DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A egresada Beatriz Pereira realizou como traballo de fin de grao un documental sobre a poeta

Unha homenaxe audiovisual a Xela Arias nacida nas aulas

O filme poderá verse este venres na sede da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 26/05/2021

Cando, en 2019, a titulada en Comunicación Audiovisual Beatriz Pereira se atopaba á procura dunha temática para o documental que quería levar a cabo como traballo de fin de grao, achegouse á traxectoria de Xela Arias, poeta á que se dedica neste 2021 o Día das Letras Galegas. “A súa figura atraeume enseguida e chamoume a atención o pouco coñecida que era, polo que ante a ausencia de materiais fílmicos que reflectisen unha visión total da autora, quixen sumarme á causa das persoas que levaban xa anos a reivindicala”, explica esta egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Foi así como naceu Xela Arias. Poeta nas marxes, o proxecto que o pasado mes de setembro defendía como TFG e que nestas semanas se exhibe en 30 localidades da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Produtora, guionista e directora, Pereira presentará o seu traballo este venres ás 19.00 horas na Casa das Campás, xunto ao tamén guionista do documental Daniel Chapela, no marco das actividades promovidas pola Vicerreitoría do campus con motivo do Día das Letras Galegas.

A través dos testemuños de Marga do Val, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Xosé María Álvarez Cáccamo, Susana Trigo e Humberto Heredia, este documental de 30 minutos percorre “a vida e obra” da escritora, deténdose, como sinala a súa directora, “en todas as arestas que fixeron dela unha muller situada nas marxes da literatura”. Deste xeito, alén da súa traxectoria como poeta, o filme aborda tamén o labor como tradutora e correctora de Arias, “así como o seu impacto na vida cultural galega”, e busca achegarse así mesmo, “a través do que contan persoas moi achegadas a ela”, a outras facetas da escritora, como as de activista, rockeira e editora. 

Un TFG que percorre Galicia

“O que quería era achegar o meu gran de area para que en Galicia se coñecese un pouco máis a Xela Arias fóra do mundo da literatura, xa que foi moi importante para as nosas letras e estaba totalmente invisibilizada”, engade Pereira deste traballo levado a cabo “con poucos medios e un equipo pequeno”. Titorizado polo profesor Oswaldo García, a titulada contou neste proxecto coa colaboración dos seus compañeiros do Grao en Comunicación Audiovisual Dialan Rob, María Arias e Carmen María Chamadoira, así como do estudante de son Anxo Xesteira e o do alumno de Filoloxía Galega Daniel Chapela. 

Tres meses despois de rematar o traballo, a Real Academia Galega anunciou que Arias sería a escritora homenaxeada neste 2021 no Día das Letras, o que contribuíu  a que este filme nacido como un traballo académico se atope nestas semanas percorrendo Galicia. No marco do proxecto Xela Arias. Poeta nas marxes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o documental proxéctase en 30 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, un percorrido que, de feito, arrancou coa súa estrea en Sarria, vila natal da escritora. Unha vez rematado este ciclo de proxeccións, ás que se suma a deste venres na sede da Vicerreitoría, Pereira proxecta publicar este traballo de xeito aberto na rede, co propósito de seguir contribuíndo “a achegar a figura da autora ao maior número de persoas”.