DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Arno Formella pecha unha etapa de case seis anos á súa fronte

Humberto Michinel, único candidato á dirección de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

A votación da Xunta de Escola celebrarase o día 21 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Ourense 14/10/2020

Desde o pasado mes de setembro, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense ten en marcha o proceso para a elección dun novo director ou directora. Este mércores fíxose a proclamación definitiva de candidaturas e o catedrático da UVigo Humberto Michinel lidera a única presentada. A votación da Xunta de Escola celebrarase o día 21 de outubro. Con estas eleccións, Arno Formella pecha unha etapa de case seis anos á fronte deste centro, desde os inicios da súa tramitación en 2015.

Proposta de equipo e retos

Humberto Michinel preséntase a estas eleccións cunha candidatura composta tamén polo profesorado do centro Nieves Lorenzo, que sería secretaria; Higinio González, que continuaría como subdirector, e Begoña Cid, que se incorporaría como subdirectora. Catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo desde o ano 2010 e doutor en Física pola USC, Humberto Michinel está especializado no eido da fotónica e tecnoloxías do láser, tendo coordinado nas tres universidades galegas un mestrado nesta especialidade durante dez anos. Presidente da Sociedade Europea de Óptica desde 2017 a 2020 e secretario xeral da Comisión Internacional de Óptica desde 2017, imparte toda a súa docencia en Física na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo desde a súa fundación, onde ademais dirixe o grupo de investigación en Enxeñaría Física. “Despois de máis de 20 anos no campus de Ourense e de ter desenvolvido unha intensa actividade investigadora, entendo que é un bo momento para dedicar algúns esforzos á xestión. É a miña maneira de "arrimar o ombro" para potenciar o campus de Ourense, especialmente no medio dunha situación complicada como a derivada da pandemia de coronavirus”, comenta o candidato. Ademais, engade, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo “afronta agora o reto do posgrao, unha vez superada a etapa inicial de montar o grao, o que implica novos desafíos que se poden abordar ben desde un perfil de investigación e transferencia tecnolóxica como é o meu”.

Precisamente sobre os retos que se marca para a centro en caso de saír elixido director, Humberto Michinel destaca como “ábrese agora o período do posgrao, que inclúe os estudos de mestrado e posteriormente a investigación a través do doutoramento”. Neste senso, o catedrático apunta como un primeiro reto sería pór en marcha o Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica “pendente”, algo que, indica, “propóñome que estea listo para comezar o curso que vén”. Sobre o alumnado, Humberto Michinel salienta como “afortunadamente temos unha das notas de corte máis altas de Galicia, o que garante a súa calidade” polo que indica como “un dos nosos principais retos neste eido é manter alto ese nivel, así como garantirlles unha docencia da máxima calidade e a posibilidade de desenvolver proxectos de investigación na súa área no noso campus”. Para facelo, apunta, “obviamente será necesario ampliar as infraestruturas existentes pois nestes momentos temos os espazos xustos para impartir o grao e co inicio do posgrao deberán ser ampliados”. Tamén no que a retos se refire, o catedrático da UVigo comenta como “é necesario afianzar as liñas de investigación e a transferencia de tecnoloxía ao tecido empresarial circundante por parte de todos os grupos da escola, especialmente a través da participación en proxectos relevantes, tanto nacionais como internacionais”.

Balance de Arno Formella

Con estas eleccións, Arno Formella pecha a súa etapa á fronte da escola desde as súas orixes. Así, lembra, estivo desde os inicios da súa tramitación, cando en abril de 2015 se constituíu a Xunta de Titulación encargada de desenvolver a memoria de xustificación do Grao de Enxeñaría Aeroespacial. Debido ao grave accidente do presidente desta xunta, José Antonio Vilán, do que Arno Formella salienta o seu “incansable traballo”, Formella foi nomeado director-comisario do centro e foi encargado tanto da implantación da escola como do seu grao. En abril de 2017 foi elixido director da escola e o seu mandato rematou este ano, tendo que ser aprazadas as eleccións ata este inicio de curso debido á pandemia. “Dado que estou metido nesta aventura interesante desde fai uns cinco anos e medio, penso que é un bo momento para deixar a dirección en mans do profesorado máis afín á enxeñaría aeroespacial e regresar ao que de verdade me entusiasma: a informática e a súa aplicación noutros ámbitos”, comenta.

Sobre estes case seis anos, Arno Formella apunta que “foi unha etapa a anacos moi densa de traballo, con moitos pasos que andar por primeira vez e con momentos de satisfacción cando se lograron obxectivos concretos”, como a implantación cada ano dun novo curso do grao e chegar a graduar a primeira promoción do centro. Entre os momentos vividos subliña “o feito de que dá gusto dar clases aos novos estudantes, con ganas de aprender e cunha motivación tremenda para ser enxeñeiros aeroespaciais”. “Agora os fundamentos da titulación están postos e toca construír a casa con novos retos para o futuro”, sinala o profesor, que continuará impartindo docencia na escola, ademais de en Enxeñaría Informática. No peche de etapa, o director saínte ten palabras de agradecemento para todas as persoas que participaron da evolución do centro desde as súas orixes ata este momento. Así, destaca o traballo feito polos equipos de dirección que tivo e os responsables dos diferentes eidos, como mobilidade, igualdade, calidade, prácticas, traballos fin de grao, cursos, etc. Ademais, apunta, “agradezo moito o esforzo do profesorado durante estes anos co principal obxectivo de proporcionar unha boa formación aos estudantes. Creo sinceramente que son competitivos respecto a outros centros aeroespaciais en España”. Por último, Arno Formella destaca o apoio recibido polos servizos da Universidade, en especial as secretarias do centro, e os equipos reitorais deste período.