DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Membiela, na presentación dun libro sobre experiencias educativas:

“Hai que conseguir que a formación teña un núcleo importante de innovación”

Etiquetas
  • Vigo
Romina Vázquez DUVI 15/11/2007

“Unha obra excelente”, así cualificou Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, unha nova publicación que recolle as comunicacións presentadas na I Xornada de Innovación Educativa, que tivo lugar o 15 de decembro do pasado ano. Segundo el mesmo afirma, o obxectivo de eventos coma este é “conseguir que a docencia teña un núcleo importante de innovación”.
Membiela presentou o libro ante o conxunto de autores que nel participaron, agradecéndolles “o esforzo do traballo colectivo para elaborar vinte e cinco capítulos de alta calidade e variada temática”, xa que “cousas como esta son as que demostran que a área de innovación da Universidade desenvolve unha actividade moi intensa”. Subliñou a importancia da difusión destas actividades, posto que “o feito de reflexionar sobre o que facemos axúdanos a mellorar a nós mesmos, ademais de servir de experiencia para outros”.
O libro, titulado Experiencias de Innovación Educativa na Universidade, entregarase en tódalas actividades que organice a vicerreitoría dirixida por Membiela e, posteriormente, colgarase no portal da Universidade. A este respecto, Daniel Martí, un dos coautores do libro, propuxo que se traducise ao castelán para que o poidan consultar profesores de todo o Estado e que cada escritor faga un resumo do contido do seu capítulo para facilitar a lectura na web.

Liñas de acción

Na procura dunha innovación constante na docencia, dende esta vicerreitoría organizan, ademais do curso de iniciación para profesores noveles e dos programas de formación permanente, a II edición das Xornadas de Innovación Educativa no mes de decembro.
Un blog no que os profesores expliquen as súas experiencias docentes e un boletín informativo asociado ao portal da Universidade son os proxectos que se están madurando para seguir avanzando no campo da innovación educativa, que “aínda resulta un descoñecido”, segundo afirmou Membiela.