DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da UVigo Pablo Romero dirixe un documental sobre a figura do hispanista

Ian Gibson, un "detective literario" na procura incansable da verdade e a memoria

A película pon en valor máis de medio século de investigacións sobre Buñuel, Dalí ou Lorca

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 04/09/2021

De Londres ás Hurdes. Das Hurdes a Madrid, de alí a Granada e finalmente a Vigo pasando polo festival de Cans. A historia da película documental Donde acaba la memoria é a historia dunha viaxe xeográfica, temporal e persoal, a historia de Buñuel pero tamén a historia do hispanista Ian Gibson. A cinta, proxectada este venres no cine Salesianos, está dirixida polo profesor de Filoloxía e Tradución e investigador do grupo GALMA Pablo Romero e quere ser un espello a través do que coñecer a Gibson mentres el segue os pasos de Luis Buñuel e a súa película Tierra sin pan.

Así, o documental emprega as investigacións de Gibson sobre Buñuel como fío condutor, traslada ao espectador ás Hurdes, percorre as súas aldeas, pero pouco a pouco, Tierra sin pan e Buñuel deixan paso ao historiador irlandés como verdadeiro protagonista, amosándoo como un rescatador da memoria histórica e un estudoso de tres dos principais creadores españois de todos os tempos: Lorca, Dalí e o propio Buñuel. Donde acaba la memoria pecha, de feito, a triloxía de pezas audiovisuais froito de máis de 50 anos de investigacións. 
Gibson recoñece que “pode que non houbese nin un só día da miña vida no que non pensase nos últimos momentos, as últimas horas, os últimos días de Federico García Lorca”. E esta afirmación coincide plenamente con como Romero define ao escritor irlandés tras nove anos traballando cóbado con cóbado: unha persoa “dedicadísima ao seu traballo, rigoroso e extremadamente traballador e produtivo e tamén moi obsesivo, que pode pasarse unha semana buscando unha dato que finalmente solo vai ser unha nota ao pé nun libro de 1000 páxinas”. 

Memoria histórica e reconciliación

Tanto Romero como Gibson, acompañados polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e o produtor Xavi Font, participaron na presentación da cinta este venres en Vigo. Na súa intervención e no coloquio posterior Gibson fixo unha firme defensa da memoria histórica, un exercicio que ao seu entender serviría tanto para curar feridas como para a reconciliación. “É unha obsesión miña”, recoñecía, “non pode ser que sigan en fosas comúns e cunetas máis de 100.000 españois e españolas". Considera que darlle un enterro digno é algo "humano e necesario”, do mesmo xeito que se fixo durante a ditadura cos fusilados polo bando republicano. Pero “hai tanto que facer, hai traballo para séculos”, laiábase. Con el coincidía o reitor, que remarcaba que “como país precisamos pechar unha serie de feridas que seguen abertas”. Gibson tamén reflexionou sobre Lorca como a figura de Lorca como símbolo da reconciliación. “Para min foi un privilexio dedicarlle décadas ao estudo da súa morte e tamén da súa vida” e recuperar os seus restos sería un gran paso, sinalaba.

O historiador non deixou pasar a ocasión de referirse á súa relación con Galicia, con Vigo e con, entre outros, o poeta José Luis Franco Grande, Eduardo Blanco Amor ou César Torres Martínez, vigués que foi gobernador civil de Granada xusto antes da sublevación. Quixo tamén trasladar o seu agradecemento a Pablo Romero por ter sacado adiante o proxecto a pesar dos moitos contratempos que xurdiron. “Foi un proceso longo que estivo case morto”, asumía o director e docente, “pero se finalmente o sacamos adiante foi porque se fas unha película sobre alguén obstinado ata dicir basta, abandonar a medio camiño non era o seu”. O reitor tamén felicitou a Romero e expresou a súa ledicia porque a Facultade de Filoloxía e Tradución conte “con talentos como o de Pablo, que non teñan que estar polo mundo adiante e poidan desenvolver a súa tarefa na casa; é un orgullo contar contigo”.

