DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conta cun xurado de prestixio formado por membros das tres universidades galegas

O I Premio de Investigación Alexandre Bóveda outorgará 20000 euros ao mellor traballo do ámbito das Ciencias Sociais

O centro de documentación xa arquivou o 25% do legado do galeguista

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 22/04/2008

Cunha contía de 20000 euros e un prestixioso xurado ponse en marcha o I Premio de Investigación Alexandre Bóveda, unha iniciativa enmarcada no programa de actividades da cátedra co mesmo nome e que a Universidade de Vigo creou coa intención de dar un pulo ás Ciencias Sociais en Galicia e de achegar á cidadanía a obra do insigne galeguista. Segundo explicou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, “a idea é dotar ao premio cunha cantidade importante para atraer aos mellores investigadores do país sobre as diferentes materias que engloba o certame, aquelas que foron obxecto de estudo por parte de Bóveda”, comentou na presentación da actividade que tivo lugar no Concello de Pontevedra. Ademais da dotación económica e dun recoñecido xurado, formado por membros das tres universidades galegas, nesta primeira edición, o vicerreitor de Relacións Institucionais destacou o feito de que o traballo gañador dará lugar a unha publicación, “algo que no eido académico considérase imprescindible”, subliñou Iván Area. Deste xeito, poderán optar ao premio todas aquelas persoas que presenten un proxecto referido a Galicia nun senso amplo, é dicir, relacionado coas disciplinas coñecidas como ciencias sociais (economía, dereito, política, etc). Todos os traballos deberán ser presentados antes do 30 de setembro deste ano e o xurado fará público o gañador no mes de decembro.
A Cátedra Alexandre Bóveda é unha iniciativa na que colaboran cinco institucións do ámbito público e privado, como a Consellería de Cultura e Deporte, o Concello de Pontevedra, Caixanova, a Fundación Alexandre Bóveda e a propia Universidade de Vigo. Representantes de todas elas estiveron presentes no acto, no que a concelleira de Cultura e Universidade do Concello de Pontevedra, Lola Dopico, agradeceu a todos a súa participación e destacou que “con esta iniciativa queremos facer máis presente a figura de Bóveda, que é un dos símbolos da nosa cidade e un dos pais do nacionalismo contemporáneo e co que todos estamos en débeda”.

Un xurado de prestixio

Nesta primeira edición do Premio de Investigación Alexandre Bóveda, desde a organización fíxose fincapé na formación dun xurado de elite e axeitado para valorar os traballos das diversas disciplinas que se presentarán. En verbas do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, “escolleuse unha escolma de persoas realmente excelente en diferentes eidos de actuación, que estudarán e afondarán as propostas entregadas para elixir a mellor”, ao que engadiu que, “trátase de dotar ao premio non só dunha contía importante senón tamén dun alto nivel a través dos membros do xurado”.
Este equipo encargado de seleccionar o proxecto gañador, está composto por membros das tres universidades galegas querendo deste xeito “abrir o certame a toda a comunidade”, segundo subliñou o vicerreitor. Entre outros, pódense destacar a presenza do presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares Paz; a catedrática de Análise Matemática da Universidade de Vigo, Margarita Estévez Toranzo; o catedrático de Ciencia política e da Administración da Universidade de Vigo, Argimiro Rojo Salgado e a profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Marta García Pérez. Ademais contarase coa participación, con voz pero sen voto, do director da cátedra e docente da Universidade de Vigo, Álvaro López Mira. As decisións do xurado adoptaranse por maioría absoluta, serán inapelables e o seu fallo darase a coñecer publicamente en decembro do 2008.

Outras liñas de actuación da cátedra

A Cátedra Alexandre Bóveda creouse co obxectivo de difundir a figura deste galeguista a través dun centro de documentación, de diversas actividades congresuais e do premio de investigación que se acaba de presentar. Baixo a dirección do profesor da Universidade, Álvaro López Mira, estas tres grandes liñas de actuación estanse a desenvolver satisfactoriamente e servirán para dar un pulo ás ciencias sociais en Galicia. En primeiro lugar, creouse o centro de documentación coa finalidade de recompilar, sistematizar e converter en formatos dixitais o legado de Bóveda, en poder dos seus descendentes, permitindo así aos investigadores acceder a súa obra. Actualmente esta ardua tarefa está nas mans dos profesionais baixo a coordinación de Uxío Breogán Diéguez que está dinamizando e activando a creación deste arquivo e que, segundo comentou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, “xa conta co equipamento necesario e levan arquivado sobre o 25%, o que significa que o traballo se está facendo a un bo ritmo e confiamos en que poida estar rematado a finais de ano”.
Por outra banda, dan contido á cátedra unha serie de congresos, conferencias e charlas que comezaron o pasado mes de decembro coa participación de Xosé Manuel Beiras, quen falou da vida e obra do galeguista na conferencia Alexandre Bóveda ou Galicia como paixón. A finais de ano está prevista a organización dunha xornada que previsiblemente abordará a faciana fiscal e económica dos traballos do autor. A data aínda está por definirse pero probablemente coincidirá coa celebración de algún evento histórico como foi a aprobación en referendo popular do Estatuto de Autonomía do 36.