DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A rede desenvolve tecnoloxías de xestión intelixente da información

I Xornadas Empresa-Universidade da Rede Galega de Procesamento da Linguaxe Natural e Recuperación da Información

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/10/2007
Entidades francesas, portuguesas e españolas, participan este venres en Santiago nas I Xornadas Empesa-Universidade da Rede Galega de Procesamento da Linguaxe Natural e Recuperación da Información, REDPLIR.
A rede, que naceu a finais do 2006, está integrada por sete grupos de investigación das tres universidades galegas, concentrando traballo de lingüistas e informáticos co obxectivo común de desenvolver tecnoloxías de xestión intelixente da información.
Nas xornadas que se desenvolverán na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, se sucederán, tanto pola mañá como pola tarde, as intervencións de representantes de empresas e de responsables e integrantes de grupos de investigación nacionais e internacionais que abordarán cuestións como a recuperación das noticias na web, a extracción do coñecemento a partir de coleccións documentais ou a recuperación de información intelixente en español.
Pola súa banda, nas xornadas participarán representantes de empresas como Telémaco, Mister Doc, Lingway ou Serindoc con relatorios sobre modelos dinámicos de transferencia de tecnoloxía, arquivos dixitais ou ferramentas avanzadas para o e-emprego.

A Red Plir

Linguaxe e Sociedade da Información, Sistemas Integrais, Verificación de Software, Gramática Cognitiva e Funcional ou Compiladores e Linguaxes, son algúns dos grupos de investigación que integran esta rede financiada pola Xunta de Galicia e que centra o seu traballo na lingüística computacional, recuperación de información ou analizadores automáticos.
Son un total de sete grupos de investigación das tres universidades galegas os que conforman REDPLIR, participando a Universidade de Vigo a través dos grupos de Gramática Cognitiva que ten como investigador principal a José M.García-Miguel e o grupo de Compiladores e Linguaxes, COLE, que dirixe Manuel Villares Ferro.