DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polas tres universidades galegas en colaboración con Vicepresidencia

O I Encontro de Programas Universitarios para Maiores celebrarase en Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
María Boullosa DUVI 16/10/2007

“Para vernos por primeira vez”. Deste xeito resumiu o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, a intención do primeiro Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores, que terá lugar no Campus de Ourense o vindeiro 10 de novembro.
A el acudirán preto de 300 persoas das tres universidades galegas, sendo unha maioría estudantes, pero tamén coa participación de profesores e responsables de xestión co fin de chegar a unha análise plural da situación actual e perspectivas de futuro destes colectivos.
“Coa colaboración de Vicepresidencia, esta xuntanza está organizada polas tres universidades galegas, a través das vicerreitorías responsables; inda que a Universidade de Vigo xunto a Vicerreitoría de Formación e Innovación Eduactiva é a que xoga un papel máis importante na planificación por celebrarse no campus ourensán”, esclareceu Membiela.
Con distintas denominacións, as actividades de formación para maiores están practicamente presentes en todas as universidades de España e, do mesmo modo, na nosa Comunidade. “É o que denominan Cuarto Ciclo na Universidade de Santiago de Compostela, Universidade Senior na de Coruña, e Aulas de formación aberta na Universidade de Vigo, que teñen lugar nos tres campus” , describiu o vicerreitor.

Programa

Acollido na Aula Magna da Facultade de Ciencias da Educación, o acto comezará ás 10:30 horas coa recollida da documentación e as acreditacións, para dar logo paso ao acto de inauguración. Acto seguido, ás 11:30 horas, Ramón Villares pronunciará o relatorio “Emigración e identidade”, e ás 13:00 horas, chegará o momento da primeira asemblea das Asociacións de Estudantes de todos os campus co obxectivo, segundo Membiela, de comezar o camiño cara unha federación. Xa polo serán, logo dun xantar de confraternidade, os participantes asistirán a unha visita cultural e a unha presentación de comunicacións ata as 18:00 horas, momento do último acto, a mesa redonda sobre os programas universitarios para persoas maiores que “servirá para falar de nós mesmos e que pensemos arredor da nosa situación actual e as propostas de futuro”, afirmou Membiela.