DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No último debate de campaña entre Carmen García Mateo, Jacobo Porteiro e Belén Rubio

Ideas fronte a fronte na carreira pola Reitoría

Houbo propostas sobre investigación, docencia, internacionalización, vivenda, benestar...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 30/04/2026

A menos dunha semana para a celebración das eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo, previstas para o vindeiro mércores 6, as tres persoas candidatas a converterse na vindeira reitora ou reitor, García Mateo (Nós Universidade), Jacobo Porteiro (ConSenso) e Belén Rubio (H2040), tiveron este xoves unha nova oportunidade de expor ante a comunidade universitaria  as súas principais ideas sobre o presente e o futuro da institución.

Fixérono nun debate celebrado nunha repleta sala 1 do edificio Miralles, retransmitido en directo a través de UVigoTv, e no que faltaron as mencións aos grandes temas sobre os que pivota o futuro universitario vigués:  desde o mapa de titulacións, Medicina incluída, ata a ETEA, pasando polas principais medidas que cada un dos seus equipos formula en  investigación,  transferencia, internacionalización, vivenda, benestar ou cultura.

Modelo de Universidade, campus e infraestruturas

Moderado pola xornalista de Faro de Vigo, Sandra Penelas, o debate, igual que os encontros previos celebrados nos campus de Pontevedra e Ourense, dividiuse en cinco grandes bloques temáticos. O primeiro, o máis xeral, xirou arredor do modelo de Universidade e de campus, tendo en conta a actual situación das infraestruturas na UVigo.

Belén Rubio abriu a quenda de intervencións sinalando que o primeiro aspecto no que queren enfocar o seu modelo de Universidade é “nas persoas”, o que inclúe “ter unha carreira académica axeitada para o noso alumnado e unha traxectoria profesional para o noso PDI, PAI e PTXAS”, sen esquecer cuestións de “estabilización, de conciliación, de teletraballo...”. Así mesmo, insistiu na necesidade de traballar por lograr unha universidade “moito máis áxil e dinámica”, na que o idioma galego sexa dos seus principais sinais de identidade.

Pola súa banda, Jacobo Porteiro explicou que desde ConSenso queren “unha Universidade de Vigo que funcione sen friccións: máis áxil, máis sinxela e máis útil para quen estuda, investiga, ensina ou traballa nela”. Para iso salientou que impulsarán unha administración intelixente cun portal único e personalizado, no que se aplique de verdade o principio de “unha soa vez”, unificando plataformas e aplicacións, simplificando os trámites complexos e acabando coas duplicidades. “unha UVigo na que facer o teu traballo sexa máis doado”.

No caso de Carmen García Mateo, explicou que o modelo que promulga Nós Universidade desde a súa fundación “é un modelo baseado nos campus, ben coidados, vivibles, coas infraestruturas axeitadas para acometer todas as tarefas que se agardan de nós”, formando un ecosistema de centros, facultades e escolas ben deseñados “para que a nosa oferta”, referíndose tanto á oferta académica como a investigadora, “sexa excelente e progrese en todos os ámbitos de coñecemento”.

En canto ás infraestruturas, os tres candidatos fixeron fincapé na necesidade de acometer obras de mantemento dos edificios. A maiores, no caso de Belén Rubio apuntou a necesidade de dotar a Vigo dunha nova residencia de estudantes e de crear un Consello do Campus de Vigo, o que axudaría a incrementar a relación entre os centros. Pola súa banda, Jacobo Porteiro lamentou a falla de “vida de campus” que se produce en Vigo, polo que considerou “urxente” a creación de espazos de convivencia que fortalezan a vida universitaria, entre outras medidas.  García Mateo salientou a necesidade non só de “manter, senón de analizar a evolución dos edificios” tratando de adaptalos aos seus usos actuais e propondo a creación dunha escola infantil nas actuais instalacións da Cidade Universitaria, “revitalizando así tamén este espazo”.

Titulacións, docencia e internacionalización

No segundo bloque, dedicado a titulacións, docencia e internacionalización, as candidatas e candidato explicaron as súas propostas para consolidar e ampliar a oferta de títulos de cara a incrementar o atractivo dos campus, tanto para o novo alumnado como a nivel internacional, así como as medidas que pretenden pór en marcha no relativo ao profesorado.

O primeiro en intervir foi Jacobo Porteiro, quen se comprometeu a recoñecer de verdade o esforzo docente, incorporando ingresos vinculados á produción docente, cun recoñecemento do 15-20% para a docencia en grupos grandes e planificando o POD con varios anos de antelación para dar estabilidade ao profesorado. “Tamén levaremos a cabo unha internacionalización proactiva”, referíndose, entre outras medidas, a saír a captar talento ou crear unha unidade de apoio especializada. Sobre as titulacións, admitiu “ter moi claro” que as novas propostas deben nacer desde os centros, “non impostas desde arriba”.

