DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se expuxo nunhas xornadas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A igualdade de xénero nas empresas comeza por valorar a capacidade real das persoas

Teletraballo, conciliación... "as medidas de flexibilidade teñen que ser en todos os sentidos"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/11/2022

A igualdade de xénero nas empresas vai moito máis aló da igualdade entre homes e mulleres, comeza por valorar a capacidade real das persoas. Esta é só unha das ideas que se lles transmitiu este xoves ás alumnas e alumnos que asistiron ás Xornadas A Igualdade de xénero na empresa, unha actividade coordinada polas profesoras do Departamento de Organización de Empresas e Marketing Rocío Rodríguez Daponte e Pilar Piñeiro, con financiamento da Unidade de Igualdade. 

Celebradas no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, nas xornadas coincidiron diferentes expertas e, cada unha desde a súa propia disciplina, tentaron transmitir a situación que se vive a día de hoxe no mundo empresarial e as súas opinións sobre  como loitar por seguir acadando novos logros en materia de igualdade. Arrancaron coa participación da directora do Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa, Yolanda Molares, licenciada en Dereito e especialista en formación no ámbito da Igualdade e, a continuación, foi a directora corporativa do Grupo Real Club Celta de Vigo, María José Herbón, a que achegou ao alumnado o caso concreto deste equipo de fútbol de primeira división, o primeiro en presentar un Informe sobre o Estado de Información Non Financeira, EINF, na temporada 2018/2019, un estímulo que cada temporada lles permite propor plans de mellora que, segundo explicou, se trasladan a todos os departamentos, tanto no enfoque social, como na integración a nivel de igualdade e de sostenibilidade.

“O mundo cambiou moitísimo, pero o concepto de machismo segue aí”

“O mundo cambiou moitísimo, pero o concepto de machismo segue aí”, salientoulles Molares, quen defendeu con firmeza que nos considerados países avanzados, nos que xa se acadaron importantes niveis de sensibilización cos temas de igualdade “hai que fuxir das cotas” e “loitar por que nos respecten polo talento, por que se coñezan as nosas capacidades e nos deixen medrar”. Nesta liña, a profesora Rodríguez Daponte recalcou tamén a importancia de que as empresas vexan a igualdade como un investimento, non como un gasto. “Hai empresas que redactan plans de igualdade co único obxectivo de acadar máis puntuación nos concursos públicos, que non se decatan de que se trata dunha ferramenta de mellora que os pode axudar a captar e reter talento”, salientou, ao tempo que fixo fincapé en que, “as empresas non gastan en igualdade, invisten en igualdade”.

Teletraballo, conciliación laboral, flexibilidade horaria... son algúns dos conceptos que a pandemia trouxo máis que nunca ao centro do debate. Sobre isto tamén se falou nas xornadas, destacándose a idea de que “o compromiso ten que producirse por ambas partes, os equipos directivos e os traballadores e traballadoras”, salientou Molares, facendo fincapé na importancia de que a flexibilidade se produza en todos os sentidos. “Máis aló de homes e mulleres todos somos persoas e, no caso da igualdade de xénero e de oportunidades, hai moito que traballar, tanto desde a empresa como desde o propio cadro de persoal”.

Cada vez máis firmas galegas teñen selo de Empresas Igual en Xénero

Desde o ámbito universitario as profesoras da UVigo Sonia M. Rodríguez Parada e Belén Fernández-Feijóo, do equipo de investigación en Igualdade de Xénero da Cátedra Ardán, fixeron un debuxo xeral da situación actual das empresas galegas en base ao denominado Índice IG, unha ferramenta que proporciona información obxectiva sobre o grao de igualdade de xénero no traballo que se observa na empresa, a través dunha selección de diferentes variables.

Segundo expuxeron, no caso galego o Índice IG promedio está avanzando cara niveis aceptables situándose este ano en 452 puntos. “Isto supón un crecemento leve, pero representa un percorrido certo nunha realidade empresarial tremendamente incerta”, recalcaron as docentes, ao que engadiron que “incluso as pequenas empresas, que abundan no escenario empresarial galego, demostran que o seu menor tamaño non limita a capacidade de progresar en igualdade laboral por xénero”.

Outra das boas noticias que deixou sobre a mesa esta charla foi o maior número de empresas galegas que alcanzan o distintivo de Empresas Igual en Xénero, cun Índice IG promedio de 893 puntos. “O perfil predominante destas 35 empresas é de máis de medio cento de persoas empregadas, con sede social na provincia de Pontevedra e do sector información e coñecemento”, expuxeron as docentes. Segundo foron relatando, o principal cargo directivo deste tipo de empresas é o dun home, entre 36 e 50 anos, que se rodea dun equipo directivo integrado por homes e mulleres, “un equipo diverso en xénero”. Nesta liña remataron a súa intervención salientando que “a situación actual que viven as empresas é tan convulsa que constitúe un pequeno triunfo non ter retrocedido aos niveis de igualdade de xénero no traballo de anos anteriores”.