DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Extensión Universitaria ofrece oito obradoiros entre xuño e setembro abertos á cidadanía xeral

Ideas frescas e contidos renovados para os cursos de verán

Sobre comunicación, satélites, xeoloxía, desing thinking, o Bierzo, termalismo ou o software Marxan

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 27/05/2022

Tras dous veráns de restricións e limitacións, a oferta de cursos de verán da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo regresa moi renovada e con ideas frescas. O programa comprende oito obradoiros abertos a toda a cidadanía e, ademais dalgunhas actividades xa clásicas no catálogo estival como os cursos sobre patrimonio natural e cultural do Bierzo, termalismo ou deseño e fabricación de satélites, o programa para este verán achega novas temáticas como a comunicación e o liderado, os fogares intelixentes, o desing thinking ou o uso do software Marxan para o deseño de redes de áreas mariñas protexidas. 

O prazo de matrícula abre este luns, 30 de maio, e os prezos varían segundo a pertenza a diversos grupos: comunidade universitaria, colectivos vencellados á UVigo ou público en xeral. 

Comunicación eficaz e liderado

O curso de comunicación eficaz e liderado, cunha duración total de 30 horas, desenvolverase na Facultade de Filoloxía e Tradución entre o 4 e o 13 de xullo. Centrarase en ensinar ás e aos participantes a inspirar e motivar un equipo a través da historia persoal, a paixón e os trazos do carácter que fan a cada quen único. Está dirixido a persoas que desexan mellorar o seu estilo de comunicación, a súa linguaxe corporal e desenvolver a súa capacidade de inspirar e motivar ao seu público. O programa comprende temáticas como as estratexias de comunicación, a creatividade, as presentacións grupais ou as dinámicas colaborativas a través do xogo. A matrícula vai dende os 52 euros para comunidade universitaria, 64€ para colectivos vencellados e 80€ para o resto do público. 

Fai o teu propio satélite

Outro dos cursos que se ofertan permitirá adquirir unha visión xeral de todos os elementos que compoñen un sistema espacial e os retos e beneficios que levan asociados estes sistemas. Os coñecementos que se adquiran ao longo das 30,5 horas de duración do obradoiro, permitirán ao alumnado manexarse coas competencias básicas de desenvolvemento de misións espaciais e plataformas satélite baseadas no estándar CubeSat para construír o seu propio satélite. Este curso impartirase entre o 29 de agosto e o 2 de setembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e os prazos da matrícula varían entre os 16,25€, 20€ ou 25€. 

Fogar eficiente: técnicas e habilidades

Unhas das novidades neste catálogo para o verán de 2022 é o taller sobre fogares eficientes que, cunha duración de 30 horas, tratará de achegar técnicas e habilidades para planificar os espazos da casa, optimizar o uso dos electrodomésticos ou controlar os gastos e consumos do fogar. Este taller desenvolverase en modalidade virtual entre o 15 de xuño e o 20 de xullo, cuns prezos que oscilan entre  81,12€, 99,84€ e 124,80€.

Campamento de Xeoloxía

Outra das alternativas para os meses estivais é o Campamento de Xeoloxía que vai ter lugar na montaña palentina, o xeoparque Unesco de Las Loras e o Courel. En total, serán 35 horas lectivas que permitirán aos asistentes aprender a usar un mapa xeolóxico, recoñecer e caracterizar rocas sedimentarias en campo, interpretar series, seccións e estruturas sedimentarias ou identificar os aspectos máis relevantes en campo de xeomorfoloxía e sistemas kársticos. O programa inclúe visitas ás explotacións mineiras de carbón da montaña palentina, o Centro de Interpretación Mineira Estratotipo Barrueliense, o paleobosque de Verdeña, o monumento natural das Tuerces ou a Cueva de los Franceses. Ademais, as e os participantes tamén poderán coñecer o patrimonio xeolóxico galego cunha visita ao Courel. O campamento terá lugar entre o 29 de agosto e o 2 de setembro, e será de balde para a comunidade universitaria, mentres que custará 116,48€ para os colectivos vencellados e 145,60€ para o público en xeral. No prezo están incluídos o desprazamento e o aloxamento en albergues.

Introdución a design thinking

O obxectivo do curso de introdución ao design thinking é que as persoas asistentes comprendan os fundamentos desta metodoloxía de resolución de problemas e coñezan e sexan quen de aplicar na práctica as técnicas de entrevista, escoita activa, observación empática, definición do punto de vista, xeración de idas, formulación de conceptos, prototipado rápido, realización de probas e recollida de información das probas. Este taller, de 30 horas de duración, terá lugar na EE de Telecomunicación entre o 27 de xuño e o 1 de xullo. Os prezos varían entre os 19,50€, 24€ e 30€ segundo o colectivo. 

Patrimonio natural e cultural do Bierzo 

Un dos cursos máis arraigados na oferta estival de Extensión Universitaria é o de patrimonio natural e cultural do Bierzo, unha proposta que trasladará ás e aos asistentes a Vilafranca do Bierzo, á sede do Museo de Ciencias Naturais e Etnográfico dos PP. Paules e ao Teatro Villafranquino. O obxectivo deste programa é afondar na natureza e diversidade desta zona, valorando a paisaxe da comarca fronte a grandes proxectos enerxéticos e realizando visitas a unha adega da denominación de orixe, á Aula Fabero, á Aula de Paleobotánica e ao Pozo Xulia e coñecendo o carbonífero e os fósiles da Gran Corta de Fabero, os seus aspectos xeolóxico-mineiros e algúns aspectos do Camiño de Santiago ao seu por esta zona do Bierzo. Este curso concéntrase na fin de semana do 8 ao 10 de xullo e os prezos varían entre os 32,50€, os 40€ e os 50€. Os socios da Asociación Cultural Burval terán un desconto no pago da inscrición. 

Termalismo no oeste da península ibérica

Outra das propostas que adoita estar presente todos os veráns na oferta de cursos de Extensión Universitaria é o curso de termalismo, que nesta edición se centra no oeste da península ibérica, con visitas e prácticas nas instalacións dos balnearios de Raposo, Luso, Vizela, Chaves, Vidago, A Toxa, Caldas de Reis e Partovia. Cunha duración total de 38,5 horas, o obxectivo é que as e os asistentes adquiran coñecementos xerais dos fundamentos do termalismo, coñezan a estrutura dos diferentes centros termais desta zona, analicen a relación existente entre os distintos centros termais e as técnicas e produtos empregados en cada establecemento e realicen prácticas da aplicación das técnicas termais empregadas nos distintos centros. O curso desenvolverase entre o 5 e 10 de setembro, cuns prezos que varían entre 32,50€, 40€ e 50€.

Uso de Marxan para o deseño de redes de Áreas Mariñas Protexidas

A oferta para este verán complétase cun obradoiro sobre o uso do software Marxan para o deseño de redes de Áreas Mariñas Protexidas que terá lugar na Facultade de Bioloxía entre o 20 e o 24 de xullo cun 30 horas de docencia. O obxectivo é proporcionar as ferramentas para a integración da conectividade de especies mariñas na planificación espacial a través de un software de apoio á toma de decisións. As e os asistentes desenvolverán habilidades de uso de ferramentas de planificación espacial mariña e aprenderán a integrar os conceptos de conectividade mariña co de planificación espacial. Ademais, adquirirán coñecementos para a interpretación dos resultados obtidos co software Marxan para deseñar unha rede de áreas mariñas protexidas de forma eficiente. A matrícula neste obradoiro varía entre 84,50€, 104€ e 130€.