Unha historia que comeza e remata en Granada

Donde acaba la memoria “non é unha biografía”, remarca Pablo Romero, xa que Gibson non quere que ninguén faga unha biografía del “porque non ten interese algún e porque sei por experiencia que ninguén di a verdade cando fai unha autobiografía”. Por iso, esta cinta “non é un documental ao uso, non lle poñemos o espello diante, poñémollo por detrás e seguimos os seus pasos”, explica o director. “A peli é unha viaxe na que seguimos a Ian primeiro nas Hurdes, entendemos un pouco quen era Buñuel, que supuxo esa película para o director, e para España en xeral, e imos mirando cara onde mira Ian; pero pouco a pouco imos xirando o espello cara el. Nas Hurdes podémolo ver investigando, emprendendo aventuras, escalando un precipicio para chegar ao lugar no que estivo Buñuel. Tamén podemos velo na Residencia de Estudiantes onde estiveron Buñuel, Lorca e Dalí, entrevista a Saura ente outros e, pouco a pouco, achegámonos a Gibson, sobre todo en Granada”. E é que precisamente en Granada é onde comezou esta historia de Ian Gibson hai 65 anos, e é tamén onde remata todo. Alí amosa ao espectador o que define como a súa tumba, unha biblioteca na que reuniu todos os libros que foi adquirindo ao longo dos anos e, “a diferencia das tumbas que el busca”, está aberta e dispoñible para todo o mundo. Nesta colección está, por exemplo unha gravación de hai décadas na que conseguiu entrevistar ao enterrador de Lorca, como se pode ver no documental.

O detective literario ante o espello 

O xermolo de Donde acaba la memoria está en Londres, cidade na que Pablo Romero residiu durante 15 anos. Mentres realizaba tarefas de interpretación no Festival Internacional de Cine de Londres coñeceu por casualidade ao galardoado director da BBC Mike Dibb co que xurdiu un boa relación. Co tempo o agora docente da UVigo descubriu que Dibb era amigo dende a época da universidade de Ian Gibson. Tras dous documentais sobre García Lorca e Salvador Dalí, comezaban naquel momento un sobre Buñuel, no que Pablo Romero se involucrou e “aquel encontro casual acabou transformado nunha oportunidade persoal e profesional”. 

Tras nove anos traballando Ian Gibson amósase fascinado pola “súa dedicación a unha tarefa a tan longo prazo, como os 65 anos que leva buscando a García Lorca, nunha época na que todo é instantáneo”. Explica que non se recoñece como hispanista, senón como un detective literario. Toda a súa traxectoria profesional “márcase como obxectivo converter as historias en minúscula en historias con maiúscula; facer que as memorias individuais das persoas que entrevista, sempre subxectivas e individuais, se transformen en algo obxectivo e desapaixoado”. Nos seus libros “ten a responsabilidade de escribir uns feitos que logo constitúen a nosa historia, a nosa memoria histórica. Iso fascíname, porque é quen de separar as cousas que non son das que si son e coidar cada un dos adxectivos porque como Gibson recoñece, cada adxectivo é unha cuestión ética”. O docente tamén sinala o paradoxo de que un irlandés sexa “quen nos conte como fomos e en certo modo como somos tamén. Por iso a cinta se chama Donde acaba la memoria, porque onte acaba a memoria é onde comeza a historia. Ese é o lugar, a fronteira na que se atopa Ian”.

Resultados dun proxecto de investigación

A cinta é o “produto final” do traballo de Pablo Romero como investigador Ramón y Cajal no grupo GALMA, centrada na tradución e accesibilidade para persoas xordas e cegas durante o proceso de elaboración dos traballos audiovisuais, denominado accesible filmmaking ou cinematografía accesible. Esta é unha aposta por un novo modelo que propón que a tradución e a accesibilidade para persoas xordas e cegas no cine non se realice cando a película xa está rematada, senón alo longo do proceso. Na súa película pon en práctica os resultados destas investigación: a película está falada en inglés e en castelán, ten subtítulos “un pouco creativos e rodamos tendo en conta onde irían, por exemplo, facendo unha peza de cinematografía accesible dende o principio.