DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Daniel Rodríguez analiza a repercusión dos arquetipos nas ilustracións da fantasía

Heroes e monstros que definen sociedades

A persistencia de estereotipos, sinala, limita a capacidade de influencia destes símbolos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/10/2020

“O ser humano sempre necesitou de símbolos cos que representar a fenomenoloxía interna e externa, formas de explicar o inexplicable”, salienta o artista e investigador Daniel Rodríguez, que centrou a súa tese de doutoramento en analizar a forma na que estes símbolos, arredor dos que “se conforman os grupos sociais e nacen os mitos e relixións”, vense representados, a través de figuras arquetípicas, nas historias fantásticas da literatura, o cinema e a banda deseñada. Heroes e antiheroes, monstros e universos de fantasía, estudados desde “a perspectiva da representación dos símbolos do inconsciente colectivo”, son o eixo dunha investigación que pon o acento na “enorme” capacidade de influencia destes arquetipos e en como foron empregados tanto para a transmisión de valores como con fins propagandísticos. Do mesmo xeito, a tese afonda tamén en como figuras arquetípicas que “serven de exemplo”, como a do heroe, vense afectadas por “estereotipos que limitan a súa universalidade”, como que de xeito maioritario sexan representados como “un home branco heterosexual”.

Dirixida pola profesora da Facultade de Belas Artes María José Pérez Fabello, a tese Monstruos, universos, héroes y antihéroes. Estética y ética en la ilustración de fantasía centra a súa análise en “obras de fantasía con contido visual, como literatura, cine e cómics, nas que atopamos representacións nas que a ilustración ten un papel importante”, explica Rodríguez Palacios, quen desenvolve a súa traxectoria artística co pseudónimo de Lizartonne. Partindo dos arquetipos, que “definen apartados da personalidade inconsciente que nos axudan a madurar como individuos”, descritos polo psiquiatra e ensaísta Carl Gustav Jung e do concepto do “monomito” do antropólogo Joseph Campbell, a tese traza un percorrido polas obras do xénero fantástico máis representativas, tanto do século XX coma do XXI, co propósito de “comprender mellor estes símbolos, a súa proxección e transformación desde a mitoloxía clásica ata as representacións fantásticas contemporáneas”.

“Necesitamos heroes máis plurais”

“O heroe reflicte a maduración persoal de cada individuo de forma simbólica, axudándoo en forma de exemplo moral e de superación”. Mais, ao mesmo tempo, os heroes son tamén “fillos da súa época” e precisan evolucionar “para poder continuar servindo de exemplo”, sinala Rodríguez, que afonda na súa investigación en como estas representacións “repiten estereotipos que dificultan a inmersión de certos sectores da poboación”, como acontece coa representación habitual da figura do heroe. “Para chegar á maior parte da poboación, son necesarios heroes máis plurais”, sostén o autor da tese, que recoñece que a día de hoxe poden atoparse “representacións moito máis universais” deste arquetipo, “aínda que non son as máis abondosas”.

“O enriquecemento dos heroes, creando personaxes máis plurais é un valor en alza nestes tempos”, nos que a figura que está gañando unha maior importancia, sinala, é a do “antiheroe, un tipo de heroe que non nos ensina como ser perfectos, senón como vivir sen selo e como superarse partindo dunha situación desfavorable”. A análise desa figura levou ao investigador a pór o foco no que chamou o “paradoxo do antiheroe”, xa que estes personaxes serven “como exemplo moral negativo, que nos mostra como non debemos actuar e, en moitas ocasións, como redimirnos”, partindo de “actitudes marcadamente inmorais” que o espectador debe poder percibir como tal xa que, do contrario, “podería estar tomándoo como un heroe e imitando esas actitudes”. 

Arquetipos que guían e que manipulan

Outro dos focos de análise da tese son “os usos que tivo a representación arquetípica, desde guiar ao individuo cara a súa maduración, ata xerar odio cara o diferente e manipular o comportamento da poboación con fins políticos e relixiosos”, explica Rodríguez, que pon o acento no “enorme” poder de influencia dos arquetipos. Na tese, abórdanse diferentes exemplos destes usos propagandísticos, como películas de debuxos animados dirixidas ao “altamente influenciable” público infantil, como a curta de “propaganda antinazi” de Disney Der Fuehrer´s Face (1943). Do mesmo xeito, analízanse tamén outros casos nos que este uso faise de “maneira máis velada”, como no Rei León (1994), onde “aparecen símbolos utilizados durante a Rusia comunista para representar a Scar e o seu exército de hienas”, inimigos dos protagonistas.

A figura do monstro, que “fai referencia aos nosos medos” tamén foi empregada con frecuencia “motivos xenófobos ou de propaganda”, salienta Rodríguez. Trátase, engade, de representacións que falan do “momento que vive a sociedade” e que poden ser empregadas para alimentar “o medo ou o odio dunha parte da poboación fronte a outra”. Asemade, Rodríguez detense tamén nas representacións do “monstro ritual”, aquel “que axuda ao individuo “a enfrontarse ás durezas que lle depara a vida adulta nunha contorna controlada e segura” ou nas dos “monstros prospectivos, que falan dos nosos erros como sociedade”.

Da ilustración a converterse no propio heroe

Rodríguez analizou tamén como os avances tecnolóxicos influíron “na representación e o consumo destes símbolos arquetípicos”, xa que a evolución “desde as primeiras creacións de xénero fantástico na literatura” acompañadas de ilustracións ao momento actual, os cambios “foron enormes”. Primeiro co uso da fotografía e do cine e, posteriormente, coa chegada dos videoxogos, cos que a “a implicación do espectador variou a forma de percibir o arquetipo”, permitindo que este se convertese no propio heroe da historia, “chegando mesmo a obter o recoñecemento social coa chegada dos e-sports”, ao que se suma a “fiestra pola que transitar universos fantásticos” que supón a realidade virtual.

Como facer un bo uso dos arquetipos?

Titulado en Belas Artes e no máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, Lizartonne combinou a investigación co seu labor profesional como ilustrador, que na actualidade desenvolve dentro do grupo Digital Monster Collective. O xa doutor impulsou tamén a academia de animación Kraken, onde produciu curtas como Avelino (2018), que xunto a O boneco constitúe un dos resultados prácticos da tese. Nela buscaba tamén afondar en como facer “un bo uso dos símbolos do inconsciente” como ilustrador, aspecto no que subliña a importancia de “ser moi crítico” e avogar “por personaxes máis complexos e inclusivos”. No caso de Avelino, a curta presenta un monstro “que podería estar representando a calquera colectivo rexeitado da sociedade e que se enfronta a problemas cotiás”, tratando así de amosar que “todos temos as nosas loitas internas que nos fan moito máis semellantes do que pode parecer a simple vista”.