DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro repasa estratexias, marcas e políticas industriais do automóbil en ambos países

A historia da automoción en España e Italia, en 15 capítulos

Recolle os traballos presentados nun congreso celebrado en 2017 e coordinado por Rafael Vallejo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 04/02/2019

En outubro de 2017 o campus de Vigo acolleu un cumio de economistas españois e italianos no que durante dous días analizaron a industria do automóbil en ambos países tanto de punto de vista da produción como do consumo. As investigacións presentadas supuxeron importantes achegas no eido de Historia Económica polo que agora se recollen nun libro, que editan o profesor Rafael Vallejo, do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económicas da Universidade de Vigo e a profesora Margarita Vilar, do Departamento de Economía da Universidade da Coruña.

Ao longo de 15 capítulos, asinados por 21 expertos e expertas de universidades de España e Italia, analízanse as traxectorias da industria do automóbil nestes dous países. O libro ofrece, segundo explican os seus coordinadores, “traballos innovadores e de rigor científico que permiten avanzar no estudo da industria do automóbil en Italia e en España dende diversos enfoques”. Ademais, tratándose dun volume que recolle os proxectos e estudos presentados no seo do X Congreso España-Italia de Historia Económica, “esta publicación representa un chanzo máis desta longa e frutífera relación entre colegas” desta disciplina de ambos países.

En concreto, nesta publicación afóndase nas principais estratexias adoptadas por cada marca, os seus principais factores de éxito ou fracaso; o impacto das políticas industriais en cada país no comportamento do sector ou a súa capacidade para abrir mercados e establecer relacións empresariais máis aló das súas fronteiras. A todas estas achegas, únese un capítulo final no que Vallejo e Vilar analizan a importancia da automoción dende o punto de vista socioeconómico, centrándose en como “a aparición e difusión do automóbil modificou substancialmente as pautas de mobilidade, a escala dos mercados, os criterios de localización do tecido produtivo, as relacións entre produtores e consumidores e, en fin, a distribución da poboación no territorio e os hábitats, dende o mundo rural ao urbano, e indubidablemente os hábitos de viaxe e a industria do turismo”. 

O automóbil, factor de civilización

No capítulo asinado polos investigadores de Vigo e A Coruña parten da premisa de que o automóbil “foi un factor de civilización” en el tratan de explicar o papel que representou no desenvolvemento do turismo, centrándose no primeiro terzo do século XX. Os docentes subliñan que influíu tanto nas posibilidades de viaxar e acadar novos territorios como na ampliación das xeografías turísticas e as formas de facer turismo. Para analizar a fondo a relación turismo/automóbil, Vallejo e Vilar abordan tres aspectos fundamentais. Por unha banda, analizan o papel da automoción como factor de civilización no contexto internacional; por outra a evolución deste sector en España na súa condición de país máis consumidor que produtor de coches, así como as condicións que favoreceron a expansión deste medio de transporte e os efectos que xerou; e por último tamén ofrecen “unha  aproximación das relaciones entre os vehículos motorizados e o turismo en España nesta fase de conformación do sistema turístico nacional”. 

España e Italia: dous camiños diverxentes

Os editores explican no propio volume que a evolución da industria do automóbil seguiu camiños diverxentes en España e Italia. Se ben na actualidade España é un dos países líderes neste sector, Italia non se atopa nestes postos de liderado. As cifras amosan esta fenda: segundo a Organización Internacional de Fabricantes de Vehículos durante 2017 fabricáronse máis de 97 millóns de vehículos en todo o mundo. China liderou a produción con 29 millóns de unidades, ocupando España a oitava posición con 2,8 millóns mentres que Italia ocupa a vixésima, con 1,1 millóns.

Pero un século antes, a situación era ben diferente: Italia era unha das nacións pioneiras no desenvolvemento da industria automobilística, sendo entre a década de 1920 e 1930 o sexto país produtor de vehículos a motor. Nas follas deste libro, os autores tratan de dar respostas aos motivos desta diverxencia, que xa era perceptible a finais do século XX, cando España empezaba a entrar nos postos de liderado mundial do sector, mentres Italia, a pesar de ter de posuír marcas de prestixio e longa traxectoria, ía perdendo posicións. Para dar todas estas respostas, os capítulos van repasando as políticas industriais en España en relación co automóbil; os inicios desta industria en Italia a comezos do século XX; exemplos de intervencionismo estatal neste sector durante o franquismo; exemplos empresariais de Seat, Fiat, Volkswagen, Renault, Citroën ou GM, así como o sector das láminas de vidro para esta industria, a relación dalgunhas destas marcas coa URSS, o papel das zonas francas ou a relación neste eido entre as empresas locais e as multinacionais estranxeiras, centrándose na creación de empresas mixtas e analizando o seu impacto, entre outros aspectos.