DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 30 de abril estará aberta a inscrición no evento da Cátedra Telefónica da UVigo 

O Hackathon estrearase o vindeiro mes de maio en formato virtual

Poderá participar o estudantado en equipos de entre tres e seis integrantes 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 16/04/2021

Logo de cinco anos celebrándose en formato presencial, o Hackathon que a UVigo desenvolve ao abeiro da Cátedra Telefónica levarase a cabo en formato virtual. Será entre o 6 e o 8 de maio cando o Hackathon Virtual, HAVI 2021, reunirá aos equipos formados por entre tres e seis estudantes da UVigo, que deberán defender os seus respectivos retos para a innovación nesta competición, que ten o obxectivo de fomentar o emprendemento innovador e o traballo en grupo. Nesta primeira edición virtual do evento, a Universidade de Vigo, a Cátedra Telefónica e o Consello Social desenvolverán un hackathon que reunirá as mesmas condicións básicas que os presenciais, pero nun ámbito puramente virtual, empregando para tal fin as infraestruturas de teledocencia dispoñibles na institución académica.

Ata o 30 de abril estará aberto o período de inscrición para os equipos participantes, que non poderán superar os 20 e que deberán estar formados na súa totalidade por estudantes da UVigo. Cada equipo, que poderá ter entre tres e seis integrantes, deberá rexistrar un reto e nomear un representante. O 6 de maio, día do inicio do evento, os equipos realizarán unha breve presentación dos seus membros e do reto que propoñen. Ao día seguinte desenvolveranse as actividades de cada grupo e o día 8 finalizará o traballo, presentaranse os proxectos e procederase á entrega de premios.

Galardóns xerais e temáticos

Os mellores proxectos presentados no HAVI 2021 recibirán un primeiro premio de 1000 euros concedido pola Cátedra Telefónica-UVigo; un segundo dotado con 800 euros, concedido pola Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade e un terceiro de 600 euros, tamén outorgado pola Cátedra Telefónica. A estes galardóns súmanse tres premios, cunha dotación de 500 euros, nas categorías Medio Ambiente, Innovación Social e Innovación Sostible. 

As aplicacións gañadoras elixiranse tendo en conta o impacto e importancia do problema solucionado, a creatividade, a innovación e o grao de acabado conseguido durante o desenvolvemento do evento.