DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Humor e malabares para amenizar o xantar

A actuación de Abigail Collins abre a programación do teatro de rúa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 30/10/2007

Un xeito alternativo de entreterse durante o almorzo. Esta foi a opción que tiveron todos aqueles que este martes comeron no Centro Comercial da Cidade Universitaria. A posta en escena do espectáculo “Un femme Exposée”, da británica Abigail Collins non deixou a ningún comensal indiferente. Algúns dos asistentes pasaron de público a ser parte da representación, algo que foi acollido con bo humor. “É un xeito diferente de entreterse durante a hora do xantar e de rirse para desconectar da rutina das clases”, apuntaban os asistentes.
“¡O espectáculo debe continuar!” é o grito de guerra en “Un femme Exposée”, dunha diva en decadencia. Despois de pasar do éxito a vivir como unha vagabunda, Madam Chou Chou aférrase ao espectáculo para saír adiante. Malabares, humor, danza e acrobacias foron os elementos empregados por Abigail Collins na súa actuación, que serviu para abrir a programación de teatro de rúa do primeiro cuadrimestre.
Esta artista británica, dende o seu debut en 1995, percorreu boa parte de Europa, Asia e Australia, sendo dúas veces gañadora do premio “Mellor artista de rúa” no Campus Activities Victoria.

Programación para a vindeira semana

A programación cultural deste outono continúa a vindeira semana coa actuación da compañía Teatro de Ningures. O Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria acollerá o mércores 7 de novembro a posta en escena da súa obra “Emigrados” a partir das 18:30 h. Ao día seguinte, xoves 8, volverá o teatro de rúa ao Centro Comercial. A partir das 14 horas o galego Trasno ofrecerá un espectáculo entre cómico e realista no que fala de nós mesmos, e non de todo ben.