DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinada polo colectivo Refugallo, pode visitarse ata este venres na facultade

A idea de retrato centra unha exposición que reúne as obras de doce estudantes de Belas Artes

Enmarcada no proxecto ‘O Abrigo’, que dá novos usos ao espazo da antiga cafetería

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 06/02/2023

Doce achegamentos, desde diferentes perspectivas, á idea de retrato, realizados por alumnos e alumnas de Belas Artes exhíbense nestes días no espazo que anteriormente ocupaba a cafetaría da facultade. Despois de que as convocatorias abertas para a adxudicación deste servizo quedasen desertas, este espazo foi acondicionado para pór en marcha O Abrigo, un proxecto expositivo coordinado polo colectivo de estudantes Refugallo e dirixido a acoller unha serie de mostras colectivas de traballos do alumnado, articuladas en torno a un eixo temático. Esta iniciativa botou a andar, de feito, a finais de novembro, cunha exposición centrada no gravado e nestes días acolle unha mostra de retratos, na que se presentan as propostas de 12 estudantes.

Inaugurada a pasada semana, a exposición reúne as creacións de Marta Suárez, Víctor Chamorro, Carmen Sanmartín, Candela Eirea, Nico Pi, Andrea Agulla, Xulia Arias, Paloma Musso, Maruxa Alonso, Cristina Souto, Ainoa Simons e Santi Almeida, e poderá visitarse ata este venres 10. Como explican desde Refugallo, a base deste proxecto é que O Abrigo sexa un espazo “aberto a todo o alumnado de Belas Artes”, de tal xeito que as mostras que nel se organicen acollan, dentro das limitacións de espazo, todas as obras presentadas. Neste caso, a proposta lanzada desde este colectivo era a de achegarse á idea de retrato, fosen estes "alegóricos, simbólicos ou autorretratos", o que permitiu reunir obras que destacan pola súa “calidade técnica”, como resalta a integrante de Refugallo, Blanca Castro, mais tamén pezas que se achegan ao eixe temático desde diferentes perspectivas, como “a proposta de instalación de Maruxa Alonso, que anima a usar outro tipo de técnicas e linguaxes para falar de pintura” ou o “moi persoal retrato do seu propio mundo” que presenta Paloma Musso.

Un espazo aberto ás propostas do alumnado

Impulsado por Daniel Calvar, Candela Eirea, Paloma Domínguez, Blanca Castro e Xoana Abraira, Refugallo naceu hai dous cursos coa idea de contribuír a dinamizar a facultade nun contexto marcado pola pandemia. Desde entón, este grupo de estudantes promoveu diferentes iniciativas, como a exposición que o pasado mes de setembro reuniu as obras de 16 estudantes no auditorio municipal de Cangas, ou o proxecto expositivo A Esquina, que desenvolveron no segundo cuadrimestre do pasado curso e no que cada semana promovían unha pequena exposición nun corredor da facultade. “Digamos que O Abrigo é a evolución daquel proxecto inicial”, sinala Castro dunha iniciativa que botou a andar a finais de novembro coa mostra O gravado e as súas posibilidades, na que se reunían as creacións de 16 estudantes.

Nese senso, ante a imposibilidade de pór en marcha no presente curso o servizo da cafetaría, desde o Decanato acometeuse un acondicionamento deste espazo coa idea de destinalo temporalmente a esta iniciativa, o que permite a Refugallo promover “exposicións máis grandes, máis duradeiras e con temáticas mellor formalizadas”, como recoñece Castro. “Pareceunos moi interesante que o alumnado puidera facer unha programación continuada de exposicións”, salienta nese mesmo senso a secretaria académica da facultade, Chelo Matesanz, que destaca que O Abrigo é un espazo “no que poden colaborar e participar todos os alumnos que o soliciten”.

De feito, como explica Castro, a base deste proxecto expositivo é “non facer ningún tipo de selección”, de tal xeito que, a partir da temática proposta, “exporanse todas as obras presentadas, dentro das posibilidades de espazo da sala”. Do mesmo xeito, as convocatorias para as diferentes exposicións non estarán limitadas só a estudantes de Belas Artes, de tal xeito “que tanto docentes, como titulados e mesmo persoas alleas que se queiran animar, poden participar”, á vez que están abertas tamén a múltiples tipos de obras, xa que “estamos nun contexto de estudo e investigación”, lembran. 

Nese senso, O Abrigo concíbese como "un espazo aberto ás propostas que faga alumnado" no que, ademais de exposicións, poidan tamén organizarse talleres, coloquios e outra serie de eventos artísticos. De feito, Refugallo ten previsto promover tamén talleres e “quedadas de traballo libre” neste espazo, que o vindeiro xoves 14 acollerá ademais un mercado de San Valentín organizado pola Delegación de Estudantes.