DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de dous anos como presidente electo foi confirmado no posto á fronte da institución

Humberto Michinel revalida o seu cargo de presidente da European Optical Society ata 2020

O nomeamento produciuse no congreso bianual da entidade celebrado en Holanda

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 15/10/2018

Despois de dous anos como presidente electo Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo, vén de ser elixido presidente executivo da European Optical Society (EOS) para o período 2018/2020. O docente do campus de Ourense, primeiro español que ocupa este cargo, foi revalidado a pasada semana á fronte da entidade que agrupa ás sociedades estatais de óptica da Unión Europea e que ten como obxectivo contribuír ao progreso nesta área de coñecemento e promover o seu desenvolvemento tanto no contexto comunitario coma no internacional.

Seguindo o procedemento directivo da sociedade, de dous anos como presidente electo, dous como presidente executivo e dous como presidente saínte, o catedrático foi desde 2016 asumindo paulatinamente tarefas da entidade. Superada esta etapa, a súa confirmación como presidente executivo tivo lugar no congreso bianual da European Optical Society celebrado do 8 ao 12 de outubro en Delft, Holanda. “Aínda que xa era un nomeamento anunciado despois de dous anos como presidente electo, é unha honra seguir á fronte da European Optical Society”, comenta Humberto Michinel.

Como presidente da European Optical Society, o docente ourensán participa en todo tipo de cuestións referidas ao funcionamento da entidade, desde a organización de actividades, como congresos específicos nos diferentes ámbitos da óptica, ata a promoción da consideración desta disciplina en todo tipo de políticas e accións europeas.

Tamén secretario xeral da International Commission for Optics

Humberto Michinel é na actualidade catedrático de Óptica na Universidade de Vigo, institución na que dirixe o grupo de investigación Óptica Física. Ademais de ter sido membro da xunta de goberno da Sociedade Española de Óptica, cabe destacar tamén o seu nomeamento como secretario xeral da International Commission for Optics, considerada a maior organización mundial de fotónica, cargo que ostenta na actualidade.

O docente ten dirixido nove teses de doutoramento e é co-autor de máis de 60 artigos científicos, destacando numerosos traballos publicados na revista Physical Review Letters. Boa parte da súa actividade investigadora céntrase no estudo da propagación da luz en diferentes sistemas, así como as súas numerosas aplicacións tecnolóxicas. En canto á colaboración con grupos a nivel internacional, alén das publicacións conxuntas con diversos equipos, figuran numerosas estancias como investigador convidado en centros como a Chalmers University of Technology, de Suecia; a Australian National University, de Australia; a Ecole Normale Superieur, de Francia, e o Max-Planck Institut für Quantenoptik, de Alemaña. Ao longo da súa traxectoria ten organizado diversos congresos científicos e dirixido numerosos proxectos de investigación estatais. A estes méritos súmase o feito de ter fundando xunto a outros socios a empresa de base tecnolóxica Erhillumnia, participada pola Universidade de Vigo e centrada no ámbito da iluminación de estado sólido.