DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus acolle o vindeiro xoves 2 a estrea da curta ‘Luz de contra’

Unha historia sobre a soidade que achegou o alumnado de Comunicación Audiovisual a unha rodaxe profesional

Realizada por 18 estudantes no taller ‘Celanova, plató de ficción’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/04/2019

Que o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación viva unha experiencia próxima a unha rodaxe profesional é o obxectivo central do taller Celanova, plató de ficción, que, no marco do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (Cemac), coordina cada ano o profesor da facultade Paulino Pérez. Un equipo de 18 estudantes do grao de Comunicación Audiovisual, integrado maioritariamente por alumnas, deu forma na última edición deste taller a Luz de contra, unha curtametraxe que toma como punto de partida o libro O sol do verán de Carlos Casares e que o vindeiro xoves 2 de maio se estrea na sede da Vicerreitoría do campus. “Trátase dunha historia sobre a soidade”, explica Pérez, produtor executivo dunha curtametraxe que, na novena edición deste taller, contou por primeira vez cun elenco integrado unicamente por actrices e actores profesionais, Cris Iglesias, Xavier Estévez e Alicia Armenteros.

“A súa temática principal é a soidade, a historia nace da necesidade de mostrar que moitas veces pensamos que este sentimento é o mellor, a única solución, e para nada é así”, engade Ana Campos, directora e guionista de Luz de contra, protagonizada por Cris Iglesias, actriz que traballou en series como Fariña e Serramoura, e Xavier Estévez, que conta cunha ampla traxectoria teatral e cinematográfica, ademais de ter participado en series como La verdad ou El final del Camino. Dous actores que, explica Campos, encarnan a Helena e Carlos, “dous descoñecidos que atópanse nun momento de necesidade de cambio”, na curta que poderá verse por primeira vez o vindeiro xoves ás 19.30 horas, nun acto que se completará coa proxección do making off e “algunha actuación sorpresa”, adianta Pérez.

14 alumnas e catro alumnos integraron o equipo responsable dunha curta xurdida dun taller que “lles achega a estándares e a un ritmo de traballo máis próximo ao que sería unha experiencia profesional”, e neste 2019 alcanzará súa décima edición nas semanas previas ao Cemac, que se desenvolverá entre o 9 e o 12 de xullo. Con ese obxectivo, este grupo de estudantes traballou durante cinco días nunha rodaxe para que contaron cun orzamento pechado e na que puideron rodar con equipos profesionais grazas á colaboración de GM Provídeo, á vez que “traballar con actores recoñecidos, aos que hai que agradecerlle a súa participación, xa que conviviron con nós durante cinco días e amosáronse moi receptivos”, engade Pérez dunha iniciativa que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Vicerreitoría do campus de Ourense, Facultade de CCSS e da Comunicación, Deputación de Ourense, Concello de Celanova e Fundación Carlos Casares.

Un equipo liderado por mulleres

“Para min a realización desta curta foi unha oportunidade incrible”, salienta Ana Campos, quen pon en valor a aprendizaxe que supuxo unha experiencia que “mostroume a realidade do traballo audiovisual” e que lle permitiu “poñer a proba todo o aprendido nos catro anos de carreira e traballar en equipo co resto de compañeiros”. Neste punto, a directora e guionista de Luz de contra pon tamén o acento no feito de que “a maioría das integrantes do equipo fosen mulleres” e que alumnas encabezasen os diferentes departamentos da produción. “É destacable que nunha produción audiovisual pase isto, non é o habitual”, recoñece Campos, quen nese senso destaca o “esforzo e talento” das súas compañeiras de rodaxe. 

Unha rodaxe que supuña ademais a súa primeira experiencia como directora, o que, recoñece, supuxo, “un pouco de nerviosismo”, pero tamén “unha aprendizaxe desde o primeiro momento”. Aprendizaxe na que xogaron un papel fundamental Cris Iglesias, Xavier Estévez e Alicia Armenteros, que “implicáronse na construción dos personaxes, dándome consellos que axudaron a perfeccionar o guión”, destaca. “Na rodaxe, non se limitaron a actuar, senón que fixeron que reflexionaramos sobre cada detalle da parte actoral e que todas as accións tiveran un porque. O seu obxectivo era ensinarnos a dificultade do seu traballo e conseguírono”, engade a directora de Luz de contra, unha curta rodada en localizacións exteriores de Celanova, no Pazo da Fábrica e na Reitoral de Ansemil, que, trala súa estrea, as e os seus responsables tratarán de levar a diferentes festivais.