No caso de Nós Universidade, Carmen García Mateo resaltou a importancia dunha axeitada planificación de toda a oferta académica, incluíndo 1º, 2º e 3º ciclo, así como da internacionalización. “A nosa proposta é traballar mediante contratos programa cos centros para, baixo un proxecto común, acadar esa necesaria modernización e consolidación da nosa oferta”, referíndose con modernización “á actualización de competencias”, incluíndo as microcredencias “para que que os nosos egresados sempre poidan completar aquí a súa formación oficial”, así como a impulsar a formación en competencias transversais, “tan demandadas”.

Belén Rubio, arrancou falando do profesorado, “o piar da Universidade”,  admitindo que estamos nunha “Universidade envellecida” na que é prioritario abordar a remuda profesional. “Neste senso, desenvolveremos un plan de remuda baseado na análise da estrutura de idade das áreas, departamentos e centros” e, en relación co calculo da capacidade docente das áreas, “consideraremos como xubilado ao PDI maior de 63 anos, favorecendo a anticipación na convocatoria de prazas”. Así mesmo, tamén remarcou a importancia da fortalecer a internacionalización, aumentando a oferta de titulacións internacionais.

Investigación, transferencia e relación coa contorna

Concibido como un dos eixes centrais da Universidade, a investigación, a transferencia e a relación coa contorna centrou o bloque 3. Neste caso os tres candidatos concordaron no “excelente” estado de saúde do que goza a UVigo en termos de investigación, se ben cada un amosou as súas prioridades para “seguir avanzando” nos vindeiros seis anos.

 A primeira en intervir foi Carmen García Mateo apuntando, neste caso, a necesidade de coidar “máis e mellor as nosas estruturas de investigación” e de pór en marcha medidas que axuden a mitigar os desequilibrios entre ámbitos. “Para nós coidar a canteira é fundamental, así como promover a agrupación real de investigadores e darlles todo o apoio para axudalos a conseguir os necesarios selos de calidade". En definitiva, “trátase de non pór atrancos”, senón de “acompañar” para que o grupo “medre de maneira sostida e logre ratios consolidadas nas diferentes convocatorias competitivas”.

De seguido, Belén Rubio, amosou o seu acordo na importancia de promover a excelencia en todos os ámbitos e de seguir apoiando as medidas de retención e captación de talento (contratos Ramón y Cajal, ATRAE, Marie Curie, Galtia...). Así mesmo, destacou a existencia na Universidade, dun cuarto sector, o Persoal de Apoio á Investigación, “que vai a formar parte xa dos novos Estatutos” e a necesidade de seguir apoiando aos diferentes grupos e centros. “O noso interese é que os centros colaborativos poidan converterse en Cigus, e que os Cigus consigan a María de Maetzu”, recalcou Rubio.

No caso de Jacobo Porteiro, fixo fincapé en que a idea de ConSenso é que investigar e transferir “ten que ser moito máis fácil, non máis difícil”. Para iso propoñen crear a Canteira UVigo, cun modelo estruturado de carreira investigadora que dea estabilidade, acompañamento e futuro ao talento novo. Incidiu, nesta liña,  na idea de incrementar o apoio real na captación e xestión de proxectos de investigación e transferencia. “O talento xa está na UVigo: o que temos que facer é quitarlle obstáculos para que poida chegar máis lonxe e ter máis impacto na sociedade”.

Estudantado e vida universitaria

As medidas para mellorar a experiencia universitaria no día a día, incluíndo ámbitos como vivenda, mobilidade, benestar, cultura e participación conformaron o 4º bloque do debate.

Arrancou Belén Rubio indicando que H2040 buscará sempre “mellorar a experiencia universitaria de todas as persoas que se achegan á Universidade”, para o que farán un reenfoque da docencia. “Somos conscientes de que a IA está aquí e temos que axudar a utilizala aos nosos estudantes, pero tamén ao noso profesorado, cunha responsabilidade ética clara”. En canto a vivenda, a prioridade son as residencias e continuar coas bolsas de aloxamento. Contemplou, ademais, a posta en marcha dunha escola infantil, nesta caso a través dun convenio de colaboración co RC Celta e que estaría en Afouteza.

