DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 70 persoas asisten á gala final do concurso de monólogos da UVigo

O humor enche o Vitruvia Café nunha sesión cargada de ‘gargalladas científicas’

Actuaron a gañadora e finalistas do certame, dúas divulgadoras e o actor Quico Cadaval

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • HR
  • Investigación
  • Institucional
DUVI 12/12/2025

O Vitruvia Café de Vigo quedou pequeno na tarde deste xoves para acoller a todos os asistentes a unha xornada na que a ciencia e o humor amosaron a súa sintonía e capacidade para enganchar o público. Máis de 70 persoas asistiron á sesión final do concurso Gargallada Científica, un encontro no que a risa e a curiosidade científica foron da man. A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama Santomé, exerceu de mestra de cerimonias dun espectáculo que mantivo o público entre risas.

O encontro adoptou o formato dun solo de ciencia, un formato divulgativo en vivo que combina ciencia e entretemento. O primeiro monólogo da tarde correu a cargo dun dos finalistas do concurso, Fernando Álvarez Álvarez, investigador do grupo Agrobioloxía Ambiental: Calidade, solos e plantas. Caracterizado como unha auténtica “col rockeira”, Fernando Álvarez puxo en escena a súa proposta, Noccaea caerulescens, un monólogo no que, tirando de metáforas sobre os peculiares gustos desta planta da familia das leitugas, levou o público nunha divertida viaxe polas súas sorprendentes capacidades hiperacumuladoras. 

A continuación, Mario Soilán, investigador Ramón y Cajal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, Geotech, do Cintecx, reflexionou con humor sobre o vertixinoso avance da intelixencia artificial e o desafío de manterse ao día fronte ás continuas actualizacións das ferramentas dixitais. Pola súa banda, a gañadora do concurso, Patricia González, tamén do Cintecx, puxo en escena Podería dicir que son, unha peza cargada de retranca galega na que aborda, con moito enxeño, a dificultade de explicarlle a calquera persoa allea ao seu campo de estudo aquilo o que se dedica. 

Tras a participación dos finalistas e da gañadora do concurso Gargallada Científica, chegou a quenda das monologuistas convidadas. Ángela Arnosa Prieto, química e doutora en Ciencia de Materiais cunha ampla traxectoria na divulgación, arrincou gargalladas co seu monólogo Nanopartículas para flipar en cores, no que explicou como materiais tan comúns como a prata ou o ouro poden mudar de cor ou comportamento ao reducirse á escala nano. A continuación, Andrea Muras Mora, microbióloga e finalista de FameLab España, abordou en clave de humor a complexa vida das bacterias da boca e o proceso de formación da placa dental, nunha intervención que levou ao actor Quico Cadaval a facer bromas co público sobre a posibilidade de que todos acabasen correndo ao baño para lavar os dentes.

Foi Cadaval, figura esencial do teatro e do humor galego, quen puxo o broche final á sesión cunha versión de máis dunha hora do seu divertido monólogo Eureka, que provocou múltiples momentos de risa entre as persoas asistentes.

Co apoio da FECYT

O evento é parte das actividades impulsadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo con motivo do Día da Ciencia en Galego, dentro do plan especial do 5º aniversario de Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A iniciativa busca fomentar o talento divulgador en galego mediante formatos novidosos, como o monólogo científico.