DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este venres a celebración da súa fase final

O IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa gaña a IV Olimpíada Galega de Historia

Nesta edición participaron equipos de 29 centros das catro provincias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 28/05/2021

O equipo Empecinad@s do Alobre, do IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa, proclamouse este venres campión da IV Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós. O segundo posto foi para Os Bonapartistas, do IES Santa Irene, de Vigo; o terceiro para Penta Alianza, do CPR Padres Escolapios, de A Coruña, e o cuarto para A Cuádruple Alianza dos Guerreiros de Cristo, do IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín. Nesta edición foron 29 os equipos formados por alumnado de 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria de centros das catro provincias os que participaron na competición organizada pola Facultade de Historia do campus de Ourense.

Premios

A final da olimpíada, na que participaron os catro equipos clasificados na fase virtual celebrada o pasado 21 de maio, tivo lugar este venres no Edificio de Ferro do campus. Primeiro enfrontáronse os equipos CPR Padres Escolapios e IES Castro Alobre, gañando este último. Na outra semifinal competiron o IES Ramón María Aller Ulloa e o IES Santa Irene, gañando tamén este último. Os dous gañadores disputaron a final competindo en sucesivas roldas de preguntas-respostas centradas nos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º de Educación Secundaria.

Empecinad@s do Alobre, o equipo gañador, estivo formado polos estudantes do IES Castro Alobre María Valcárcel, Ángel Rey, Víctor Caamaño e David Sánchez, tendo como titor á profesora Marta Rivadulla. O nome elixido para a competición, sinalaron, foi escollido tomando como referente a El Empecinado, o guerrilleiro Juan Martín Díez, “unha figura clave, un dos principais guerrilleiros durante a Guerra de Independencia” e xogando coa idea de que “tiñamos o obxectivo de teimar na vitoria nesta olimpíada”. Recoñecendo como “non tiñamos claro que fósemos a gañar”, os membros do equipo amosaron a súa alegría por telo acadado destacando que “foi moi divertido competir con equipos doutros centros, pasámolo moi ben e coñecemos xente nova, foi unha experiencia diferente”.

Entregáronse premios aos catro equipos participantes nesta final, tanto aos seus membros como aos docente responsables de cada centro (que foron Marta Rivadulla, Mario Alba, Adrián Rodríguez e Jorge Cepeda), e un trofeo e libros ao instituto de pertenza. O agasallo variou en función do posto acadado pero consistiu no caso do alumnado en tabletas ou bonos para tendas de videoxogos de diferente contía e no caso do profesorado en bonos de fin de semana nun balneario ou entradas para termas.

Parabéns

As e os premiados recibiron os seus galardóns de mans de Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e José Ángel Sampayo, xefe do Gabinete da Presidencia da Deputación de Ourense, asistindo ao acto responsables doutros centros do campus de Ourense e da UVigo. Todos elas e eles coincidiron en trasladar os seus parabéns a alumnado, profesorado e centros participantes polo esforzo realizado e ao equipo organizador polo traballo feito.

Nas súas palabras, Natalia Caparrini recalcou a importancia de iniciativas coma esta olimpíada para “pór en valor as artes e humanidades” e “visilizar este ámbito de coñecemento”, recalcando aos participantes como a súa implicación nesta iniciativa “di moito de vós, das vosas actitudes e aptitudes”. Pola súa banda, Esther de Blas animou ás e aos asistentes a manter “esa curiosidade que demostrastes, ese interese por formarvos e por saber”. Sumándose a estas consideracións, Susana Reboreda amosou o seu orgullo polo desenvolvemento da olimpíada e o traballo realizado por todos e todas, tanto organización como participantes. Así, indicou que “o nivel desta edición foi exquisito” e como “todos xuntos facemos que a historia sexa máis grande”. Por último, José Ángel Sampayo reivindicou a importancia da Facultade de Historia e dos seus egresados e egresadas, que dixo, “son quen de facer que esta provincia desenvolva o seu patrimonio e o seu coñecemento da cultura e sexa un motor económico do territorio”.