adaptación a multi dispositivo ou o uso de software libre e estándares abertos.

O maior encontro tecnolóxico de España

Con esta nova edición, o HackforGood regresa ao campus de Vigo despois de dous anos de parón por mor da pandemia. En total, son 24 as universidades as que se uniron a este evento, que se celebra ao mesmo tempo en 14 cidade de toda España e no que participan máis de 1000 estudantes universitarios, o que converte esta cita no maior encontro tecnolóxico en España por número de participantes. Ademais, a iniciativa enmárcase na celebración do Ano Europeo da Xuventude, e pretende contribuír a poñer o foco sobre a importancia da xuventude europea para construír un futuro mellor, máis verde, máis inclusivo e dixital, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás.