DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vicente Goyanes, responsable de UvigoTv, a única televisión universitaria galega:

"En Iberoamérica hai universidades que están empregando sistematicamente as nosas gravacións nas súas clases"

O Opencast, a pílula educativa e o sistema de videoconferencia web centran actualmente o seu traball

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 03/02/2009

Dirixida por Vicente Goyanes, UvigoTv é xa un referente tecnolóxico no panorama universitario nacional e internacional. O servizo dobrou o pasado ano o número de accesos e descargas por parte dos seus usuarios de España, Portugal e Iberoamérica. A día de hoxe, o equipo de Goyanes está inmerso na segunda xeración do proxecto Opencast, en colaboración con dez universidades de todo o mundo. A pílula educativa e o sistema de videoconferencia web son as dúas novidades nas que están a traballar e que desenvolverán plenamente este ano, seguindo co labor de asesoramento en Accesgrid onde son referente indiscutible na Península Ibérica.

A Universidade de Vigo é unha das poucas de España e a única galega con este servizo de televisión, suponlle isto algunha vantaxe competitiva?
Polo momento seguimos sendo a única en Galicia, pero esta situación de seguro vai cambiar polas axudas que ofrecerá o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través do ente público red.es para o desenvolvemento de estas tecnoloxías. Catro universidades creamos unha comisión técnica asesora para este Ministerio, a Carlos III, a de Murcia, a Politécnica de Valencia e a de Vigo e axudamos a refacer esta convocatoria e logo a avaliar os proxectos. Son 15 millóns de euros que se repartirán entre 29 centros da zona Feder e, aproveitando isto, universidades como Santiago e A Coruña dotaranse deste tipo de infraestruturas.
Ata o de agora UvigoTv si foi unha vantaxe competitiva, deulle moita visibilidade á Universidade en Internet. Acabamos o pasado ano cuns 350.000 vídeos servidos o cal implica 350.000 visualizacións do logotipo da institución, presente ao comezo de todos estas reproducións durante tres segundos, asociado a uns contidos científicos e educativos de calidade.

Cales son as posibilidades de esta tecnoloxía aplicada ao ámbito académico?
O uso docente de estas tecnoloxías baséase na gravación de conferencias de personalidades invitadas e das clases dos nosos profesores, de xeito que se vaia formando unha biblioteca audiovisual que posteriormente poida ser empregada polos docentes como material nas súas materias.
Sumado a isto e ao no noso obxectivo de seguir progresando, comezamos a gravar obxectos educativos de corta duración pensados especialmente para a difusión de coñecemento a través de este medio, son as chamadas pílulas educativas, vídeos de entre cinco e dez minutos centrados na explicación dun concepto concreto. A nosa experiencia dinos que os vídeos en Internet han de ir acurtando a súa duración, a xente prefire consumir gravacións curtas e máis centradas e non longas e xenéricas. Outra das novidades é o sistema de videoconferencia web que permite realizar videoconferencias entre profesores e entre profesores e alumnos, incluso estando estes últimos nos seus domicilios. O sistema tamén permite realizar a gravación das clases ou titorías. Todo este material pode ser accesible ao público en xeral a través do portal www.uvigo.tv ou só aos alumnos de determinada materia realizando a publicación vía plataforma TEMA.

Qué servizos ofrece e que funcións lle competen á UvigoTv?
A televisión en si comezou no 2003 como un experimento. Trátase dunha das partes visibles dun grupo de traballo encargado de todos os servizos de audiovisuais multimedia en rede da Universidade; somos as mesmas persoas as que damos o servizo tanto de televisión como de videoconferencia tradicional e avanzada a través das salas Accesgrid, dispoñibles nos tres campus.
Agora comezamos tamén a ofrecer videoconferencia a través da web, un servizo que xa está operativo en probas e que vai permitir a calquera profesor ou persoa vinculada coa Universidade realizar videoconferencia sen necesidade de instalar nada no seu PC, simplemente cunha cámara e uns cascos, resultando incluso máis sinxelo que facer conferencias con Messenger ou con Skype porque só é preciso conectarse a unha páxina ou enviar un enlace. Con esta tecnoloxía, a parte de poder ver e falar coa persoa, existe unha forma de chat textual na que se comparte tamén o escritorio do ordenador. A Universidade disporá para elo de cinco salas, é dicir, poderase manter cinco reunións simultáneas de este tipo con ata cen persoas en cada unha delas. Aínda que tamén se empregue, por exemplo, para dar clase a pequenos grupos, o obxectivo de este proxecto céntrase fundamentalmente na creación dunha ferramenta útil para reunións de investigadores e titorías con alumnos xa que esta tecnoloxía fai un uso óptimo do ancho de banda e funciona perfectamente dende calquera parte do mundo.

