Teresa Portela e David Mascato protagonizaron un coloquio en Ciencias da Educación e do Deporte
A igualdade no deporte achega ao campus dous olímpicos formados na UVigo
Nunha actividade promovida polo COE
Dous deportistas olímpicos formados nas aulas da Universidade de Vigo, Teresa Portela, a española con maior número de participacións nos Xogos Olímpicos, e o tamén piragüista David Mascato retornaron este mércores á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para debater sobre as iniciativas necesarias para promover a igualdade no ámbito deportivo. Fixérono nunha mesa redonda impulsada polo Comité Olímpico Español (COE), como parte do seu Programa de Visibilidade sobre a Igualdade no Deporte, co que busca pór o foco na importancia de que homes e mulleres conten con igualdade de oportunidades, tanto no ámbito deportivo, como na vida tras a competición. Nese senso, unha das cuestións abordadas nesta xornada foi que se ben as mulleres foron maioría na representación coa que España acudiu ás olimpíadas de París 2024, a súa presenza nos postos directivos das organizacións deportivas continúa sendo minoritaria.
A necesidade de outorgar unha maior visibilidade ás deportistas, os valores e o compromiso que supón competir ao máis alto nivel ou o cambio vital que implica a retirada para as e os deportistas de elite foron algunhas das cuestións abordadas por Portela e Mascato nun coloquio conducido pola directora do Centro de Estudos Olímpicos da UVigo, María José Martínez Patiño. Previamente, a xornada contou na súa apertura coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García; o director de Márketing, Sostibilidade e Recursos Humanos do COE, Manuel Parga, e a responsable de Patrocinio Deportivo de Iberdrola, Andrea Sánchez.
“A Universidade desenvolve un papel crucial na transmisión dos valores da igualdade”, salientou Lantarón na apertura dun acto que contaba coa participación de dous “referentes” neste ámbito, como Mascato e Portela, egresados ambos tanto da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como da de Fisioterapia. Este encontro forma parte conxunto de xornadas que o COE está a promover xunto con Iberdrola en diferentes universidades españolas, na segunda edición dun programa de visibilidade que busca achegar aos universitarios e universitarias os resultados do programa de apoderamento dirixido a mulleres deportistas impulsado por estas organizacións. Dirixido, como apuntou Parga, a achegar formación “a mulleres deportistas ou exdeportistas que queren desenvolver unha carreira na dirección de organizacións deportivas”, esta iniciativa permitiu pór o foco na eiva existente neste ámbito, onde “a maioría dos postos da responsabilidade están ocupados por homes”, como sinalou o representante do COE, que lembrou que a día de hoxe só unha federación española ten unha muller na presidencia. Nesa mesma liña, Sánchez destacou a importancia de achegar referentes deportivos femininos ás novas xeracións e incidiu no labor de patrocinio que leva a cabo Iberdrola neste ámbito, lembrando nese senso que o número de licencias deportivas femininas incrementouse un 40% en España nos últimos anos.
A importancia da visibilidade e das figuras de referencia
Medalla de prata en Tokio 2021, Teresa Portela converteuse en París na primeira muller española en ter participado en sete edicións dos Xogos Olímpicos, nos que acadou tamén seis diplomas olímpicos, que se suman ás máis de 40 medallas internacionais acadadas nos máis de 20 anos que leva competindo na elite do piragüismo mundial. “Para min é moi importante a visibilidade”, salientou nesta conversa, na que incidiu no valor que ten que as nenas coñezan deportistas que lles poidan servir como referentes, xa que “se tes un reto por diante, necesitas a alguén que fixera iso antes para verte capaz”. Neste punto, Portela engadiu que “levamos moitos anos loitando pola igualdade e si que é verdade que vaise vendo melloras, pero aínda falta moito”, pondo como exemplo a propia experiencia que está a vivir actualmente como piragüista, nun momento no que “hai equipos nacionais de homes e non de mulleres, que levamos desde outubro sen adestrador”.
Diploma olímpico en Sidney 2000 e Atenas 2004, na carreira deportiva do canoísta David Mascato figuran tamén logros como ter sido campión do mundo júnior ou subcampión do mundo absoluto. Tras a súa retirada, exerceu como adestrador nacional e como fisioterapeuta do equipo olímpico de piragüismo, labores que compaxina coa súa clínica de fisioterapia no Grove, o que motivou que outro dos eixes desta conversa fose a aposta de ambos por compaxinar o deporte coa formación universitaria e o que isto pode supor tras a retirada. Xunto a estas cuestións, Mascato tamén puxo o foco na necesidade de maior visibilidade ao deporte feminino “e non nos xogos olímpicos”. Nese senso, o piragüista incidía no labor que poden xogar neste eido os medios de comunicación, pondo o foco en cuestións como “a igualdade de resultados, quen sairá na portada”.