Na competición participaron 50 estudantes de bacharelato, divididos en dez equipos
O IES Frei Martín Sarmiento gaña a primeira Olimpíada da Creatividade
O segundo premio foi para o instituto Adormideras, da Coruña
Unha percha e un balón inflable. Estes foron os dous obxectos cos que este tiveron que traballar os dez grupos de alumnado de bacharelato que este mércores participaron na I Olimpíada da Creatividade, na que cinco estudantes do pontevedrés IES Frei Martín Sarmiento alzáronse co primeiro premio. Ao igual que existen olimpíadas de bioloxía, química ou matemáticas, Campus Crea impulsou a primeira competición deste tipo que tiña como eixe central a creatividade, co obxectivo de dar a coñecer este proxecto de especialización entre o estudantado de bacharelato. A proba contou coa participación de 50 mozos e mozas, procedentes de diferentes puntos de Galicia, e nela tamén foi recoñecido, co terceiro premio, o outro equipo participante do Frei Martín Sarmiento, mentres que en segundo lugar rematou un dos grupos do IES Adormideras, da Coruña.
Representados todos eles por dous, ademais destes dous institutos, tamén estiveron representados nesta olimpíada os IES Miraflores, de Oleiros, e Lauro Olmo, do Barco de Valdeorras, así como o CPR Sagrado Corazón de Pontevedra. Centrada no uso da creatividade para xerar innovacións, a competición desenvolveuse ao longo da mañá no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública e completouse co acto de entrega de diplomas e agasallos, no que participaron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez.
Unha competición con dúas fases
Estruturada en dúas roldas, a primeira fase desta competición levou os diferentes equipos a traballar con “dous obxectos comúns” a partir dos que tiñan que propor un novo obxecto cunha estrutura ou funcións “novas e orixinais”, debendo desenvolver a súa idea a través dun debuxo, plano ou esquema, segundo recollía a convocatoria. As e os estudantes tiveron logo que defender as súas propostas ante un xurado integrado polos docentes e investigadores Margarita Pastoriza, Sara Domínguez Lloria, Ignacio Pérez-Jofre e Alberto Santos, así como polo director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa. Como recollen as bases desta olimpíada, o tribunal debía valorar a orixinalidade das propostas, “entendida como a capacidade para propor solucións novas”, así como a súa funcionalidade e viabilidade, o seu sentido práctico, “sen perder o seu carácter creativo”, e a propia xustificación conceptual.
Seguindo estes criterios, o xurado seleccionou os cinco equipos que participarían na segunda fase, na que se lles asignou de xeito aleatorio unha das propostas que non acadaran a clasificación para esta rolda final. Os dous grupos do Frei Martín Sarmiento e un equipo de Adormideras, Lauro Olmo e Sagrado Corazón lograron o pase a esta segunda fase. Nesta, debían darlle continuidade ao proceso creativo da proposta asignada, vinculándoa a un dos catro ámbitos do Campus Crea; arte, deseño, comunicación e educación. Desta volta, o tribunal debía avaliar tanto o grao de coherencia entre a idea orixinal e a súa nova adaptación, como a orixinalidade desta e a capacidade dos equipos para “transformar e resignficar a idea orixinal”.
No caso do equipo gañador, na primeira pasa idearon, a partir da percha e o balón inchable, un sistema de globos que permitise a pais e nais localizar aos seus fillos e fillas cando se perden nunha gran superficie. Na rolda final, tiveron que traballar coa proposta dunha boia con información, o que levounos a pensar nun chip que, tras o afundimento dun barco, permitise compilar toda a información do acontecido e conservala no interior da boia.
Descubrimento dunha estatua na EE Forestal
Ademais da entrega de premios desta I Olimpíada da Creatividade, o campus acolleu tamén este mediodía o acto de descubrimento dunha escultura doada polo CIFP de Cantería de Galicia á Escola de Enxeñaría Forestal. Esta obra foi realizada polo alumnado deste centro con motivo da xornada de confraternidade que tiña lugar na escola do campus pontevedrés, promovida pola Delegación do alumnado coa colaboración do centro. A peza que desde este mércores permanecerá no acceso ao centro foi presentada nun acto que contou coas intervencións de Eva María Lantarón; Ángeles Cancela, directora da EE Forestal; Jesús Manuel Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; David Alvariño, director do CIFP de Cantería de Galicia, e Uxío Silva, presidente da Delegación de Alumnado.