Que resposta está a ter este servizo por parte da comunidade universitaria? De que xeito pode chegar a influír nela?
No mundo anglosaxón existe unha investigación de mercado en este campo e posúen estudos estatísticos e rigorosos da influencia de este tipo de servizos, por exemplo na decisión de que un alumno se matricule nunha universidade ou noutra. Este é un tema que lles preocupa, e moito, e están dispostos a investir nel, de aí o proxecto Opencast. Nós sabemos a través de enquisas de satisfacción, que nos últimos catro anos nos ámbitos onde o empregamos intensivamente, fundamentalmente en cursos de doutoramento, todos están agradados co servizo prestado xa que se perden unha clase pódena recuperar véndoa na rede, se non poden asistir en persoa a unha conferencia existen tamén a posibilidade de vela en directo dende outro sitio ou logo gravada cando se dispoña de maior tempo.
Realmente sorprende o número de accesos que teñen os vídeos que se empregan en docencia en relación aos alumnos matriculados, pois dunha clase onde hai cen alumnos de repente rexístranse 2000 accesos a unha gravación específica. Ata onde puidemos pescudar, isto sucede porque os alumnos emprégano para estudar, repíteno e póñeno varias veces incluso para tomar apuntes, creando unha nova fórmula de estudo.

Cal é o perfil do usuario e que é o que máis solicitan?
Contamos con estatísticas do acceso xeral aos vídeos e sabemos, aproximadamente, cales son os países dende onde se conecta o usuario. Cónstanos, por exemplo, que en Iberoamérica hai universidades que están empregando sistematicamente as nosas gravacións nas súas clases, igual que coñecemos que aquí en Galicia existe un importante número de institutos de ensinanza secundaria que tamén o fan. Igualmente, dende todo o territorio español e do país veciño Portugal hai un número considerable de visitas. Un exemplo curioso do impacto en Iberoamérica é que a raíz de clases da materia de Automatización Industrial colgadas en aberto, o ano pasado establecéronse contactos co Politécnico de Honduras e chegouse á colaboración, de xeito que a Universidade de Vigo vai impartir un posgrao alí sobre estes temas, estando en negociación outros acordos para a cooperación a longo prazo. Estes países están moi interesados en todo o que son coñecementos dende España, xa que entre outras cousas compartimos idioma e podémoslle ofrecer vídeos dun nivel científico-tecnolóxico alto, algo escaso na rede.

Como é un día de traballo en UvigoTv?
Unha loucura. Normalmente preparamos a axenda dunha semana a semana anterior, pedíndolle aos usuarios, fundamentalmente aos profesores que nos solicitan videoconferencias e gravacións, que nos vaian facendo as reservas, aínda que ás veces xorden cousas novas sobre a marcha. Ata agora estamos cubrindo practicamente toda a demanda coa flexibilidade de que igual en algunhas datas está moi saturada unha sala de Accesgrid, en este caso o que intentamos facer é realizar os temas docentes pola tarde liberando así un pouco as mañás para cuestións máis puntuais, xogando coas datas para compaxinar e tentar encaixalo todo.
En función do tipo de evento a cubrir hai que decidir se vai ser cunha soa cámara ou con varias. Realízase a gravación e vólvese ao centro de produción, alí descárgase ese material bruto nunha zona específica do disco e comeza un fluxo de traballo continuo: elimínaselle unhas partes do principio e do final e se a conferencia tivo varias apartados claros, por exemplo a presentación do conferenciante, a conferencia en si e as preguntas do público asistente, pártese en bloques para facelo máis accesible e lixeiro. Logo de facer esas seleccións, recóllense todos os datos do evento, algo que xa se comezaría a facer cando se solicitou a reserva, é o que se chama metadatos de catalogación. O noso sistema de catalogación de vídeos, Pumukit, é unha ferramenta que desenvolvemos aquí na Universidade nos últimos anos, e que agora estana empregando 15 universidades de España e Iberoamérica, que permite non só catalogar os vídeos senón tamén adxuntarlles outro tipo de documentación como pdfs ou PowerPoints. Ademais, captúrase do propio vídeo algún fotograma que o identifique, para que axude á súa procura na páxina web resultando máis gráfico velo e seleccionalo. Todo este traballo faise no sistema de catalogación mantendo oculto o material, unha vez que se revise e se comprobe que está todo correcto dáselle a acción de publicación e aparecería como “Novidades Videoteca” na páxina principal de UvigoTv.

