Entregóuselle este martes nun acto celebrado no edificio Redeiras con motivo do seu 70.º aniversario
Homenaxean o profesor Javier de Vicente Remesal coa publicación dun libro no que participan máis dun cento de penalistas
As actividades incluíron tamén un seminario internacional celebrado en CC Xurídicas e do Traballo
Hai apenas un mes o Consello de Goberno aprobaba o seu nomeamento como catedrático emérito e esta semana os seus discípulos académicos fixéronlle entrega dun libro homenaxe polo seu 70.º aniversario, unha obra de case 1400 páxinas -divididas en dous tomos- nas que se recollen as achegas de máis dun cento de prestixiosos penalistas sobre a situación actual desta profesión. Falamos do profesor Javier de Vicente Remesal, catedrático en Dereito Penal da Universidade de Vigo desde 1993, institución na que ademais de exercer como docente e investigador desempeñou diferentes cargos de xestión, entre eles o de vicedecano da Facultade de Dereito, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, ou vicerreitor de Profesorado con Domingo Docampo como reitor.
A entrega do libro tivo lugar este martes nun acto celebrado no edificio Redeiras, unha xornada internacional na que coincidiron algún dos docentes que participan na obra, así como o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, que se encargou de inaugurar o encontro, e o reitor, Manuel Reigosa, que o clausurou. Foi un acto de “emoción intensa” como subliñaron en numerosas ocasións os seus protagonistas, sobre todo no propio intre da entrega da obra ao profesor de Vicente Remesal de mans dos seus máis estreitos colaboradores: os docentes da Universidade de Vigo Marta García Mosquera e Virxilio Rodríguez Vázquez, os seus discípulos académicos; o catedrático emérito da Universidad de Alcalá, Diego M. Luzón Peña, presidente de honra da Fundación Internacional de Ciencias Penales ((FICP), “pai académico” e gran amigo do homenaxeado desde que se coñeceran en 1977 en Salamanca; e Miguel Díaz e García Conlledo, catedrático en Dereito Penal da Universidad de León, profesor honorario da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo, patrón da FICP e “irmá académico” do profesor de Vicente.
“A alta calidade científica dos traballos recollidos, a riqueza e abundancia dos temas tratados e as mostras de admiración ao homenaxeado converten este libro nunha obra orixinal e de obrigada consulta para afondar en temas xurídico-penais de actualidade, así como para coñecer máis polo miúdo a traxectoria académica e vital do profesor Javier de Vicente Remesal”, recalcaron os profesores Marta García Mosquera e Virxilio Rodríguez Vázquez, a quen se uniron nesta tarefa de coordinación do libro os profesores Luzón e Díaz pola súa proximidade ao homenaxeado.
Editado pola prestixiosa editorial do BOE
“O obxectivo era contar con penalistas de talla internacional que achegasen nun breve capítulo de libro a súa visión sobre un tema xurídico penal de actualidade”, explicaron os coordinadores. O resultado foi contar cun total de 101 contribucións nas que a meirande parte son de penalistas, con algunhas outras de xuristas de outras especialidades e non xuristas aos que se convidou tamén a participar pola súa estreita relación co profesor de Vicente.
“Estamos moi satisfeitos co resultado acadado”, admitiron García Mosquera e Rodríguez Vázquez, quen explican que se trata dunha obra de dous tomos, “editada por unha editorial de enorme prestixio como é a editorial do BOE”, con temas penais de grande interese, “tratados con rigor e vinculados moitos deles coas achegas científicas do homenaxeado, establecendo un diálogo coas posturas teóricas sostidas por Javier de Vicente ao longo da súa carreira”.
Verbas de afecto e agradecemento
Especialmente emocionado, o profesor Remesal trasladou o seu afecto e agradecemento a todas as persoas participantes, “que outra cousa podería facer nun día como hoxe”. Nesta liña, indicou que esta homenaxe significa para el un momento para “revivir, nunha rápida viaxe, todas as cousas boas que me aconteceron ata chegar ata aquí e de agradecelo a todos aqueles que o fixeron posible”.
Lembrou na súa intervención os inicios desta “aventura”, en Salamanca, onde en 1977 se licenciou en Dereito, “un momento crucial para o meu futuro profesional, cando coñecín ao profesor Luzón Peña, quen sería o meu mestre”. A partir de aí, a primeira (de moitas) estancia en Alemaña no ano 1981 cunha bolsa do Servizo Alemán de Intercambio Académico; a lectura da súa tese de doutoramento no ano 1985; a consecución da cátedra e chegada a Vigo a comezos dos 90... Polo camiño moitísimos colaboradores e colaboradoras, “máis de 100 presentes neste libro”.
Seminario internacional en CC Xurídicas e do Traballo
A maiores desta xornada, na que participaron penalistas de recoñecido prestixio con relatorios breves sobre diversos temas que renden homenaxe ao catedrático vigués, a celebración do 70.º aniversario do profesor de Vicente Remesal incluíu tamén a celebración este luns, neste caso na propia Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, dun Seminario internacional de dereito penal, seminario que por primeira vez se celebrou en Galicia.
Baixo o título Problemas de dereito penal xeral e especial , o encontro prolongouse ao longo de toda a xornada e contou coa participación de docentes tanto da propia Universidade de Vigo, como doutras universidades, do resto de España (León, Autónoma de Madrid, Pública de Navarra...) e tamén doutros países (Italia e Arxentina).
Inagugurado polo profesor Luzón Peña e o decano da facultade, Francisco Torres, o primeiro relatorio correu a cargo do profesor Virxilio Rodríguez Vázquez, quen fixo a súa particular achega sobre as contribucións dogmáticas ao dereito penal médico do profesor de Vicente Remesal. “Na dogmática penal, é dicir, no afondamento teórico desta rama do Dereito é onde podemos atopar os seus principais traballos”, explicou Rodríguez, quen tamén fixo referencia a que “as súas publicacións, en forma de libros, capítulos de libro, artigos, pero tamén as conferencias e relatorios, destilan un dominio total da teoría do delito e da pena, fundamentado, sen lugar a dúbidas, nun excelente manexo da doutrina alemá”.