DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este domingo pechábase o proceso da colocación da trintena de satélites que sairán ao espazo o día 2

Humsat-D agarda trala súa integración as derradeiras operacións antes do seu lanzamento

En Vigo ultímanse os tests na estación de terra para verificar o funcionamento do cubesat

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/11/2013

Avanza a conta atrás para a posta en órbita o vindeiro 21 de novembro do segundo satélite deseñado e construído na Universidade de Vigo. Este domingo nas instalacións da base de lanzamento de Yasni rematábase coa integración do satélite nodriza Unisat-5 no que se aloxa o Humsat-D, o proceso de integración da trintena de satélites que se aloxan no interior do módulo de cabeza ou SHM, Space Head Module, do foguete Dnepr. Ao longo de toda a semana pasada desenvolveuse o proceso de integración dos diferentes contedores que albergan os satélites que conforman a carga do foguete, proceso que culminaba onte coa integración de Unisat-5, onde Humsat-D ocupa a posición de saída por riba dos cubesats ICUBE-1 de Paquistán e PUCP-Sat-1 de Perú.
Finalizado o proceso de integración da carga, o anel sobre o que esta vai colocada integrarase na cabeza do foguete que será recuberto por unha carcasa protectora que evita a acción dos gases e tamén por unha cofia que ten a finalidade de impedir o rozamento. Unha vez rematado esta paso ao longo dos próximos días rematarase a montaxe do foguete que será entón situado no silo dende o que sairá ao espazo o vindeiro 21 de novembro ás 8.10 horas.

Expectación e últimas probas en Vigo

Mentres na base de lanzamento de Yasni remata o proceso de ensamblaxe do foguete que lanzará a Humsat-D ao espazo, en Vigo ultímanse os derradeiros tests na estación de terra desde a que se realizará o seguimento do satélite. “Coa expectación propia dun evento das características do lanzamento do que será o noso segundo da satélite”, explica o coordinador do proxecto Humsat, Fernando Aguado, “continuamos traballando para ter todo a punto chegado o momento de contactar con Humsat-D”. Neste sentido Aguado lembra que este é un lanzamento secundario xa que Humsat-D vai a súa vez integrado noutro satélite, Unisat-5, o que pode adiar o primeiro contacto co satélite da Universidade de Vigo de varias horas a varias semanas. “Unha vez que se produza o primeiro contacto co satélite poderemos comprobar o estado da plataforma e da carga útil e posteriormente iniciar a fase de operacións”, detalla Aguado.

A posta en órbita de Humsat-D marcará un novo fito na historia aeroespacial da institución académica que partindo o pasado ano dun cubesat educativo como o Xatcobeo, situarase a partir dese momento no punto de partida do desenvolvemento dun proxecto de dimensión mundial, Humsat, posto en marcha en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea e orientado ao fomento de capacidades en el sector espacial sobre todo en países emerxentes. Humsat-D que terá unha vida útil de dous anos, permitirá facer unha proba completa do sistema, recollendo datos e verificando o funcionamento da constelación antes de que os oito satélites que a completan sexan postos en órbita nun futuro.

60 doutores profesores, 70 egresados no campo aeroespacial e 15 enxeñeiros dos grupos SC1 / Equipo de Radiocomunicacións e SC7/ Equipo de Antenas, Radio e Tecnoloxías Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; EG6/Equipo CIMA e TE4/ Equipo de Electrónica de Potencia da Escola de Enxeñaría Industrial e LIA2/ Laboratorio de Informática Aplicada da Escola Superior de Enxeñaría Informática, conforman o Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo que foi o encargado de deseñar toda a infraestrutura do proxecto Humsat e será responsable de implementar a infraestrutura de terra para que o resto de universidades que participan no proxecto poidan lanzar os satélites e localizar os sensores.