De canto persoal dispón UvigoTv para levar a cabo esta labor diaria?
Houbo un incremento moi grande da demanda de servizos, sen embargo o persoal e os recursos técnicos seguen a ser os mesmos. Estamos oito persoas en Vigo, unha no campus ourensán e outra en Pontevedra, das cales só tres son traballadores e cinco son alumnos bolseiros. Intentaremos incorporar alguén máis en Ourense xa que alí estanse a disparar tanto as gravacións como as videoconferencias e un só para facelo todo non é de abondo.
Unha cuestión interesante aquí é a rotación nas funcións entre todos os traballadores, deste xeito vanse formando tanto nos sistemas de videoconferencias das distintas tecnoloxías como nos diferentes postos de creación deste material audiovisual ou na gravación con cámaras robotizadas que permiten a unha soa persoa manexar varias cámaras, á vez que está gravando e controlando o son dunha sala.

Trabállase con directos ou con material gravado?
Na súa maioría son todo gravacións, non obstante, se o solicitan tamén emitimos en directo, tanto dende os campus como dende determinados puntos da cidade. Ao principio facíamos bastantes directos pero observamos que salvo temas puntuais, como por exemplo a investidura do actual reitor que tivo máis de 600 persoas simultáneas e case 2.000 diferentes durante todo o acto, non paga a pena xa que percibimos que os máis interesados están onde se produce o acontecemento e logo, a xente que máis fai uso dos vídeos gravados é a que non puido asistir, pero porque nese momento non podían realmente dedicarlle ese tempo.
O que pretendemos é, salvo casos puntuais ou cando nolo piden en concreto, gravalo e publicalo de alí a uns días, pois é moito máis operativo.

Agora estase a traballar no sistema de segunda xeración Opencast, como se está a desenvolver o proxecto? Xa se acadou algo concreto a día de hoxe?
O Opencast é un proxecto moi grande que aínda non entrou na súa fase de desenvolvemento propiamente dita. Trátase dun proxecto moi ambicioso que xurdiu na Universidade de Berkley en California a raíz da preocupación das universidades anglosaxonas polo tema do vídeo para os alumnos, porque perciben que realmente os estudantes deciden a súa matrícula en función de que ese tipo de servizos se ofrezan nas universidades. En Europa outras universidades que pelexan por alumnos a nivel mundial cos que tamén buscan o mito Berkley como son Oxford, Cambridge e o Politécnico de Zurich, tamén teñen a mesma inquietude.
Ata o de agora lanzouse o deseño da arquitectura do sistema Opencast e a primeira versión do proxecto en si, é dicir: a valoración do custo, a petición estruturada das súas funcións, de qué xeito se van levar a cabo, cantas persoas van participar na posta en marcha, o tempo empregado, etc. Actualmente, o proxecto está valorado en torno aos dous millóns de dólares, no que van estar involucradas once universidades, dúas delas españolas, a de Vigo e a Oberta de Cataluña. Pedíronse fondos de novo e estase á espera dunha resposta para a posta en marcha definitiva, o problema é que a conxuntura económica actual non é a mellor. Nun par de meses prevese que estea todo listo; os primeiros resultados veranse nun ano, onde xa se empezaría a funcionar e os desenvolvementos da produción real tardarían en torno a dous.
Se realmente se cumpren as expectativas converteríase nun produto aberto; a filosofía é desenvolvelo con achegas económicas pero logo calquera podería usalo, colaborar, modificalo ou melloralo, ao igual que outro tipo de plataformas empregadas nas universidades como o e-learning e outras de catalogación.

Faga unha valoración do ano 2008 ao fronte de UvigoTv: obxectivos cumpridos, novos retos a acadar...
Partindo dos recursos dos que dispoñemos, en canto a videoconferencia o número mantense practicamente estabilizado porque chegou a un punto de saturación, en torno a unhas 1.000 horas ao ano. Incrementouse moito a videoconferencia nas facultades, cada vez máis posgraos utilízana para impartir as clases e axudouse a varios centros a montar salas nas que se poden facer entre unhas 300 e 800 horas ao ano. Por outra parte, tamén estamos gravando e producindo ao noso límite, unhas 500 horas ao ano. O que si crece é o acceso, que practicamente duplicouse chegando aos 350.000 vídeos.
Tamén fixemos algo que non fixeramos nunca: unha certa propaganda do que realizamos aquí a nivel europeo mediante un par de comunicacións internacionais. Foron no Terena Networking Conference (TNC) 2008 en Brujas e outra no EUNIS 2008 en Dinamarca, onde se reuniron os directores de informática e vicerreitores de novas tecnoloxías das universidades europeas. E foi a raíz de esas dúas intervencións cómo entramos en contacto coa xente do Politécnico de Zürich e conseguimos introducirnos no proxecto Opencast que, polo peso das universidades implicadas nel, nunca imaxinamos realmente estar aí.
En canto a novos servizos, seguimos intentando estar á ultima, tanto co da videoconferencia web como co das pílulas educativas.