DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Seique’, de Susana Sánchez Arins, está exposta na biblioteca de Torrecedeira ata finais de marzo

Historias de posguerra dun tío avó fascista centran o ‘reseñas.12’

A seguinte recensión abordará a temática do cambio climático

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI 28/02/2020

Cando se fala da posguerra, a mente da maioría das persoas que viviron os anos da ditadura franquista lembran aqueles anos da fame, o frío e a pobreza”, os tempos nos que “non deixar ver as propias ideas políticas” era a mellor opción. É neses anos nos que bota raíces Seique, o libro de Susana Sánchez Arins, que protagoniza o Reseñas.12, unha crónica poética en galego que aborda a historia dun fascista, o seu tío avó Manuel, na época da posguerra. Con este volume a autora gañou o Premio dos Libreiros de Madrid ao mellor libro de ficción, galardón que provocou as protestas testou súa nai, remarcando que “este non é un libro de ficción, é todo verdade”. 

Polas súas características, Seique foi escollido para converterse en eixo central do ‘reseñas.12’, unha iniciativa bimensual promovida polo persoal da biblioteca de Torrecedeira que ten como obxectivo crear un espazo dedicado á lectura e aberto a toda a comunidade universitaria ao mesmo tempo que intenta estimular o bo uso e manexo dos recursos e fontes de información que ofrece este espazo. Para acadar dita finalidade, creouse un expositor con, ademais deste libro, diversas obras da mesma temática como por exemplo Cartas de un condenado a muerte, No solo represión, ¿Qué sabemos del Franquismo?, Memorias de sal e terra e La memoria de los maquis, entre outros. A exposición, ademais dos libros, comprende unha simulación dun corpo exhumado, acompañado de fragmentos de cartas que datan dos anos da guerra civil.

Dis que din... Unha crónica poética de “disques” e “seicas”

Seique é unha crónica poética en galego, retrato do que foi a historia dun fascista, o tío avó Manuel, que na España da represión franquista foi alcalde de Ribadumia no ano 1940 e do cal a autora escoitou miles de historias que falaban da súa crueldade e inxustiza. Foi a necesidade de darlle resposta ás preguntas que durante tanto tempo se fixera sobre seu tío avó o que a levou á procura de información porque, “como sucede con todos os traumas, se non lles dá o aire, se os deixamos enterrados no fondo das mentes, podrecen e contaminan xeracións enteiras”, como explica Tina Parcero, técnica especialista de biblioteca que propuxo este libro para a nova edición de Reseñas. Precisamente por iso, Sánchez Arins quixo deixarlles ás nova xeracións respostas ás preguntas, e non silencios.

Así comezou a súa investigación Susana Sánchez Arins, axudada pola filla da súa tía avoa, “que decidira non calar e desenlear aquel nobelo escuro, cheo de reviravoltas, que non deixaba respirar a súa xente, nin a súa bisbarra nin a súa terra”, remarca Parcero. Pero reunir a documentación necesaria non foi sinxelo, xa que non había ningún texto nin fichas que falaran do tío avó Manuel. “Os vencedores non só escriben a historia, tamén deciden que será o que se recorde e o que non”, explica, e “nos arquivos era coma se Manuel García Sampayo non existise. Non había nada, nin un documento, nin a súa ficha de falanxista”. Por iso, o libro semella unha compilación de “disques” e “seicas” e tamén de silencios, que “mestura poema, cancioneiro, dicionario, teatro grego e remuíño, unha crónica poética en galego que reconstrúe o pasado mediante fragmentos de todo tipo como conversas, relatos curtos, poemas, contos, refráns, cantos populares...”. De feito, tras a publicación da obra e coa colaboración de varios historiadores atopouse a acta de xuízo que, “malia ditar unha sentencia exculpatoria para o seu tío, con testemuñas sospeitosamente laudatorias”, confirmaría os sucesos que no libro son só elucubracións da autora.

Unha longa traxectoria literaria

Seique non é o único libro galardoado de Sanchez Arins, xa que tamén recibiu o XXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé pola obra [de] construçom. Ademais é autora de poemarios como Aquilatadas, A nova e o navío e Carne dá miña carne; libros de relatos como Tu contas e eu conto e participou nunha chea de obras colectivas entre as que destacan Letras nómades. A mobilidade feminina na literatura galega, 150 cantares para Rosalía de Castro, De Cantares Hoxe... A maiores, a autora forma parte da plataforma de crítica feminista A Sega, preside a organización Implicadas no Desenvolvemento e colabora co xornal dixital Praza Pública

#folgapoloclima

O seguinte ‘reseñas’ chegará no mes de abril co libro Cambiemos el mundo #huelgaporelclima, un volume que recolle todos os discursos de Greta Thunberg, a adolescente sueca que loita contra o cambio climático e pola supervivencia do planeta. Entre outras intervencións, no volume inclúense as que realizou en decembro de 2018 nas Nacións Unidas ou en Davos, ante os líderes do mundo no Foro Económico Mundial.