A continuación, Jacobo Porteiro, expuxo que para ConSenso estudar non pode ser só ir a clase, senón formar parte dunha comunidade na que vivir, compartir e sentirse acompañado. “Para iso impulsaremos a vida nos campus, coa creación dunha Casa do Estudante en cada campus e a humanización de espazos de convivencia”. Tamén será prioritario, dixo, abordar a problemática da vivenda e a mobilidade, e, neste aspecto, “crearemos máis prazas públicas en residencias universitarias, implantaremos un sistema de axudas ao aluguer e promoveremos un plan propio de transporte”.

Tamén Carmen García Mateo recalcou a importancia de recuperar a vida nos campus, algo que ao seu modo de ver, xa había e “deixouse esmorecer”. Entre as diferentes medidas propostas destacou a necesidade de recuperar a programación cultural, a dinamización deportiva, os programas de mentorización por pares e o coidado á diversidade. “Temos que recuperar o Gabinete Psicopedagóxico e instalalo nos tres campus”, subliñou a candidata, resaltando a importancia de ser “moito máis inclusivos”, así como de colaborar cos diferentes concellos “para achegar novas solucións en temas de vivenda”.

ETEA e Medicina

Dentro do bloque temático dedicado ao campus de Vigo, as e o candidato á Reitoría amosaron as súas coincidencias e desacordos no futuro da ETEA e sobre o Grao en Medicina. Se ben Jacobo Porteiro, Carmen García Mateo e Belén Rubio coincidiron en sinalar a ETEA como a localización óptima do polo de investigación en ciencias mariñas, o candidato de ConSenso e a candidata de Nós Universidade manifestaron as súas reticencias ao traslado da docencia, algo que a candidata de H2040 defendeu abertamente.

Jacobo Porteiro mesmo sinalou a posibilidade de desenvolver na zona un hub de investigación sobre tecnoloxías disruptivas e IA, pero asegurou “ser escéptico con levar alí docencia porque isto implicaría duplicidades para o profesorado e o alumnado e isto non é eficiente”. Pola súa banda, Carmen García Mateo reclamou que “Vigo ten que ser líder nacional e internacional en investigación mariña” e, ademais de demandar un estudo técnico e financeiro, sinalou que “trasladar os estudos de grao a un lugar no que non existen instalacións, non o vemos como algo prioritario”. Mentres, Belén Rubio reivindicou a visión estratéxica de Campus de Mar e pediu ambición “para unir na ETEA formación de grao e mestrado; investigación e transferencia para conectar co sector económico e marítimo de Galicia”. 

En relación co Grao en Medicina as e o candidato comprometéronse a respectar o acordo sobre a descentralización e a solicitar unha titulación propia para a UVigo caso que non se cumpra. Jacobo Porteiro reiterou que “a UVigo ten todo o dereito a reclamar a titulación” e lamentou que non se fose máis agresivo na demanda dun título que asegurou, caso de ser reitor, reclamará se non se cumpre o acordo de descentralización. Mentres, Carmen García Mateo expresou a súa intención de respectar o acordado e solicitar, en caso de incumprimento, unha titulación que lembrou “Vigo ten todos os vimbios para asumir nos seus tres ciclos ao dispoñer dos hospitais precisos”. Belén Rubio, que gabou o papel desempeñado por Manuel Reigosa no proceso para acadar un acordo, apuntou a posibilidade en caso de incumprimento de “ir a unha titulación partillada entre as tres universidades, porque xuntos somos máis fortes, e senón iremos a por unha titulación independente”.

Razóns para votar por cada unha das candidaturas 

Antes da quenda de preguntas, os bloques nos que se organizou o debate pecháronse cunha rolda de intervencións nas que cada unha das persoas aspirantes á Reitoría pediu, argumentando os motivos, o voto da comunidade universitaria para a súa candidatura.

Carmen García Mateo enumerou os tres principios en base aos que Nós Universidade gobernará: “todas as persoas contan; pasar do minifundismo a un proxecto compartido onte todos estarán presentes; e pasar da improvisación á solvencia”. García Mateo tamén comprometeu “un liderado sereno, tranquilo pero firme e moi próximo”. Mentres, Belén Rubio asegurou que “a UVigo merece que se coide do persoal, unha administración áxil e unha aposta decidida pola investigación e a transferencia. A candidata de H2040 tamén asegurou ter un “equipo cohesionado e con liderado para pasar de ser unha boa universidade a unha universidade excelente”. Pola súa banda, o candidato de ConSenso, empezou por agradecer o papel desenvolvido pola súas rivais á Reitoría, “nunha campaña limpa e construtiva”, para a continuación gabar os “tres equipazos que vexo ante min” e rematar pedindo á comunidade universitaria que “contrastedes os proxectos, candidatos e equipos e que tomedes o día 6 a decisión e con sorte a do 6 e a do 15 será a mellor decisión para esta universidade”.