A publicación, editada pola Unidade de Igualdade, foi presentada este xoves no edificio Redeiras
'Homes de coidado', un xornal que reflexiona sobre as masculinidades corresponsables
Yolanda Rodríguez destacou que “a corresponsabilidade non é sinónimo de debilidade”
Segundo un informe de CCOO, en España hai dous millóns de mulleres que non traballan para facerse cargo de coidados familiares. As que si o fan, levan sobre as súas costas boa parte das tarefas relacionadas coa familia e o fogar. É o que se coñece como a ‘fenda de coidados’ pero fronte a ela xorden as voces dos homes corresponsables, dos “homes de coidado'. Eles son precisamente o eixe dunha nova publicación presentada este xoves pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, un xornal elaborado de xeito colaborativo cuxo obxectivo é promover unha reflexión no conxunto da comunidade universitaria arredor das masculinidades coidadosas, cos homes como principais protagonistas e destinatarios.
“A corresponsabilidade non é sinónimo de perda de masculinidade”
Deseñado a modo de xornal para convidar á lectura pausada e á reflexión, Homes de coidado xorde ao abeiro do III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes da UVigo e aborda esta temática de maneira coral, poliédrica e aterrada na realidade da institución. Para facelo posible contouse coa colaboración, como explicaba en rolda de prensa a nova directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez, “de 36 persoas de todos os sectores da comunidade universitaria (oito mulleres e 28 homes)”, tanto persoal de xestión e administración, como profesorado e alumnado implicados activamente nas masculinidades coidadosas. A todas e todos eles, Rodríguez agradeceulles “o ternos aberto as portas ás súas experiencias de vida”, agradecemento que estendeu á anterior directora da Unidade, Águeda Gómez, así como a Rexenerando Sociedade Cooperativa, entidade encargada da coordinación técnica.
A nova responsable da Unidade de Igualdade da UVigo remarcaba a necesidade de rachar “cos estereotipos de xénero que aínda están vixentes na nosa sociedade” e facía fincapé en que “a corresponsabilidade e os coidados non son sinónimo de debilidade, nin de perda de masculinidade, senón, ao contrario, son expresións de fortaleza, de empatía e de compromiso real coa igualdade”.
Pola súa banda, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, puxo en valor este novo recurso, “unha idea e un formato absolutamente rompedor e iso vai chamar a atención e nos vai permitir chegar á xente”.
Referentes de masculinidades coidadosas
Como explicaba Mar Fernández Cendón, técnica da Unidade de Igualdade, o obxectivo desta acción é ofrecer referencias de masculinidades coidadosas a través de diferentes figuras e iniciativas vinculadas á Universidade de Vigo. A idea xorde para dar resposta á falta de implicación e de representación dos homes da comunidade universitaria nas accións vinculadas á igualdade (son arredor do 15% do total). “Quixemos que eses homes que si participan fosen visibles” e, ao tempo tempo, “captar a atención doutros que están interesados e preocupados pero precisan de referentes de masculinidades igualitarias”.
De forma paralela, explicaba Cendón, “tamén utilizarmos esta fórmula como unha estratexia de prevención da violencia de xénero, xa que hai estudos de investigación que relacionan a fenda de coidados coas violencias machistas, de forma que nos fogares onde existe unha maior corresponsabilidade nos coidados entre mulleres e homes hai niveis menores de violencia de xénero”.
Catro seccións, múltiples perspectivas
O xornal, como detallaba Martín V. Añel, de Rexenerando, “busca promover un espazo de reflexión participativo sobre a construción da masculinidade e a relación dos homes cos coidados, fomentar conversas, dar referentes e tamén achegar información sobre outros recursos que a Unidade de Igualdade ten elaborado”. Por iso se apostou polo formato de xornal, no seu deseño e na súa estrutura, e comprende diversas seccións con formatos informativos diferentes, dende entrevistas e reportaxes ata cartas á dirección ou artigos de opinión. Por exemplo, na sección Universo UVigo, “atendemos á realidade dos coidados pero mirando á propia Universidade, ás experiencias de persoal investigador, xornadas, traballos” ou experiencias como o Campus Camp. A sección Homes que contan “presenta tres voces de tres homes de diferentes perfís que falan para outros homes sobre que é ser home hoxe e traballar a favor da igualdade de xénero”. O País dos Coidados é unha sección que recolle o traballo feito en dous obradoiros participativos celebrados arredor desta temática, mentres que a revista cultural contén achegas á temática a través da arte, o cinema, a cociña ou as aplicación.
Na presentación participaron tamén dúas das persoas entrevistadas para o xornal, Carmen Mariño Martínez, profesora da EE Industrial, e Xabier Martínez Rolán, na Facultade de Comunicación, que relataron como foi a experiencia, os motivos que os levaron a implicarse e tamén como perciben eles a fenda de coidados. Rolán, que se definía como “un amo de casa orgulloso de selo” puxo o foco nos “moitos micromachismos” do día a día e coincidía con Mariño no esforzo que supón para os homes “renunciar a moitos privilexios” para traballar a prol da igualdade. A contrapartida, sinalaba a docente, “é gañar nunha afectividade que aos homes vos está negada tradicionalmente”.
Distribución dos exemplares
O xornal en formato papel ten unha tirada de 3000 exemplares que estarán dispoñibles nos vindeiros días nas conserxerías dos centros e noutros lugares que permiten unha lectura reflexiva, como as cafetarías ou espazos de descanso. Tamén se fará chegar algún exemplar a puntos clave das cidade de Vigo, Ourense e Pontevedra, como por exemplo as bibliotecas públicas municipais. Tamén vai haber unha versión dixital que está xa dispoñible na páxina web da Unidade de Igualdade.