DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A historia rural e a política centran o terceiro número dos "Cuadernos Feijonianos"

A publicación está realizada polos docentes da Área de Historia Moderna

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 14/12/2007

A Área de Historia Moderna da Universidade presentou o terceiro volume de Cuadernos Feijonianos de Historia Moderna, unha revista especializada que dende finais dos 90 e gracias a un proxecto coa Xunta de Galicia, publica cada tres anos a producción científica realizada por este grupo de profesores e dirixida a un público especializado.
José Manuel Pérez, catedrático e editor da revista xunto con María López, comentou que “é o resultado do triunfo dun soño que xurdiu co primeiro proxecto serio que tivemos co goberno autonómico. Implantamos a práctica de subvencionar cada número coa axuda que por cada proxecto nos ían concedendo” e engadiu que “a outra parte, a de conseguir a suficiente producción científica para publicar un número exclusivo xa foi máis fácil para nós”. Aproveitou tamén a ocasión para anunciar que este será o último número que presente pero que “é unha alegría ter unha herdeira tan importante como María López que sei que vai conducir a revista do mellor xeito posible”. Malia a retirada, non pechou as portas a colaborar con algún traballo puntual na vindeira edición.

O terceiro número da revista

Neste terceiro volume dos Cuadernos Feijonianos, os editores tentaron corrixir a tendencia dos anteriores números, centrados especificamente en temas demográficos, abarcando dous campos fundamentais: a historia rural e a política. Polo que respecta á historia rural, que é practicamente a da totalidade da poboación galega naquel momento, inclúense traballos económicos, sociais e demográficos. Isaac César González e José Manuel Pérez s encargáronse de analizar a evolución da poboación na zona lindeira con Portugal, no baixo Miño. Da vertente socioeconómica fíxose cargo Delfina Rodríguez centrándose no estudo da cultura agraria celanovesa no Antigo Réxime.
A segunda parte da revista céntrase na historia política e, concretamente, María López realiza un achegamento ao fracaso das reformas municipais borbónicas en Ourense.