DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática de Enxeñaría Química convértese en académica numeraria desta institución

Herminia Domínguez ingresa na Real Academia Galega de Ciencias falando da biorrefinería como ferramenta clave para a sostibilidade

O acto celebrouse estes mércores en Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 17/03/2022

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores en Santiago de Compostela o acto de ingreso da catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo Herminia Domínguez como académica numeraria da súa Sección de Ciencias Técnicas. A profesora pronunciou un discurso de ingreso sobre as biorrefinerías como ferramentas claves para a economía circular e a sostibilidade.

O presidente da RAGC, Juan Lema, deulle a benvida á institución nun acto ao que asistiron, entre outras autoridades, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades. Da galardoada destacou que se trata dunha “persoa brillante, aínda que modesta nas formas, con ilusión no seu traballo, que sabe crear no seu arredor unha atmosfera de traballo amable, eficiente e eficaz”. A nova académica, dixo, vén a enriquecer a Sección de Ciencias Técnicas e ao conxunto da academia, sendo ademais a primeira muller académica desta sección e a primeira procedente do campus de Ourense. Herminia Domínguez agradeceu “o privilexio de ser académica” á Real Academia Galega de Ciencias, ademais de lembrar con agarimo á súa familia, ao persoal investigador co que se formou e traballou durante a súa traxectoria e aos seus compañeiros e compañeiras da Facultade de Ciencias, do Departamento de Enxeñaría Química, do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e do campus de Ourense.

Biorrefinerías, multifactorías verdes

A nova académica centrou a súa disertación, titulada Biorrefinerías, multifactorías verdes, na necesidade de facer un aproveitamento racional e completo da biomasa vexetal, especialmente da que está infrautilizada ou da que se considera un residuo, para “avanzar cara a sostibilidade” non só porque reduce o seu impacto medioambiental senón porque pode converterse nunha materia prima renovable, “contribuíndo á xeración de riqueza local”. Segundo explicou, os procesos baseados no concepto de biorrefinería, como ferramenta clave para a economía circular, permiten a obtención sostible de diversos produtos, materiais e enerxía, nunha alternativa aos procedentes de fontes non renovables. “É necesario progresar no desenvolvemento de procesos ecoeficientes, flexibles e válidos para distintas escalas de operación, posto que as biorrefinerías actuais aínda non teñen o grao de madurez das refinerías baseadas en recursos fósiles, que xa foron optimizadas no pasado século”, sinalou. Para preservar o valor dos recursos, Herminia Domínguez salientou que actualmente incídese no interese de incorporar, nas primeiras etapas das biorrefinerías, a extracción e valorización de diversos compostos bioactivos con demanda crecente nos mercados alimentario, cosmético e farmacéutico. Tamén apuntou que o desenvolvemento tecnolóxico será decisivo neste campo, particularmente co emprego de disolventes benignos e de ferramentas de intensificación de procesos que permitan maior selectividade con menos gasto enerxético, preservando as propiedades dos produtos.

Herminia Domínguez ofreceu desde a tribuna do Pazo de San Roque unha reflexión optimista baseada, segundo indican en nota de prensa desde a RAGC, no privilexio que supón estar en Galicia, tendo en conta os seus recursos renovables e a súa experiencia e imaxinación para desenvolver novos produtos e para o aproveitamento integral dos recursos. “Debemos ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamento e a conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías. Estes avances permitirannos abordar con éxito os retos actuais para construír un futuro máis sostible”, afirmou.

Unha “extraordinaria traxectoria científica”

O académico Pedro Merino, catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da UVigo, deu resposta á disertación de Herminia Domínguez. Merino fixo unha síntese do “extenso e excelente currículo” de nova académica, que posúe unha elevada produción científica con 270 publicacións en revistas de alto impacto, cun índice h de 55 na base de datos Scopus, un impacto ponderado de citas no seu campo de 1,51 e unha porcentaxe do 42,1% de publicacións dentro do percentil do 10% das revistas máis citadas. Ademais, salientou que está incluída na base de datos da Universidade de Stanford, dentro do 2% dos investigadores máis altamente citados, e que participa ininterrompidamente en proxectos de investigación de ámbito estatal, europeo e bilateral así como en contratos co sector privado, exercendo como investigadora principal en máis de 30 deles. É autora de nove patentes rexistradas, a meirande parte delas relacionadas coa calidade alimentaria, e titorizou a numerosos estudantes predoutorais e posdoutorais e dirixiu 15 teses de doutoramento.

Pedro Merino enunciou as liñas de investigación seguidas pola académica durante a súa traxectoria, como a aplicación de enzimas comerciais para a extracción de aceites de sementes oleaxinosas, o aproveitamento das fraccións de pentosas, o emprego da auga  como disolvente e único reactivo para a extracción e o aproveitamento de materiais e compostos de interese nutricional, cosmético ou farmacéutico obtidos a partir de algas ou biomasa vexetal de orixe residual ou infrautilizada. O académico apuntou que o seu campo é o desenvolvemento de procesos, independentemente das materias primas e dos produtos, seguindo modelos de economía circular. “A profesora Herminia Domínguez acredita unha extraordinaria traxectoria científica, tanto pola súa contribución á creación de coñecemento e capacidade de formación como polo impacto da súa investigación e capacidade de transferencia. Como resultado dos seus traballos, está a ser recoñecida coma unha das investigadoras de máis prestixio no seu campo”, subliñou