Con 30 votos a favor, todos os emitidos dos 46 posibles
Iago Pozo, novo director por unanimidade da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía
En substitución de Elena Alonso, por un período de seis anos
O profesor titular na área de Explotación de Minas no Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Iago Pozo Antonio é desde este mediodía e por unanimidade o novo director da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo. Pozo concorreu como cabeza de lista da única candidatura presentada ao proceso electoral no que podían votar 46 persoas, acadando en pouco menos de media hora, un total de 30 votos a favor da súa proposta, o que considera “unha inxección de enerxía para poñerme a traballar a partir de maña e que confirma que a xente da Escola me aprecia e valora o programa co que nos presentamos”.
Tras case catro anos á fronte da Área de Promoción da Internacionalización da Universidade de Vigo, Pozo asume a dirección da Escola durante os próximos seis anos en substitución de Elena Alonso Prieto, coa que compartiu equipo directivo do centro durante varios anos. “A xente quería que collésemos as rendas da Escola para que sexa mellor, aínda que agora está nun gran momento”, asegura o novo director, que apunta como principais retos da Escola, “facela máis visible nacional e internacionalmente; revisar as titulacións, incorporando novidades, máis internacionais e conxuntas con outras universidades; e desenvolver as accións contempladas co financiamento da Xunta asociado á concesión do selo de excelencia ao Grao en Enxeñaría da Enerxía”.
O fortalecemento das relacións co tecido empresarial, co propósito de achegalo ao estudantado e favorecer a súa formación práctica, a transferencia de coñecemento e a súa futura inserción laboral; e o impulso a iniciativas vinculadas aos distintivos acadados pola Escola nos últimos anos nos ámbitos da igualdade, normalización lingüística e empregabilidade, son outras das accións prioritarias para o novo equipo directivo da EEME.
Un equipo continuísta
O novo director da EEME, Iago Pozo, lidera un equipo formado polas mesmas persoas que integraban o da súa antecesora: Guillermo García Lomba, profesor do Departamento de Matemática Aplicada II, como secretario e coordinador de Calidade; Iria Feijóo Vázquez, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción, como subdirectora de Planificación e Organización Académica; Francisco Javier Deive Herva, profesor do Departamento de Enxeñaría Química, como subdirector de Asuntos Económicos, Infraestruturas e Relacións Internacionais; e Raquel Pérez Orozco, profesora do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, como subdirectora de Divulgación Científica e Captación.
"Todos eles achegan unha sólida experiencia nestas responsabilidades e son plenamente conscientes das necesidades, fortalezas e prioridades da escola, o que constitúe unha garantía para afrontar con éxito os retos dos vindeiros anos", destaca o novo director da Escola.
Traxectoria docente, investigadora e de xestión
Docente no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, no Mestrado de Enxeñaría de Minas, e no doutoramento en Protección de Patrimonio Cultural, Pozo desenvolve o seu labor investigador no grupo Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais (XESSMin), do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx.
Desde o ano 2018, cando asumiu o cargo de subdirector de Relacións Externas e Mobilidade no equipo liderado por Elena Alonso, o novo director da EEME desenvolveu diferentes cargos de xestión, como o de director da Área de Promoción da Internacionalización na Vicerreitoría de Internacionalización entre os anos 2023 e 2026.
